Feijóo desenténdese do caso da Valedora e deita a responsabilidade no PSdeG

Feijóo e Milagros Otero na toma de posesión desta como Valedora do Pobo Dominio Público Xunta de Galicia

“A Xunta nin pon nin quita valedores, é unha cuestión dos grupos parlamentarios”, di o presidente obviando o seu control dos populares

A sentenza xudicial que desmontou a manobra da Valedora do Pobo, Milagros Otero, para colocar a dedo na institución a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, deixa claro como, tras supostamente absterse no proceso e deixalo en mans do seu adxunto, Pablo Cameselle, seguiu interferindo para cometer ela a “desviación de poder”. Porén, este xoves o presidente Feijóo, tras desentenderse da crise desa institución pola negativa de Otero a dimitir, fixo responsable da situación que vive ao adxunto, proposto polo PSdeG como home de confianza de Abel Caballero que era.

“A Xunta nin pon nin quita valedores”, dixo Feijóo cando se lle preguntou na rolda de prensa do Consello da Xunta pola negativa da Valedora a dimitir e o acordo que teñen que acadar os grupos para lograr un novo nome por consenso. Obviando o poder que el mesmo ten sobre o grupo do PP, o presidente asegurou que esta “é unha cuestión dos grupos parlamentarios” e lembrou que é necesario o acordo de tres quintas partes da Cámara. 

A valedora e o seu adxunto, nunha reunión co presidente do Parlamento © Parlamento de Galicia

Feijóo atribúe ao adxunto a responsabilidade de valorar aos candidatos ao posto que obtivo Puy Fraga pero a sentenza di que esa valoración fixérona tres técnicos tras recibir indicacións da Valedora, que supostamente se abstivera

Ante a situación actual, Feijóo di que só hai dúas saídas, ou o acordo dos grupos, do que el mesmo se desentendeu, “ou ben a dimisión inmediata da valedora e o valedor adxunto”. E a continuación puxo o foco nese segundo cargo, cuxa dimisión o PP quere ligar conxuntamente á da Valedora para que non pase a substituíla de facto, evidenciando así que a institución pasaría de estar controlada pola súa titular proposta polos populares a estalo polo segundo proposto polos socialistas. 

“É o valedor adxunto o que fai a valoración dos candidatos [ao posto para o que foi elixida Puy Fraga] e é o valedor adxunto en consecuencia o que asume a responsabilidade”, dixo o presidente, terxiversando o que dixo a xustiza. Segundo a sentenza xudicial, o adxunto, por delegación da Valedora, non valorou aos candidatos senón que se limitou a validar un informe de valoración dos mesmos que fixeran tres técnicos tras recibir estes, segundo o xuíz, instrucións para beneficiar a Puy Fraga da propia Valedora, que supostamente se abstivera do proceso. 

Feijóo, por outra banda, pon o foco na dimisión do adxunto que xa está incluída na propia carta coa que a Valedora di que pon o seu cargo a disposición do Parlamento pero sen efectos legais reais. Isto é, é a Valedora a que difire a súa dimisión pero de xeito que cando a súa saída se produza, a do seu adxunto sexa automática. As verbas do presidente evidencian así o interese do PP por seguir controlando o nome da persoa titular da institución e debilitar a posición negociadora do PSdeG como responsable de propor ao actual adxunto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.