Non o van ter doado En Marea, PSdeG e BNG para aceleraren a destitución de Milagros Otero como Valedora do Pobo. A aínda titular da valedoría galega modificou a súa propia renuncia vinte e catro horas despois de presentala. Fixérao como tras rexeitar o Tribunal Supremo o seu recurso contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia segundo a cal influíu con "desvío de poder" e "arbitrariedade" no nomeamento como xefa de servizo dunha sobriña do falecido presidente Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PPdeG e filla do catedrático de Dereito do que ela mesma foi "discípula" académica.
O artigo da lei do Valedor ao que Otero apelou na primeira versión da misiva precipitaba a súa saída. Na segunda, remitida tras advertir un "erro material", apela a outro que lle permite, a efectos prácticos, seguir indefinidamente no posto. Pero tamén traslada a presión política do conflito ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a quen por lei corresponde declarar a vacante no cargo, pero sen prazo definido segundo a propia normativa. Que empecen a correr os prazos será, precisamente, o que tentarán este martes as tres forzas da oposición.
A Xunta de Portavoces da Cámara abordará a situación creada pola manobra de Otero, que traslada a presión política ao presidente Santalices
O foro no que o farán será a Xunta de Portavoces da Cámara, convocada a instancias dunha petición conxunta de En Marea e PSdeG. Os socialistas, adicionalmente, remitiron unha carta a Santalices na que o seu voceiro, Xoaquín Fernández Leiceaga, lle pide que nesa Xunta de Portavoces sexa posible "coñecer con claridade as consecuencias" das dúas cartas da Valedora como paso previo a "determinar as nosas accións".
O BNG, pola súa banda, xa avanzara que a súa opción pasa por propiciar unha votación no propio pleno do Parlamento que comeza este martes para activar decontado a substitución de Otero, a quen a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, considera "absolutamente descualificada" para continuar exercendo como titular dunha institución á que, ao seu xuízo, contribuíu a "denigrar" coa colaboración do PP.
Para a inclusión na orde do día do pleno do inicio da remuda da Valedora é imprescindible o voto a prol do PP
Dunha votación coma esa tamén é partidario o voceiro de En Marea, Luís Villares. Así, no comezo da sesión plenaria demandará que se inclúa na orde do día un punto para retirar a confianza á Valedora baseándose no artigo 5.1.4 da lei que regula a institución, que indica como unha das causas de destitución o "notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo". Para que isto sucedese e para a propia inclusión do punto na orde do día é imprescindible o voto do PP, así como para a elección da persoa que substitúa a Otero, que necesariamente ten que ter o apoio dun mínimo de 45 escanos da Cámara.
Coa manobra de Otero a forzar a engranaxe institucional do Parlamento galego o seu presidente, Miguel Santalices, amosábase este luns disposto a celebrar este mesmo martes a devandita Xunta de Portavoces e, no seu seo, procurar vías de solución ao conflito. "O único que me preocupa" é pór "sentido común ás cousas", afirma Santalices, quen avanza a súa intención de solicitar informes aos servizos xurídicos do lexislativo galego para saber exactamente como actuar.