Representantes de case unha vintena de municipios da contorna pontevedresa veñen de tecer unha fronte común para denunciaren a "situación límite" do Servizo Galego de Saúde nese distrito sanitario, parte da área de Pontevedra e O Salnés. Encabezados polos alcaldes de Pontevedra (BNG), Ponte Caldelas (PSdeG), Caldas de Reis (PSdeG), Vilaboa (PSdeG), Cuntis (PSdeG), Poio (BNG), Bueu (BNG) e Barro (BNG), aseguran xuntarse para advertir de que "a saúde das persoas" está "en grave risco", mentres que a Xunta coida que o fan por un "tema partidista" en vésperas das eleccións municipais.
Alcaldes e edís de PSdeG, BNG, EU e mesmo C's acudiron á xuntanza, á que declinou asistir o PP
Na xuntanza, co pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores como anfitrión participaron ata trinta representantes municipais de gobernos e oposicións da zona. Á mesa sentaron membros do PSdeG, do BNG, de EU, de forzas independentes e de Ciudadanos. Todas as forzas agás o PP, que declinou acudir. Dela saíu un manifesto que traza un bosquexo da situación: "Non hai persoal médico para cubrir os nove PAC's, o persoal de enfermaría está sometido a un estrés sobrehumano" e "mesmo se fan recaer labores sanitarios no persoal de servizos xerais".
Neste escenario, advirten, "a veciñanza dos vinte concellos que conforman o distrito vémonos na obriga de percorrer PAC's e centros de saúde cada vez que precisamos atención médica" porque non hai "ningún que teña un funcionamento normal", o cal "conduce a un colapso das urxencias hospitalarias". "Magoa ver as persoas doentes, moitas veces de avanzada idade, nos corredores e salas de agarda durante horas interminábeis" e tamén, describen, "as crianzas nos colos dos pais e nais até por fóra das urxencias pediátricas do Hospital Provincial".
Na vintena de municipios do distrito sanitario pontevedrés, advirten, ningún centro de saúde ou PAC "ten funcionamento normal" por falta de persoal, o que "conduce ao colapso das urxencias hospitalarias". O conselleiro Comesaña, que convocou os concellos para a vindeira semana, lamenta que a protesta non cite o Goberno de España
En apenas vinte días de 2023, advirten, xa "faltou asistencia médica" en oito centros da contorna por mor dunha "carencia de profesionais" que "impide ás persoas que traballan na sanidade pública faceren o seu traballo como saben". "A atención sanitaria pública á poboación non está garantida cuns mínimos de calidade", sintetizan, "un feito gravísimo que precisa dunha actuación urxente e decidida da Xunta" que, lembran, ten as competencias "exclusivas" na materia.
Concretamente, reclaman do Goberno galego unha "mellora das condicións laborais do persoal sanitario e a mellora da rede de centros da nosa área", medidas para "cubrir as prazas vacantes, incluíndo as prazas MIR" e "resolver xa a situación das urxencias hospitalarias, especialmente as pediátricas". "Sabemos que faltan médicos, sabemos como a xente está a peregrinar entre municipios buscando traballadores sanitarios, centros nos que poidan ser atendidos. Temos a obriga de esixir as medidas pertinentes para que isto non pase. A situación non está mellorando, non mellorou despois da pandemia, e a xente ten que ser atendida como merece", resume Lores, médico de profesión.
A xuntanza desenvolveuse este pasado mércores, xornada na que o conselleiro de Sanidade visitaba Pontevedra e na que, preguntado ao respecto, reducía a fronte de concellos a "un tema partidista, meramente político". Neste sentido, Julio García Comesaña censurou que o manifesto non cite o Ministerio de Sanidade, ao que o Goberno galego culpa da carencia de prazas en medicina de familia. O propio Comesaña citou para a vindeira semana en Pontevedra -o xoves, día 26- a concellos da comarca para abordar a situación sanitaria. A fronte municipal que vén de ser constituída demanda que ao encontro acuda o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.