O PP mantén a Valedora no seu posto entre críticas ao Tribunal Superior e á prensa

Feijóo aplaude o discurso de Milagros Otero na súa toma de posesión como Valedora Dominio Público Xunta de Galicia

Milagros Otero poderá continuar exercendo como Valedora do Pobo a todos os efectos por tempo indefinido. Os votos do PP veñen de librar a Otero da destitución por segunda vez en oito meses. Como o pasado xullo, os grupos da oposición forzaron un pleno para cesala polo outorgamento dun posto na institución a María Puy, sobriña do falecido presidente Fraga e irmá do voceiro parlamentario do PP, que segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, se produciu de xeito "arbitrario" e con "desvío de poder".

O pasado verán os populares votaron contra a destitución da Valedora e desta volta abstivéronse; o resultado é o mesmo, Otero continúa no posto

Despois de que o Tribunal Supremo desbotase o recurso formulado por Otero contra a sentenza do alto tribunal galego, a Valedora puxo o seu cargo "á disposición" do Parlamento. Pero fíxoo cunha fórmula non contemplada na lei que regula a institución polo que, como confirmaron os servizos xurídicos da Cámara, esa renuncia formalmente non existiu. Foi por iso polo que En Marea, PSdeG e BNG activaron o mecanismo parlamentario que permite aprobar a destitución por maioría reforzada -cando menos, 45 votos-. O pasado verán o PP votou en contra e este luns abstívose. O resultado, a efectos prácticos, é o mesmo: Otero continúa.

Nunha sesión impregnada pola vaga expansiva das eleccións xerais, o primeiro proceso electoral no que o PP non foi primeira forza en Galicia dende a súa fundación, a voceira popular neste debate, a deputada Paula Prado, non aforrou ataques á oposición. Pero tampouco aforrou críticas máis ou menos abertas ao Tribunal Superior e aos medios de comunicación.

Paula Prado, vicevoceira parlamentaria do PP, nunha imaxe de arquivo durante un pleno CC-BY-SA PPdeG

O PP considera que a Valedora xa "asumiu a súa responsabilidade" e rexeita que deixe o posto ata que haxa acordo sobre as persoas que a substituirán a ela e ao seu adxunto

A Prado resúltalle "sorprendente" que o TSXG sentenciase que as bases para a adxudicación da xefatura de servizo que inicialmente recaeu en María Puy "estaban feitas ad hoc para unha candidata" pero "despois, non anulase a base". "É sorprendente", reiterou nun discurso no que censurou que os grupos da esquerda reiterasen a "matraca" da "condena, da prevaricación, da delincuencia", cando este foi un proceso administrativo e non penal. Prado critica tamén que houbese medios de comunicación que se referisen a unha "sentenza" para informar do pronunciamento do Supremo, cando non foi tal -tratábase dunha providencia-.

Alén da crítica xeral, o PPdeG considera que Milagros Otero xa "asumiu a súa responsabilidade" poñendo o cargo "á disposición". Pero "se renunciase" decontado, "a institución quedaría descabezada", toda vez que os populares non están dispostos a que quede transitoriamente á fronte da institución o adxunto á Valedoría, Pablo Cameselle, nomeado no seu momento a proposta do PSdeG, a quen o PP sinala como responsable deste caso.

En Marea, PSdeG e BNG reiteraron a necesidade de que Milagros Otero deixe de exercer como Valedora do Pobo

"Polo tanto, negociemos", conclúe Prado. "Se queren que [Milagros Otero] non siga, esta mesma tarde podemos negociar un nome" para remudala a ela e outro, para substituír o adxunto, advertiu. En calquera caso, a abstención na votación permite que Otero continúe a exercer e a devandita negociación pode prolongarse por tempo indefinido.

Antes da intervención de Prado os tres grupos da oposición xa anticiparon que o PP volvería salvar da destitución á Valedora, a quen a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, atribuíu condutas propias da delincuencia, afirmación pola que o presidente do Parlamento a apercibiu formalmente. Para a socialista Patricia Vilán, a Valedora representa "todo o que rexeitaron as galegas e galegos co seu voto" o 28A pero o PP, censura, segue "na realidade virtual que sae na TVG. Dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares, coida que o PP debera ter conta que cómpre aclarar se están "cos corruptos ou coa democracia". Otero segue no seu posto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.