Ao límite no hospital de Santiago: profesionais de Medicina Interna claman por máis persoal para garantir a asistencia

Ilustración dunha médica CC-BY-NC Mahmud Shoeb/Pixabay

Pensamos que nos faltan 15 facultativos e a única forma de conseguilos é que se orzamenten para o ano que vén pola Xunta de Galicia. A alternativa son contratos que non te aseguran nada porque, ao final, non poden asegurar un aumento do persoal se non teñen cartos para facelo″. No servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) chegaron ao límite. A sobrecarga de pacientes e a progresiva diminución de camas e persoal nesta área fixo que nos últimos seis meses as mobilizacións das e dos profesionais chegasen ata a directiva da Consellería de Sanidade.

Antes do verán, mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegou a pronunciarse sobre estas reclamacións, gabando o ″espírito construtivo″ das reunións entre Sanidade e os xefes de departamento. A finais do mes de xuño, Antonio Pose, xefe do servizo de Interna en Santiago, presentou a súa dimisión alegando que non se lle ofrecía incorporar ao número de profesionais que precisaban. O pasado venres esta praza publicouse no DOG. No entanto, Sanidade comprometeuse a analizar as propostas "de mínimos" que lle presentaran desde as xefaturas destes servizos, con problemas en todos os hospitais galegos agravados desde a irrupción da COVID. En Compostela, a falta dunha dirección, todo o persoal do servizo uniuse para elaborar un plan que acaba de conseguir presentar á xerente da área sanitaria, Eloína Núñez.

Hospital Clínico Universitario de Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os internistas critican que "o Servizo de Medicina Interna do CHUS ten na actualidade o menor ratio de internistas por 100.000 habitantes de todos os hospitais do terceiro nivel do Sergas"

"Nos últimos anos, o progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal xerou unha situación de sobrecarga actualmente inasumible (o dobre, ou mesmo o triplo en ocasións, dos estándares recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna). Derivado diso, o Servizo de Medicina Interna do CHUS ten na actualidade o menor ratio de internistas por 100.000 habitantes de todos os hospitais do terceiro nivel do Sergas, moi por debaixo da media nacional″, defenden nun escrito asinado pola práctica totalidade das e dos profesionais deste departamento, que tamén asinan ese plan no que reclaman un aumento do 40% do persoal actual, formado por 35 profesionais, para atender ″con garantías″ aos doentes.

Profesionais de Interna no CHUS explican a Praza.gal que se trata dun ″problema estrutural″, pois Medicina Interna ″acolle a meirande parte dos ingresos a nivel hospitalario″: todas as patoloxías crónicas, enfermidades en estudo ou as doencias que afectan a máis dun órgano. Os cálculos para a contratación do persoal dependen do número de camas de ingreso en cada departamento, pero estes cálculos escapan da realidade no día a día da atención á cidadanía que ten que ingresar neste departamento.

A xerencia da área sanitaria de Santiago-O Barbanza asignou catro novas interinidades para Medicina Interna a pasada semana, pero o persoal aínda non ten claro se vai supoñer un aumento real

″En Santiago temos un problema grave porque nos foron retirando camas e se lle foron cedendo a outros servizos hospitalarios, de tal maneira que hai servizos cunha dotación de camas moi superior á ocupación que teñen realmente, como por exemplo Neuroloxía, que é difícil que ocupen máis de 20 ou 25 camas e conta con 40. Nós pasamos a ter só 27 camas de Interna, con 15 dunha unidade especial para os ingresos máis breves. Entón, pasamos de ter 55 camas en total a ter 33. Pero seguimos tendo 70 u 80 ingresos. Onde van? Pois a outras áreas do hospital, o que implica unha peor calidade asistencial porque a enfermería non ter porque poder manexar da mesma forma aos pacientes agudos [o número de profesionais de enfermería non é o mesmo en todas as áreas do hospital] e porque os facultativos podemos realizar un peor control ao ter que ir por todo o hospital″, debulla un facultativo.

Agora, desde a xerencia da área sanitaria de Santiago-O Barbanza asignaron catro novas interinidades para Medicina Interna, que se asinaron a finais da pasada semana. Mais o persoal aínda non ten claro se vai supoñer un aumento real, pois había dúas xubilacións sen cubrir e o posto dun profesional que accedera a unha xefatura. Polo tanto, de momento, valoran estas incorporacións como parte da solución pero manteñen as demandas, que detallan no plan elaborado conxuntamente e presentado á xerente, Eloína Núñez, o pasado 14 de setembro. Na xuntanza celebrada esta semana, case un mes despois de levarlle o informe, os internistas percibiron unha maior vontade de diálogo por parte da dirección. "Asumiron que temos un problema de persoal", aseguran a este xornal os profesionais. 

Extracto do 'Plan Funcional 2022' para o servizo de Medicina Interna do CHUS elaborado polos profesionais CC-BY-SA Servizo Medicina Interna CHUS

"Se unha persoa cunha patoloxía crónica ou con varias doenzas non pode acceder ao seu médico de Familia en tempo, o máis probable é que se descompense, acabe en Urxencias e chegue a Interna"

Pandemia, envellecemento e fuga á privada

A pandemia da COVID-19 ″golpeou moi forte″ a Medicina Interna, que tamén ve incrementado o número de pacientes pola saturación da Atención Primaria. ″Se unha persoa cunha patoloxía crónica ou con varias doenzas non pode acceder ao seu médico de Familia en tempo, o máis probable é que se descompense e acabe en Urxencias, polo que despois chegue a ingresar en Interna. Cando non se pode facer esa vixilancia desde a Primaria tamén se diagnostican máis tarde enfermidades como os cancros, que poden chegar xa en peores condicións e precisamos ingresar á persoa para comezar a tratala. Isto vén marcado pola sobrecarga da COVID e todos os problemas derivados, pero xa estaba de antes″, explica un internista de Santiago que prefire non aparecer identificado nesta reportaxe por medo ás represalias dentro do Sergas.

E cuestións como a crise demográfica e o envellecemento tamén afectan directamente ao servizo de Medicina Interna, pois nel aténdese á xente con varias patoloxías, como acostuma suceder coas persoas de maior idade. No seu plan para o Sergas, estes profesionais evidencian que na área de influencia do hospital de Santiago a idade media é de 50,90 anos (sendo a idade media da poboación galega a 1 de xaneiro deste ano de 47,74 anos), segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Unha cifra sobre a que é preciso apuntar que nesta área se inclúen concellos coas idades medias máis baixas do país, como é o caso de Ames (con 41,06 anos segundo o IGE); pero tamén municipios cunha media de idade moi elevada como Dozón (56,95 anos) ou Santiso (56,31 anos).

Nos últimos cinco anos, seis internistas formados no CHUS optaron por contratos na sanidade privada 

Pero a media de idade non só é alta entre os doentes, tamén o é no cadro de persoal de Medicina Interna en Santiago, onde cinco profesionais maiores de 65 anos teñen prórrogas para seguir traballando e case un terzo superan os 50 anos de idade. Os datos de colexiación médica publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que o 24,5% dos médicos e médicas colexiadas en Galicia teñen 65 anos ou máis e outro 26,2% ten entre 55 e 64 anos, polo que máis da metade se achega ou supera a idade de xubilación. Estes profesionais contan con máis días libres e vacacións, polo que é preciso telo en conta á hora de ordenar o servizo, que non pode quedar a medias. ″A nós non nos substitúe ninguén″, lembran os profesionais, que critican que a xerencia de Santiago non pode xestionar ben o seu departamento porque non coñece as súas necesidades.

Por outra banda, denuncian que ″cada vez é máis frecuente que haxa especialistas en Medicina Interna que deixen de estar dispostos a soportar a situación e opten por outras opcións laborais fóra do Sergas″. Nos últimos cinco anos, seis internistas formados no CHUS optaron por contratos na medicina privada galega, rexeitando quedar na pública nestas condicións. ″A privada compite coa sanidade pública se pensas na túa calidade de vida: cobrar o mesmo, sen gardas e traballando na cidade na que queres″, apuntan. Reclaman contratos estables a través de interinidades para atraer aos profesionais. ″Non é que non haxa internistas, senón que están a fuxir″, inciden.

Profesionais sanitarios nun hospital galego © Xunta

"Con dezaseis pacientes é ir á guerra, vas resolvendo os problemas como podes, incluso ás veces tes que atrasar as altas porque non das feito"

O plan de necesidades faise pensando en que non poden estar todos os profesionais do servizo traballando ao mesmo tempo, ten en conta gardas (mínimo catro persoas á vez), vacacións e libranzas. Segundo recolle o plan funcional elaborado polos internistas de Santiago, ″a media de pacientes diarios hospitalizados a cargo de Medicina Interna (inclúe a Unidade Médica de Alta Precoz e hospitalización na Unidade de Enfermidades Infecciosas) sitúase entre 180 e 205 pacientes, o que supón un 150-170% de media de ocupación real sobre as camas asignadas (mínimo 113%, máximo 240%). Os ingresos anuais diminuíron, manténdose a proporción de altas. A pesar diso, a carga asistencial é maior e a estancia media aumentou″.

″Moitos días saes cunha sensación de inseguridade, porque non é que atendas mal aos pacientes, pero non podes pararte tanto. Non podes traballar o mesmo tendo oito pacientes que tendo dezaseis, a dedicación nunha mañá é imposible que sexa a mesa. Con oito vas con calma, repasando o historial de cada un e mirando todo. Con dezaseis é ir á guerra, vas resolvendo os problemas como podes, incluso ás veces tes que atrasar as altas porque non das feito e hai que mandar á xente ben informada para casa″, afirma un internista do CHUS.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.