O TSXG constata unha “demora manifesta” nun caso no que houbo un intento de desvío do doente, situacións denunciadas tamén pola Valedora do Pobo, que vén desmontando a credibilidade das listas de espera oficiais
Xa o advertiu a Valedora do Pobo hai tres anos e agora queda constatado nunha sentenza xudicial. As persoas en lista de espera por unha operación cirúrxica que rexeitan ser desviados á sanidade concertada poden atoparse nun limbo que demore o seu tratamento.
É unha situación que o Sergas se comprometeu a corrixir tras producirse casos como o agora condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que un doente que rexeitou ser desviado á concertada tardou un ano en ser operado cando a intervención non debía demorarse máis de 90 días. Agora a Xunta terá que indemnizalo con 30.000 euros.
A sentenza agora feita pública polo TSXG relata o caso dun home cunha hernia de disco ao que en xuño de 2018 lle foi prescrita no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo unha operación da mesma. O home estaba xa pendente doutra operación por outra doenza que se lle realizou en novembro daquel ano, polo que postergou a segunda a superar a primeira. Así que un mes despois da primeira operación, o 19 de decembro de 2018 foi incluído na lista de espera para unha cirurxía cualificada como de prioridade II, nas que “o tempo de espera recomendable non debe superar os 90 días”.
O TSXG fixa á Xunta unha indemnización de 30.000 euros “por deficiente funcionamento dos seus servizos públicos sanitarios na asistencia prestada no Hospital Álvaro Cunqueiro”
“A operación, ao fin, levouse a cabo o 23 de decembro de 2019, un ano despois da súa inclusión na lista”, constata a sentenza, que di que “a ninguén escapa que esa demora, superior á axustada ao grao de prioridade sinalado, foi susceptible de producir un agravamento na doenza”, como así sucedeu, deixándolle secuelas e unha incapacidade permanente total para a súa profesión.
Pero a sentenza engade outro dato máis, o de que o doente, tras unha consulta por empeoramento da súa situación cando xa levaba seis meses en lista de espera, “rexeitou outra proposta, realizada o 12 de xuño de 2019, de acudir, a tal fin, a un centro concertado”.
O TSXG remata condenando á Xunta a indemnizar o afectado con 30.000 euros “por deficiente funcionamento dos seus servizos públicos sanitarios na asistencia prestada no Hospital Álvaro Cunqueiro”.
A Valedora vén reclamando a Sanidade que "respecte os tempos asignados polos profesionais sanitarios"
Este tipo de feitos xa foi denunciado pola Valedora do Pobo hai tres anos, cando puxo o foco no limbo no que quedaban as persoas que, ante a "oferta" de seren derivadas a un hospital privado, piden ser intervidas nun centro público. Sanidade respondeulle naquel momento co seu “compromiso” de que ese tipo de doentes non esperen máis dun ano.
Porén, desde aquela a Valedora seguiu facendo públicos casos de persoas que son atendidas en prazos moi superiores aos que reflicten as listas de espera oficiais, ante o que vén reclamando a Sanidade que “respecte os tempos asignados polos profesionais sanitarios”.