A Valedora do Pobo vén de entregar ao Parlamento o seu último informe. Corresponde ao ano 2018, polo que aínda que xa foi tramitado ante a Cámara pola nova titular da institución, Dolores Fernández Galiño, aínda inclúe as queixas remitidas pola cidadanía en tempo da dimitida Milagros Otero.
No caso das queixas referidas á Xunta, un total de 19.456 sobre 1.095 asuntos distintos, un ano máis destacan entre elas as dirixidas a consellerías cuxa xestión ten maior impacto na vida cotiá da cidadanía. Así, no número total de queixas a Consellería de Sanidade foi a que acumulou maior volume de reclamacións, mentres que no cómputo de asuntos diferentes, ese primeiro posto foi para a de Educación.
Desta volta Sanidade non se limitou a responder á Valedora durante o trámite das queixas, senón que optou por retrucar publicamente pouco despois da presentación do informe
Entre os asuntos aos que o informe da Valedora apunta como causas de disconformidade cidadá coa sanidade pública figura, unha vez máis, a xestión das listas de espera. Pero ao contrario que noutras ocasións, a Consellería non se limitou a expoñer os seus argumentos á Valedoría durante o trámite de cada queixa, como marca a lei.
Tamén optou por retrucar publicamente ás advertencias da alta comisionada mediante un comunicado remitido á prensa pouco despois de que Fernández Galiño entregase o seu informe ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Entre a réplicas do departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuíña destaca unha: que noutras autonomías a situación é peor.
"A poboación galega percibe unha deterioración continua do sistema público de saúde", di o informe da Valedora, que advirte da persistencia do "problema estrutural" das listas de espera
"Do análise o conxunto de expedientes e reivindicacións", di o informe, "conclúese que a poboación galega percibe unha deterioración continua do sistema público de saúde que afecta tanto á atención primaria como á especializada". As reclamacións chegan da poboación atendida pero tamén "dos propios profesionais, que frecuentemente se dirixen" á institución "reivindicando medidas" que "palíen as dificultades ás que se enfrontan na prestación do servizo", salienta.
O informe da Valedora detense sobre problemáticas concretas referidas ao eido sanitario que tratou durante o ano nas queixas da cidadanía. Entre elas, a escaseza de pediatras ou as listas de espera. "Debe destacarase -afirma- que unha porcentaxe moi elevada das reclamacións sobre tempos de espera en Sanidade resólvense satisfactoriamente tras a intervención" da Valedoría, pero "o problema estrutural pervive e constitúe unha das críticas máis abondosas por parte dos usuarios". "Non podemos obviar", advirte, que este asunto xa deu lugar a "múltiples intervencións" da Valedoría neste tempo.
Alén dos "tempos excesivos" de demora, a Valedora insta a Sanidade a pór fin á "práctica" de non fixar data da cita para probas, consultas e operacións no momento en que o paciente a solicita
A Valedora evidencia que a Xunta ten en marcha leis como a de garantías de tempos de espera máximos e a normativa que a desenvolve. Alén das lagoas desa normativa, advirte de que "o problema" xa non é "só que o tempo de espera resulte excesivo", senón tamén que "en moitas das reclamacións" fica "constatado" que "o paciente nin sequera ten concretada data para consulta, intervención ou proba". Esa "práctica de non obter unha data concreta no momento de solicitar cita debe ser corrixida", reclama citando casos concretos como o TAC do Hospital de Ourense para o control a pacientes que padecen ou padeceron cancro.
O retruque da Consellería
A pouco usual réplica pública da Consellería de Sanidade chegou pouco despois. Sen referirse abertamente á Valedora, a Xunta subliñou aos medios que "o tempo medio de espera cirúrxica en Galicia" está "moi por baixo da media estatal" que, con "93 días" a 30 de xuño, está "36,6 días" por riba da "media galega", afirman. Ademais, gábase, "no primeiro semestre deste ano 2019" a espera media no Sergas "foi de 56,4 días, 3,4 días menos que no mesmo período do ano anterior.
Para a Xunta, a conclusión debería ser que "o sistema sanitario público de Galicia é moi resolutivo, moi accesible e moi eficaz"
A Xunta insta a ter en conta tamén que, por exemplo, "continúa cumprindo o compromiso de atender as patoloxías máis graves por baixo dos 30 días" ou que "segue a traballar na implantación das vías rápidas de cancro para dar unha resposta aos pacientes de acordo coas súas necesidades". Non se refire, en calquera caso, a unha das principais queixas da Valedora: a práctica de enviar á casa os doentes sen cita prevista, avisándoos posteriormente.
Segundo a Xunta, a conclusión sobre a xestión das listas de espera sanitarias en Galicia debería ser outra moi diferente. "Estes datos amosan que o sistema sanitario público de Galicia é un sistema moi resolutivo, moi accesible e moi eficaz", conclúe.