Cambio de ton e, aparentemente, tamén de axenda política na Valedoría do Pobo. Quen dende este luns é oficialmente candidata cos votos de PP e PSdeG a ser elixida nova Valedora do Pobo en substitución da dimitida Milagros Otero, Dolores Fernández Galiño, someteuse á preceptiva audiencia ante a comisión de peticións do Parlamento. Alí situou tornar o feminismo en "sinal de identidade da institución" como unha das prioridades do seu mandato no caso de que, como é previsible, saia elixida no pleno extraordinario do vindeiro mércores.
A maxistrada Dolores Fernández Galiño é xa formalmente candidata a substituír a Milagros Otero como Valedora do Pobo e previsiblemente será elixida cos votos de PP e PSdeG
Fernández Galiño, que dende 2001 exerce na Audiencia Provincial da Coruña como maxistrada, rango que acadou en 1992, apenas tivo perfil público no seu labor xudicial onde, a súa actuación de maior impacto mediático foi a de ser parte do tribunal que axuizou o naufraxio do Prestige. No seu percorrido profesional, salientou, traballou tendo "garantida por lei a miña independencia" e por iso, asegura, esa "independencia" é parte do seu "capital persoal".
Quen se dispón a ser a quinta titular da institución con plenos poderes expuxo na súa primeira intervención ante o lexislativo o que, afirma, pretende que sexa o seu decálogo á fronte da Valedoría, institución que "ten a súa pura razón de existir" na "defensa dos dereitos humanos". Como primeira destas prioridades Fernández Galiño sinala a "efectividade do dereito fundamental á igualdade de trato entre homes e mulleres" e para iso, subliñou, "o feminismo, como ideoloxía que promove a igualdade de mulleres e homes" e rexeita "os estereotipos que coartan a súa liberdade" ten que "ser sinal de identidade da institución".
A candidata sitúa os dereitos lingüísticos como "dereito humano básico da cidadanía galega"
"O feminismo precisa de mulleres feministas fortes e de homes feministas fortes", agregou a candidata a Valedora, quen asegura pretender tamén prestar "especial atención á violencia de xénero como manifestación máis brutal da desigualdade". O acoso laboral e escolar, a trata de persoas, a discapacidade, a defensa de "colectivos desfavorecidos, emigrantes e inmigrantes", os dereitos dixitais ou a protección do medio ambiente son outros dos aspectos subliñados por Fernández Galiño para o seu quinquenio.
En Marea, BNG e Grupo Mixto lamentan que a elección vaia apoiarse nun pacto "bipartidista" de PP e PSdeG
Neste contexto, afirma, tamén contemplará o "goce e promoción da nosa cultura e dos dereitos lingüísticos das persoas" como "un dereito humano básico da cidadanía galega". Neste sentido, durante a exposición do seu currículo salientou que como titular do xulgado do Social número de Pontevedra (1992-2001) este órgano xudicial estivo "normalizado en galego durante todo o tempo que estiven destinada nel".
O perfil profesional exposto por Fernández Galiño e a súa primeira exposición ante o Parlamento foi eloxiado por populares e socialistas e, agás matices, tampouco recibiu críticas de relevancia do resto de grupos. Non obstante, o feito de que o seu nomeamento responda a un pacto previo de PP e PSdeG foi criticado dende os grupos de En Marea, BNG e Mixto, que lamentan que o acordo "bipartidista" volva sustentar a elección desta alta comisionada. Os grupos da oposición concordaron, non obstante, na necesidade de deixar atrás canto antes a convulsa etapa de Milagros Otero.