A Xunta completa a norma que permite o traspaso de pacientes do Sergas á privada

Visita da conselleira de Sanidade a un quirófano do CHUS © Sergas

O Consello da Xunta aprobou este venres o inicio da tramitación do decreto da Lei de Garantías Sanitarias, unha norma aprobada en solitario polo PP. Unha polémica lei criticada por todas as forzas da oposición, polos sindicatos e por colectivos profesionais do Sergas, pero tamén polo Consello Económico e Social e mesmo sinalada pola Asesoría Xurídica da Xunta, designada polo propio Goberno, que expresou dúbidas sobre os seus efectos.

A norma fixa un tempo máximo de espera por unha intervención cirúrxica programada e non urxente de 60 días naturais, unha espera máxima de 45 días nas consultas externas e doutros 45 días nas probas diagnóstica e terapéutica. O Goberno galego vende estes límites como un avance e como unha garantía para a calidade da atención emprestada á cidadanía. Pero a volta desta norma está en que cando eses tempos límites de espera sexan superados, o que á vista das cifras actuais sucederá con frecuencia, o Sergas "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado", segundo prevé a lei, isto é, privado pero sufragado con fondos públicos. Se isto tampouco acontece ou non é posible "o paciente terá dereito a acudir a un centro privado da súa elección, situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a que se lle reembolse o gasto de acordo coas tarifas que se establezan regulamentariamente para o proceso realizado".

Os últimos datos feitos públicos sobre as listas de espera en Galicia amosan que a media nos hospitais do Sergas é de 81,5 días, unha media que ascendería notablemente se se lle suman os datos do centro concertado Povisa, de 199,9 días.

Os últimos datos feitos públicos sobre as listas de espera en Galicia amosan que a media nos hospitais do Sergas é de 81,5 días

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste venres Alberto Núñez Feijoo destacou os supostos beneficios desta norma para a cidadanía: “Ata o de agora se establecían 180 días de espera máxima para intervencións cirúrxicas programadas e non urxentes e agora pasamos a 60 días", omitindo as posibilidades que a norma abre para os centros privados e concertados, sinalando unicamente que superado o límite dos 60 días, o paciente poderá optar por continuar na lista de espera no centro que lle corresponde ou requirir atención "noutro centro acreditado" en Galicia, segundo destaca a nota de prensa da Xunta.

 

Críticas a unha norma que abre a porta ao traspaso de pacientes e cartos á privada

Nos últimos meses a Lei de Garantías Sanitarias foi criticada dende moi distintos ámbitos, comezando polas forzas políticas da oposición. "Como van rebaixar a espera á metade sen engadir máis cartos, máis profesionais e máis medios?", preguntábase o pasado ano a socialista Carmen Acuña. De igual xeito, Eva Solla (AGE) criticaba un proxecto non só "privatizador, senón que ademais presentaba como "liberdade de elección" de centro sanitario a apertura da porta a que "os pauperizados centros públicos compitan polos clientes, puro mercadeo co diñeiro de todos". "Están tentando facer un cambio de modelo de sanidade pública cara a un onde a privada se pon en igualdade de condicións, pola porta de atrás e con covardía", denunciaba Montse Prado.

Para o Consello Económico e Social, a nova lei "impulsa un sistema mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada"

Un dos argumentos máis empregado polos colectivos sociais e profesionais opostos ao proxecto da Xunta é o informe feito público en maio de 2013 polo Consello Económico e Social (CES), un órgano consultivo presidido por Corina Porro no que están representados organizacións sindicais, empresariais, as tres universidades e colectivos do tecido cultural e socioeconómico do país. O informe alertaba do "cambio cualitativo no actual modelo sanitario" que traerá consigo a norma, destacando que a nova lei "impulsa un sistema mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada". Segundo o CES, a proposta "transcende con moito" o establecemento de garantías de tempo de atención, polo que "a súa dimensión social e económica faina merecente dun debate específico e expreso que leve a un consenso social". Un consenso que non existe na actualidade.

O CES tamén poñía en dúbida a viabilidade económica desta lei

O ditame tamén poñía en dúbida a viabilidade económica desta lei, polo gran desembolso económico ao que se vería obrigada a Xunta, que -no caso de non ser quen de reducir aceleradamente as actuais listas de espera- debería incrementar aínda máis o trasvase de cartos dende os orzamentos do Sergas cara aos centros privados. "A magnitude do compromiso de redución dos prazos de atención fai que non sexa factible a súa consecución, mesmo a medio prazo, sen unha importante inxección de recursos no sistema, económicos, técnicos e humanos", sinalaba.

Alberto Núñez Feijoo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, este venres © Xunta
Manifestación pola sanidade pública en Vigo CC-BY-SA CIG
Visita da conselleira de Sanidade a un quirófano do CHUS © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.