A espera no Sergas segue por riba dos 80 días e impulsa o trasvase de doentes á privada

Visita da conselleira de Sanidade a un quirófano do CHUS © Sergas

O ton do presidente da Xunta, primeiro, e dos principais responsables do Servizo Galego de Saúde, xusto despois, soou case triunfal. O pasado xoves Alberto Núñez Feijóo aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para explicar algúns detalles dun informe sobre as listas de espera que o Sergas ía facer públicas este venres. O xefe do Executivo falou abertamente de "redución" e, vinte e catro horas máis tarde, dende a Consellería de Sanidade púñase o acento nos tempos de agarda para as patoloxías máis graves para salientar que en Galicia se ofrece "unha atención sanitaria de calidade, en tempo e forma". Así e todo, a demora media para acceder a unha operación cirúrxica segue por riba dos 80 días, o que implica un impulso do trasvase de doentes á sanidade privada, segundo a lexislación vixente.

Segundo os datos feitos públicos este venres a espera cirúrxica media sitúase en 82,8 días, o que implica unha lixeira redución a respecto dos 83,4 días rexistrados a final do primeiro trimestre de 2013. Con estes datos na man a sanidade pública galega acumula xa once trimestres consecutivos sen baixar dos 80 días de espera cirúrxica, algo que aconteceu por última vez na primavera de 2011. Para atopar valores inferiores aos 70 días de media cómpre remotarse ata o segundo trimestre de 2009, cando este indicador descendeu ata os 67 días.

O resultado medio está máis de 20 días por riba do establecido na Lei de Garantías, en vigor dende marzo

O feito de ter a media de espera cirúrxica en 82,8 días implica que está 22,8 días por riba do establecido na Lei de garantías de prestacións sanitarias, a norma xurdida da "convicción persoal" do presidente, en verbas do propio Feijóo, e aprobada en solitario polo PP o pasado decembro. Atendendo esta lei, en vigor dende marzo, os pacientes do Sergas teñen "garantido" o acceso a unha intervención cirúrxica programa nun máximo de 60 días. "No caso de que a espera prevista supere o tempo máximo establecido", os 60 días, o Sergas "deberá ofertar a realización da prestación noutro centro da rede pública ou nun centro concertado", isto é, privado pero sufragado con fondos públicos. Se isto tampouco acontece "o paciente (...) terá dereito (a acudir a un centro privado da súa elección) coa única condición de que estea en Galicia e a adiantar os cartos para que o operen. Posteriormente, a Xunta devólvelle o diñeiro.

Todo isto sucede nun contexto no que están a esperar por unha operación un total de 38.106 persoas, un 4,2% máis que hai un ano, segundo o propio Sergas. O centro máis saturado é o Complexo Hospitalario de Vigo, con 7.705 doentes a agardar, e onde menos acumulación existe segundo estes datos é no Hospital de Monforte, onde esperan 216 persoas.

Mellores resultados nas consultas

Mentres a lista de espera cirúrxica abona o terreo para o trasvase de pacientes á privada con apoio na propia lei a demora nas consultas hospitalarias presenta un comportamento notablemente mellor. Neste caso, a demora media situouse no primeiro trimestre de 2014 en 40,4 días, por baixo dos 49,3 de marzo de 2013 e tamén por baixo dos 45 días fixados na devandita lei de garantías. 

A espera para consultas está en 40,4 días, case 9  menos que hai un ano

Por centros hospitalarios, o mellor resultado en consultas é o do Hospital da Barbanza, onde a espera media é de 16,2 días, seguido moi preto polo Hospital de Valdeorras, onde a espera é de 16,4. Na banda contraria está o Arquitecto Marcide de Ferrol, onde o resultado para consultas é de 54,3 días de media, e o Complexo Hospitalario de Vigo, con 56,5días.

Visita da conselleira de Sanidade a un quirófano do CHUS © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.