Sanidade di á Valedora que se os doentes rexeitan operacións na privada non esperan máis dun ano pola atención no Sergas

Operación cirúrxica no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

A sanidade pública e, dentro dela, a xestión que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde realizan das listas de espera, moi especialmente das cirúrxicas, son asuntos recorrentes nas queixas que cada ano recibe a Valedora do Pobo. Así, por exemplo, o informe emitido pola institución en 2019 (referido a 2018) recollía a necesidade dunha mellor xestión destas listas -ao que a Xunta retrucara que a situación era peor noutras autonomías- e o do pasado ano a alta comisionada puxo o foco no limbo no que quedan as persoas que, ante a "oferta" de seren derivadas a un hospital privado, piden ser intervidas nun centro público. Sanidade asegura agora que, nestes casos, ten o "compromiso" de que non esperen máis dun ano.

Sobre este segundo asunto tivo que regresar a Valedoría durante o ano 2020. Así consta no informe anual entregado este venres ao Parlamento pola titular da institución, Dolores Fernández Galiño. Nel, a Valedora resalta que no ano da pandemia o número de asuntos tratados (cada un pode estar composto por máis dunha queixa e as formuladas de forma colectiva computan a estes efectos como un só) aumentaron un 28% (de 2.276 a 2.912) e que "moitas queixas teñen a súa causa en problemas relacionados directa ou indirectamente coa COVID-19", especialmente dende a primeira desescalada da primavera do ano pasado.

Sanidade é a consellería atinxida por un maior número dos asuntos dentro das queixas recibidas pola Valedora durante 2020, un terzo do total

Dentro das queixas referidas á Xunta, Sanidade é a consellería atinxida por un maior número e asuntos (un terzo do total). Sesenta e catro delas rexistráronse antes do inicio do Estado de Alarma e, dentro delas, a metade estaban centradas en listas de espera, "tanto para consultas como para a realización de probas complementarias e procedementos cirúrxicos". 

É neste punto no que a Valedora lembra que xa en 2019 fixera "referencia á particular situación daqueles doentes que, estando na lista de espera estrutural para seren intervidos dunha patoloxía, xeralmente con prioridade III", rexeitan "a oferta dun centro concertado" formulada polo Sergas. "Estes doentes pasaban a formar parte dunha lista de espera diferentes, coñecida como non estrutural" -cuxos datos non son públicos- na que "non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía", de 180 días.

A Valedora "deduce" da resposta da Xunta que a súa "vontade" é "establecer un período máximo de 12 meses nestes supostos"

"Tendo isto presente", continúa a Valedora, o informe de 2019 sinalaba "a necesidade de establecer para estes doentes que rexeitan a oferta" dunha operación na sanidade privada-concertada un prazo "máximo de tempo" para que "se garanta a súa atención nun período definido". Trátase, resalta, de cumprir a lexislación estatal na materia. 

A institución encabezada por Fernández Galiño volve sobre este asunto porque en 2020 recibiu unha nova queixa ao respecto. Concretamente, a respecto "dun paciente que rexeitou un centro concertado". O 23 de marzo do pasado ano, detalla, "a Consellería de Sanidade trasladou" que "o compromiso é que os pacientes non estean en lista de espera máis dun ano naqueles procesos non complicados". Disto, razoa a Valedora, "dedúcese" a "vontade da Administración" de "establecer un período máximo de 12 meses nestes supostos".

Seis de cada dez actuacións, referidas á Xunta

Alén dos asuntos referidos ás diferentes consellerías, o informe anual da Valedora recolle tamén os datos xerais de todas as súas "actuacións" de 2020, é dicir, todos os expedientes de todas as queixas formuladas. "Debe terse en conta -resalta o informe- que algúns expedientes afectan a diferentes administracións" e dentro delas, "a diferentes órganos", polo que estas cifras globais non son equiparables mecanicamente ás estatísticas de asuntos abordados.

Partindo desta base, case seis de cada dez actuacións realizadas pola Valedora durante 2020 (o 57,5%) referíronse á Xunta. Son case 17 puntos máis que as referidas a concellos (case o 41%). Séguenas moi de lonxe as deputacións, as universidades, as corporacións públicas e as mancomunidades, todas elas por baixo do 1% do total de actuacións.

Neste ámbito estatístico do informe, a Valedora subliña tamén que durante 2020 "aumentou o número e a porcentaxe de mulleres que acoden á institución para promover queixas". Durante ese ano foron 2.994, o 56,40% do total, mentres que "no ano anterior, eran máis os homes". "A causa -sinala- pode atoparse en que a pandemia puxo en primeira liña das preocupacións os coidados, aos que aínda se dedican de forma maioritaria as mulleres".

A Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, entrega o seu informe de 2020 ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.