0 Gardados para despois

O PP segue adiante en solitario coa lei que lle pasa pacientes do Sergas á privada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Criticada pola oposición en pleno, polos sindicatos e por colectivos profesionais do Sergas, pero tamén polo Consello Económico e Social. Mesmo a Asesoría Xurídica da Xunta, designada polo propio Goberno, expresou dúbidas sobre a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria, a norma presentada polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo como a garantía de que ninguén vaia esperar máis do debido por unha intervención cirúrxica ou unha consulta pero que, na práctica, supón o sustento para un trasvase masivo de pacientes do Servizo Galego de Saúde á Sanidade Privada. Este martes debatíanse no Parlamento as emendas á totalidade do texto, presentadas pola oposición, e o PP fixo valer o rodete da maioría absoluta para seguir adiante co seu plan.

Tras unha intervención da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na que apelou a "sacar do debate político" cuestións como as listas de espera e glosou as bondades do seu proxecto. "Un día van chegar aquí dicindo, como facía o ditador, que non nos metamos en política", ironizou a voceira do BNG, Montse Prado, convencida de que a lei é un "convite" en toda regra para que "as persoas enfermas vaian á sanidade privada", xa que cando estea en vigor o Sergas dará opción de acudir a un hospital privado se, por exemplo, non realiza unha operación en menos de sesenta días. "Están tentando facer un cambio de modelo de sanidade pública cara a un onde a privada se pon en igualdade de condicións". Pero fano "pola porta de atrás", con "covardía", lamenta.

"Poñen a sanidade de privada en igualdade de condicións coa pública, pola porta de atrás e con covardía"

Tamén a voceira da AGE, Eva Solla, ve "moi perigosa" esta nova lei, presentada por Feijóo como froito da súa propia "convicción persoal". Para a parlamentaria de Alternativa o proxecto non so é "privatizador, senón que ademais presenta como "liberdade de elección" de centro sanitario a apertura da porta a que "os pauperizados centros públicos compitan polos clientes, puro mercadeo co diñeiro de todos" que, finalmente, augura, dará en beneficiar a privada. "Pero os únicos númeors que lles interesan son os dos cartos" e non os duns "tempos máximos de espera imposibles de cumprir cos investimentos actuais", algo que "dicimos nós" e "tamén dixo o Consello Económico e Social".

"Como van rebaixar a espera á metade sen máis cartos nin máis profesionais?"

Como as súas homólogas de Alternativa e do Bloque, a voceira sanitaria do PSdeG, Carmen Acuña, alerta do "novo engado do presidente" que se agocha tras esta lei. "Como van rebaixar a espera á metade sen engadir máis cartos, máis profesionais e máis medios?", pregúntase Acuña, para quen unha lei de garantías non é o vehículo axentado para "atacar o máis sagrado, a universalidade da asistenica sanitaria" pola vía de "equiparar por lei a sanidade pública e a privada, sexa concertada ou non". Ata a Asesoría Xurídica do Executivo "tivo que lembrarlles que non trata do dereito á saúde, senón do dereito á asistencia sanitaria pública, unha vergoña", afirma.

Neste contexto o único valedor da lei foi o voceiro do PP, Miguel Santalices, para quen este é o proxecto "de máis callado de toda a lexislatura" por elevar a rango de lei o cumprimento dunhas listas de espera que, ao contrario que a conselleira, non considera que deban quedar fóra do debate. "Eu utilicei moito a lista de espera [contra o bipartito], non saben vostedes o que a utilicei", admite o conservador, para quen "o que quere expresar a conselleira" non é "que non se poida utilizar" nos debates, senón que "lle deamos o tratamento normal".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.