0 Gardados para despois

O CES alerta do desembarco da sanidade privada nas prestacións do Sergas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Goberno galego ten en pleno trámite a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, a norma nacida, segundo o presidente da Xunta, da súa propia "convicción persoal" e que o Executivo presenta como a garantía da fin das demoras excesivas para acceder a unha consulta ou a unha intervención cirúrxica, entre outros servizos. Como adiantou Praza Pública, entre os aspectos que máis preocupan a amplos sectores da sanidade galega está o precepto segundo o cal "o paciente" que non reciba "unha oferta para ser atendido no tempo máximo establecido" poderá "acudir a un centro privado da súa elección" e despois a Xunta devolveralle os cartos "de acordo coas tarifas que se establezan". Ás voces alarmadas por este traspaso de doentes á privada únese agora o Consello Económico e Social (CES).

O órgano consultivo que preside Corina Porro, no que están representados organizacións sindicais, empresariais, as tres universidades e colectivos do tecido cultural e socioeconómico do país, vén de emitir o seu preceptivo ditame sobre a lei impulsada por Feijóo e o documento é, na súa maior parte, unha dura reprimenda aos plans gobernamentais. Entre os aspectos que máis alarman o CES está, precisamente, o "cambio cualitativo no actual modelo sanitario" que traerá consigo a norma. O Consello non o dubida: a nova lei "impulsa un sistema mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada". "A proposta transcende, con moito", di o ditame, o establecemento de "garantías" de tempo de atención, " e a súa dimensión social e económica faina merecente dun debate específico e expreso que leve a un consenso social".

O CES coida que a Xunta se dispón a instaurar un modelo sanitario "mixto, caracterizado por unha maior presenza da provisión privada"

Neste contexto, o CES lanza críticas e observacións tanto de forma coma de fondo. Así, de inicio, considera "necesario que o anteproxecto determine a natureza do dereito a acudir a un centro privado", especificando se a persoa usuaria terá que realizar "algún tipo de comunicación" previa ao Sergas ou se debe "mediar denuncia previa do incumprimento" do tempo máximo establecido. Se o cidadán ou cidadá opta pola privada o ditame sinala que "debería ser resarcido, cando menos, coa totalidade do desembolso que realizase para custear a intervención" e "non conforme a unhas tarifas cuxo contido se descoñece (...) e que mesmo puideran supoñer, de facto, unha limitación ou mesmo anulación da garantía conferida ao usuario, no caso de que as contías (...) previstas se desviasen sensiblemente do custo das intervencións". Ademais, abonda, a Xunta "debería ter en conta criterios" que "garantan que aqueles pacientes con menos recursos" poidan ter o mesmo dereito.

Imposible de aplicar cos recursos actuais

Xunto ás críticas a aspectos concretos o Consello Económico e Social chega a dubidar das posibilidades reis de que a lei poida chegar a ser aplicada, e aquí pon o acento, novamente, no papel do sector privado. Dados os "datos actuais dispoñibles" no referido a listas de espera, os "obxectivos fixados pola lei" -atención en 60 días en intervencións cirúrxicas, 45 días para consultas externas e os mesmos 45 nas "probas diagnósticas e/ou terapéuticas"- "só se poderán acadar, xunto coa mellora na xestión pública, acudindo de xeito xeneralizado á provisión privada, xa sexa programada ou acudindo ao reembolso". "Dada a importancia deste cambio de modelo e as súas consecuencias económica, o CES entende que non debe ser asumido como un simple efecto indirecto derivado dunha lei de garantía de prestacións sanitarias", indica o documento.

O Consello dubida do "alcance real" da lei e advirte de que, para cumprila, cómpre "unha importante inxección de recursos económicos, técnicos e humanos"

Así e todo, o CES non chega a ver realizable o contido da lei nin sequera coa intervención privada, chegando a cuestionar "o alcance real" das disposicións que proxecta o Goberno "e o significado que, na práctica, terán para os usuarios do sistema público de saúde, sobre todo se atendemos ás continuadas referencias a un posterior desenvolvemento regulamentario". En calquera caso, "a magnitude do compromiso de redución dos prazos de atención fai que non sexa factible a súa consecución, mesmo a medio prazo, sen unha importante inxección de recursos no sistema, económicos, técnicos e humanos". Dado o "contexto económico recesivo" e "atendendo o volume de recursos destinado a atención sanitaria", o CES ve "imprescindible o acompañamento dunha memoria económica que garanta a viabilidade financeira da lei".

Á "falta de determinación" súmase ademais, reprocha o Consello, a "pouco afortunada redacción dalgúns preceptos". Este pode ser o caso, por exemplo, do artigo 4, no que se regulan as persoas beneficiarias da norma e no que o CES considera que debe ficar claro que "o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos (...) debe ser de cobertura universal". Noutros casos, nos que si hai maior concreción, o ditame considera que a lei non amplía, senón que reduce dereitos. É o caso, por exemplo, da "garantía de segunda opinión médica": "non existe xustificación para modificar os termos do vixente decreto", promulgado polo bipartito en 2007, "xa que este inclúe un catálogo de dereitos máis amplo que os recollidos no texto do anteproxecto, que empeora as garantías conferidas ás persoas usuarias", subliña.

O ditame insta a Xunta a corrixir tamén os seus erros ortográficos e lingüísticos

Os casos en que os doentes poden perder as garantías de acceso ás prestacións nun tempo determinado ou a achega de información só por Internet en determinados casos son outras das críticas formuladas nun informe no que o CES insta a Xunta a corrixir as súas formulacións mesmo no ámbito redacciónal. "Recoméndase unha revisión ortográfica e lingüística do texto do anteproxecto ao detectarse numerosos erros", alerta o Consello. Entre outros, "na exposición de motivos existe unha falta de concordancia entre a estrutura da lei anunciada" e "a numeración que figura no corpo do texto", unha lei de 1986 é datada en 1996, "utilízanse as letras 'j' e 'k', que non forman parte do alfabeto galego" e o "masculino xenérico" é empregado de xeito "xeneralizado ao longo do texto".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A oposición en pleno, no inicio da campaña "por un hospital sen recortes nin privatizacións" para Vigo

O rexeitamento á construción e posta en marcha do novo hospital de Vigo a través dun sistema de colaboración público-privada uniu este mércores por tras da mesma pancarta os líderes das tres forzas da oposición parlamentaria. Pachi Vázquez, Xosé Manuel Beiras e Xavier Vence explicitaron coa súa presenza o apoio á campaña "de mobilización cidadá e profesional por un hospital único, sen recortes nin privatizacións" que vén de iniciar a plataforma SOS Sanidade Pública e que culminará o día 27 cunha mobilización.

Despois de que a Consellería de Sanidade tivese que saír ao rescate da unión de empresas concesionaria da obra para proporcionarlle financiamento a través do ICO e do Banco Europeo de Investimentos, o concurso de acredores en Obras, Caminos y Asfaltos, que ten o 10% da UTE, SOS Sanidade e a oposición coinciden que o Goberno galego debe "rescatar" a concesión e erguer o complexo por un sistema nidiamente público.

Beiras reafírmase en que os recortes "matan máis xente que ningún grupo terrorista"

Neste contexto, a plataforma cidadá tentará "informar a cidadanía da necesidade e urxencia do novo hospital, paralizado por falta de financiamento privado a persar dos serios recortes introducidos para facelo atractivo economicamente ás empresas adxudicatarias". Dende a banda socialista concórdase en que a "falta de financiamento privado" non pode ser unha "escusa" para non continuar co hospital e, nunha liña semellante, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, ve en Vigo un exemplo máis do "fracaso" deste modelo de colaboración público-privada, un "grave erro" no que é "irresponsable perseverar". Para Beiras, o que acontece con este hospital é unha mostra máis de que os recortes "matan máis xente que ningún grupo terrorista"

Nova protesta contra o desmantelamento dos COF

Nova concentración en defensa dos centros de orientación familiar da Coruña e polo mantemento do COF do barrio do Ventorrillo. Ducias de persoas, en representación de organizacións cidadás, feministas, asociacións de veciños e grupos políticos e sindicais, manifestáronse diante do Hospital Materno Infantil para reclamar o mantemento do devandito centro, así como a normalización do seu funcionamento para "prestar en condicións de normalidade a atención da saúde sexual e reprodutiva"

María Seijo, presidenta da Xunta de Persoal da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña leu o comunicado, que contou co apoio da comisión sindical de centro do hospital, ante a grave situación que están a provocar os recortes da Xunta neste ámbito.

Finalmente, o Sergas contratou unha xinecóloga para o COF do Ventorrillo logo de que a falta de cobertura desta praza desencadease todas as alarmas. No entanto, fíxoo "dun modo incomprensible", xa que en lugar de traballar de luns a venres nas instalacións do COF do Ventorrillo xunto ao resto do persoal, en realidade só traballa para o COF "os martes pola tarde e fóra do centro, nunha consulta do Hospital Materno Infantil", tal e como denuncian os convocantes da protesta.

"Semella unha burla do Sergas, unha resposta ante a presión social pero parece que seguen coa intención oculta do peche do COF do Ventorrillo e a posible asfixia do de Orillamar", di.  A mala organización asistencial está provocando problemas ás mulleres (ou homes, que tamén son atendidos no COF) que veñen de lonxe; hai que ter en conta que o COF do Ventorrillo é o centro que atende aos municipios fóra da cidade ata Cee e a todos os concellos agás Oleiros", insisten.

Na resposta parlamentaria do goberno do PP insisten en que as mulleres serán atendidas polos médicos de familia e matronas en atención primaria pero non concretan ningún plan. "Parece que dun día para outro, como se dun milagre se tratase, calquera muller poderá ser atendida nos centros de saúde. Non hai quen poida crer tal bulo. A realidade coñecémola todos: as mulleres acabarán resolvendo os seus problemas na medicina privada ante a limitación e falta de claridade de futuro do servizo público", insisten.

Por outra banda as deficiencias do COF do Ventorrillo acabarán dificultando á  atención do COF de Orillamar xa que hai consultas que non poden esperar e son atendidas neste centro, que si está activo diariamente.