A axenda oficial da Xunta tenta dar visibilidade a investimentos en infraestruturas que se suman aos anuncios de sobresoldos para que os médicos acepten traballar máis
A manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este domingo en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública está sendo precedida por parte da Xunta non só con críticas pola súa intencionalidade política e anuncios de máis cartos para que os médicos acepten traballar máis, senón tamén con actos oficiais na axenda pública dos conselleiros, non só do de Sanidade, para dar visibilidade a investimentos en infraestruturas sanitarias.

Ademais dos conselleiros, os delegados territoriais da Xunta están a visitar centros por toda Galicia
Hai días que os delegados territoriais da Xunta veñen visitando diversos centros de saúde por toda Galicia para anunciar obras de todo tipo, desde reparacións de cubertas a melloras na climatización, pero este venres a axenda oficial do Goberno galego foi especialmente significativa nese eido.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, iniciou a súa axenda pública deste venres cunha visita ás obras de ampliación do Centro de Saúde do Porriño na que estivo acompañdo polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e mesmo polo conselleiro do Medio Rural, José González.

A súa xornada continuou coa sinatura dun convenio co Concello de Barro para a construción dun novo centro de saúde nesa localidade. E despois, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra e polo xerente da área sanitaria, José Flores, visitou a recentemente reformada área de fisioterapia do centro de saúde Virxe Peregrina, na capital provincial, onde tamén prometeu máis persoal desa especialidade.

Pero as visitas ou anuncios de obras para infraestruturas sanitarias foron máis alá da Consellería de Sanidade. Tamén este venres a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asistiu na cidade de Lugo á “posta en marcha das obras” do Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia, que aproveitará os espazos do antigo hospital tras anos de abandono.
