Milagros Otero vén adiando a súa marcha do cargo despois de que a xustiza establecese que interveu para darlle un posto “a medida” a unha sobriña de Fraga e irmá do voceiro do PP
A Valedora do Pobo, Milagros Otero, enviou este xoves un escrito á Mesa do Parlamento no que propón subir o seu soldo este ano un total dun 2,5%. A proposta prodúcese ao tempo que Otero vén adiando a súa marcha do cargo, ao que presentou en abril unha dimisión que non foi tal despois de que a xustiza establecese que interveu para darlle un posto “a medida” a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá do voceiro do PP.
Segundo o escrito presentado por Otero ante a Mesa do Parlamento, desvelado este venres polo grupo de En Marea, Otero reclama que, tras ver aumentado o salario a comezos de ano un 2,25%, agora lle sexa de aplicación tamén, con carácter retroactivo desde o pasado día 1 deste mes, unha suba adicional do 0,25% a que ten dereito o funcionariado por subir o PIB estatal. Esa suba, acordada hai un ano polo anterior ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, cos sindicatos, foi presentada hai uns días por Feijóo como novidosa para o funcionariado autonómico. Agora a Valedora pide ao Parlamento, do que depende o seu cargo, que esa suba lle sexa de aplicación tamén a ela e ao seu adxunto.
A vicevoceira do grupo de En Marea, Carmen Santos, considera "unha vergoña" a petición da Valedora, que ten xa "unha das retribucións máis altas do sector público en Galicia, con 75.000 euros de salario e outros 22.000 para gastos
Otero propón esta nova suba salarial un ano despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) establecese que interveu indebidamente nun procedemento de selección de persoal para outorgar un posto “a medida” na institución a María Puy Fraga, sobriña de Manuel Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, e filla do catedrático de Dereito da USC Francisco Puy, de quen Otero foi "discípula".
Tras a sentenza, tanto Otero como o PP remitiron a decisión sobre o seu futuro no cargo a un recurso ante o Tribunal Supremo que foi rexeitado o pasado abril. Otero presentou daquela unha suposta renuncia ao cargo que corrixiu ás poucas horas por outra fórmula que lle vén permitindo seguir no posto de xeito indefinido ata que os grupos parlamentarios se poñan de acordo sobre quen a substituirá, negociacións que vén bloqueando o PP.
Este venres a vicevoceira do grupo parlamentario de En Marea, Carmen Santos, salientou que a Valedora xa con “cunha das retribucións máis altas do sector público en Galicia”. "Quedamos realmente perplexos con esta solicitude e parécenos unha vergoña", sinalou Santos, "tendo en conta a súa controvertida xestión, que considere non só que non debe dimitir, senón que ademais reclame aínda máis diñeiro público, cando cobrou case cen mil euros polas súas funcións", suma dos 74.800 euros por salario, 11.000 euros en gastos de libre disposición e outros 11.000 en gastos de representación, segundo consigna a súa propia web.