Dolores Fernández Galiño asume o cargo reivindicando novamente o feminismo nun acto no que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, agradeceu o traballo da dimitida Milagros Otero
A maxistrada Dolores Fernández Galiño, elixida o mércores nova Valedora do Pobo por unha maioría reforzada do Parlamento, tomou posesión do cargo este venres. Fíxoo cun discurso no que, ademais de reivindicar novamente o feminismo como xa fixera hai uns días na Cámara durante a defensa da súa candidatura, presentou tamén como un “dereito básico” da cidadanía o “riquísimo patrimonio cultural e lingüístico” de Galicia.
Fernández Galiño foi elixida para o cargo polo Parlamento (a proposta do PP, co apoio do PSdeG e con críticas do resto de formacións polo xeito de elección) tras a dimisión da súa antecesora, Milagros Otero, despois de que a xustiza sentenciase que interferira nun proceso de selección para darlle un posto a unha sobriña de Manuel Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PP.
O presidente do Parlamento agradeceu o traballo de Milagros Otero e considerou "imprescindible" a institución en democracia
No acto deste venres o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que agradeceu o traballo realizado por Milagros Otero, salientou que a institución do Valedor do Pobo é “imprescindible” en democracia e amosouse convencido de que Fernández Galiño actuará coa “prudencia, acerto, vocación e rigor” que dixo caracterizan a súa traxectoria.
O próximo luns a Comisión de Peticións do Parlamento reunirase para avaliar a candidatura de María Xosé Porteiro para o posto de adxunta á Valedora. Porteiro foi proposta polo PSdeG dentro do seu acordo co PP para repartirse a designación dos dous postos.