A candidata proposta polos populares, a maxistrada Dolores Fernández Galiño, será votada o próximo mércores polo pleno do Parlamento co apoio dos socialistas, que a cambio volverán propor a persoa adxunta ao cargo
Apenas unha semana despois de que a anterior Valedora do Pobo, Milagros Otero, formalizase a dimisión en diferido que presentara hai tres meses por facilitar un posto a unha sobriña de Fraga, o Parlamento de Galicia elixirá o próximo mércores á nova titular do cargo, a maxistrada Dolores Fernández Galiño. A celeridade coa que agora, tras tres meses de falsa dimisión de Otero, se votará a proposta de reemplazo formulada polo PP evidencia para En Marea, BNG e Grupo Mixto que os populares forzaron a continuidade no cargo de Otero á espera de conseguir un acordo para renovar a institución co PSdeG, que virían de pechar agora e co que os socialistas volverán propor a persoa adxunta ao cargo.
Tras a última reforma legal da institución, o Valedor do Pobo está encabezado por unha persoa titular e unha adxunta, cargos que deben ser elixidos conxuntamente polo Parlamento nunha votación que require do apoio de cando menos tres quintas partes da Cámara, o que impide que o PP poida sacala adiante en solitario. En 2015 os populares propuxeron o nome de Otero cedendo ao socialistas a proposta do adxunto, Pablo Cameselle, ata daquela home de confianza de Abel Caballero. E o mesmo volverá pasar desta volta.
Este venres, tras a reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento que acordou incluír a votación da renovación do Valedor no próximo pleno, o vindeiro mércores, os restantes grupos criticaron que nin se lles consultase previamente a proposta e lamentaron que se repitan os “erros” pasados nesa institución.
En Marea, BNG e Grupo Mixto critican que PP e PSdeG repitan "erros" do pasado e piden renovar a institución con "consenso"
Para o portavoz do grupo parlamentario de En Marea, Manuel Lago, "o PP chegou a un acordo de reparto de cargos co PSOE, reeditanto o bipartidismo que hai tres anos elixiu a anterior Valedora, repartíndose os cargos dun xeito intolerable" e lamentou que "aí está o pecado orixinal que explica o desastre que foron estes tres anos". Sobre a proposta de Fernández Galiño o portavoz dixo que "esta persoa non é elixida polo conxunto do Parlamento, non representa a soberanía popular, representa a un grupo parlamentario". "A candidata do PP pactada co bipartidismo do PSOE non vai ter o apoio do noso grupo parlamentario", sentenciou.
Desde o BNG a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, tamén cargou contra o que cualificou como “pacto de despachos” entre PP e PSdeG repetindo unha fórmula que deu “resultados nefastos”, dixo. Rodil reclamou que se abra un proceso de negociación para renovar o Valedor do Pobo por consenso e non cunha “renovación a fume de carozo e sen negociación nin diálogo” tras meses de “empeño do PP de manter ao fronte” a Otero tras as sentenzas xudiciais na súa contra.
Desde o Grupo Mixto Luís Villares tamén lamentou o “mal comezo” do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se estreará tamén nese pleno da próxima semana no seu escano no Parlamento de Galicia. “Debería buscar consensos no espazo progresista amplo de Galicia”, dixo, fronte ao que lamentou que opte por “buscar consensos na dereita para pactar co PP o nome da persoa que ocupará a Valeduría do Pobo”.
Leiceaga di que os socialistas traballan para que a persoa que ocupe o posto adxunto á valedora cumpra os "criterios" do resto de grupos da oposición
Ante esas críticas, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que a súa formación traballa para que a persoa que ocupe o posto adxunto á Valedora cumpra os “criterios” expostos polo resto de grupos da oposición, pero xustificou a postura socialista lembrando que o nomeamento require necesariamente dun acordo co PP.
Leiceaga tamén considerou que a proposta popular de Fernández Galiño non ten significación política, algo no que coincidiu co viceportavoz do PP, Miguel Tellado, quen salientou a “preparación, profesionalidade e independencia” da candidata que propón o seu partido e, malia que a lei establece que o Valedor do Pobo depende do Parlamento, pediu quitar a institución do “debate entre os partidos políticos”.