A pasada primavera o Tribunal Supremo rexeitou tramitar o recurso co que a Valedora do Pobo, Milagros Otero, tentaba revogar a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou, por "desvío de poder" de "abritrariedade" o nomeamento como xefa de servizo na institución dunha sobriña do falecido ex-presidente Manuel Fraga, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O proceso, segundo o Tribunal, fora "á medida" da elixida.
Tras o pronunciamento do Supremo a Valedora presentou a súa renuncia, pero ao día seguinte reformulouna de tal xeito que pode continuar indefinidamente no cargo se o PP non accede á súa destitución
Este pronunciamento xerou toda unha treboada política no medio da que Otero presentou a súa "renuncia", pero vinte e catro horas despois modificouna. Reformuláraa de tal xeito que podía seguir exercendo indefinidamente agás que o Parlamento a destituíse, para o cal son imprescindibles os votos do PP, que a propuxo para o cargo que agora pode manter, cando menos, ata o outono.
Os propios servizos xurídicos do Parlamento constataron o bloqueo da institución. A súa suposta renuncia "non cumpría os requisitos "legais", polo que a efectos prácticos non existiu. Foi daquela, en abril, cando a oposición parlamentaria se uniu para forzar unha votación para destituíla. O PP abstívose entre eloxios a Otero pola "responsabilidade" de poñer o seu cargo "á disposición" e críticas á prensa que informou do caso da sobriña de Fraga. Tamén cunha chamada máis ou menos xenérica a "negociar un nome" para remudar a Otero e outro, para substituír o seu adxunto.

O período de sesións do Parlamento finaliza con Otero no cargo e nel seguirá, como mínimo, ata o outono
Case tres meses despois daqueles debates e cando xa transcorreu máis dun ano dende a primeira sentenza do Tribunal Superior sobre o caso, en realidade nada se moveu. As eleccións xerais e municipais, con cadansúas vagas expansivas na política galega, condicionaron un escenario non que as devanditas conversas para a remuda non se produciron a efectos prácticos. Será así como remate o período de sesións do Parlamento, a mediados deste mes, e en idéntica situación será como o lexislativo retome a actividade ordinaria a mediados de setembro.
Deste xeito, aínda no improbable caso de que no outono, co Parlamento xa arrecendo a precampaña, os grupos acadasen un pacto para substituír a Otero, a titular da valedoría galega acumularía no cargo medio ano dende a renuncia que non foi tal e exercendo con plenos poderes. Entre as decisións tomadas neste tempo, como informou Praza.gal, figuraron novos movementos ante o Supremo para tentar revogar a sentenza da discordia mediante un incidente de nulidade que o alto tribunal tamén rexeitou.
Gonzalo Caballero apela a Feijóo
Con este pano de fondo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelaba este xoves ao presidente da Xunta por ser, ao seu xuízo, o máximo responsable do bloqueo da Valedora. O presidente da Xunta, di o líder socialista, segue "coa estratexia da avestruz" ou, o que é o mesmo, actuando como "cómplice" de Otero no caso "da contratación irregular da irmá do voceiro parlamentario do PP".
O secretario xeral do PSdeG ve a Feijóo "cómplice" de Otero por non propiciar "a remuda nunha institución que debe ser o maior símbolo de exemplaridade"
Feijóo é "cómplice", subliña Caballero, por non propiciar "a remuda nunha institución que debe ser o maior símbolo de exemplaridade" en Galicia. "Se ten un mínimo de coherencia -reta- ten que garanitr a limpeza no Valedor do Pobo e permitir que se rexeneren as institucións sobre as que existen sentenzas que cheiran a corrupción", advertiu o secretario xeral do PSdeG.
O último pronunciamento específico do PPdeG sobre a situación de Otero foi, precisamente, na sesión parlamentaria na que a abstención do grupo que sustenta o Goberno lle permitiu seguir no posto. Feijóo, pola súa banda, limitárase o pasado abril a afirmar que "a Xunta nin pon nin quita valedores" por ser esta unha responsabilidade do Parlamento, onde o PP é imprescindible para lograr as tres quintas partes dos escanos que a lei esixe para os nomeamentos nesta institución estatutaria.