A Valedora ocultou a súa relación coa sobriña de Fraga mentres tornaba en defensora da transparencia en Galicia

A Valedora, nunha imaxe de arquivo © Valedor do Pobo

A xustiza considera “inadmisible” que Otero tratase de esconder a súa implicación persoal no caso nun documento oficial, asinado o mesmo día en que se reuniu coa Xunta para tratar “cuestións de transparencia” no marco da súa asunción do cargo de Comisionada da mesma

O 25 de xaneiro de 2016 a Valedora do Pobo, Milagros Otero, asinou unha resolución coa que dicía absterse de participar no proceso que acabaría dando de xeito ilegal unha praza a dedo na institución a María Puy Fraga, irmá do actual portavoz parlamentario do PP, sobriña de Manuel Fraga e filla dun mestre de Otero. Porén, nesa resolución Otero non indicaba o motivo da súa abstención, que posteriormente a xustiza considerou que non fora tal nunha sentenza que critica tamén como inadmisible esa ocultación por parte de alguén que é ao tempo Comisionada da Transparencia de Galicia, o que “a obrigaba a ser extremadamente escrupulosa”. 

Malia esa ocultación, aquel mesmo 25 de xaneiro de 2016 Otero mantivo unha reunión de traballo coa Xunta para falar precisamente de transparencia. Este luns un pleno extraordinario do Parlamento de Galicia votará sobre o seu cesamento despois de que Otero rexeitase deixar o cargo hai un mes cando a sentenza foi confirmada polo Tribunal Supremo.

“O que non resulta admisible é que non se consignase na resolución de abstención e inicialmente tratase de ocultarse o verdadeiro motivo, amosándose a Valedora reacia a subministrar tal información, pese a que a súa condición presidenta da Comisión de Transparencia a obrigaba a ser extremadamente escrupulosa"

A sentenza orixinal do pasado verán do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), agora validada polo Supremo, que anulou o nomeamento de Puy Fraga considera que, malia asinar unha resolución para afastarse do proceso, Milagros Otero “continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada” a filla do seu mestre. Esa mesma sentenza censura que Otero non consignase nesa resolución coa que dicía apartarse do procedemento os motivos polos que o facía, que non revelou ata que así llo esixiu por vía xudicial outro aspirante á praza que se considerou prexudicado. “O que non resulta admisible é que non se consignase na resolución de abstención e inicialmente tratase de ocultarse o verdadeiro motivo que deu lugar á abstención, amosándose a Valedora reacia a subministrar tal información, pese a que a súa condición de defensora dos dereitos fundamentais e presidenta da Comisión de Transparencia a obrigaba a ser extremadamente escrupulosa en dito cometido”, critica a sentenza, que deixa constancia de que dita resolución ten data do 25 de xaneiro de 2016.

Fragmento da sentenza na que o TSXG censura a ocultación da Valedora malia ser Comisionada da Transparencia CC-BY-SA Praza Pública

Otero non recoñecería ante o xulgado os motivos de interese persoal no caso que había por tras da resolución que asinara aquel mesmo día ata o 6 de setembro daquel ano, máis de sete meses máis tarde

Ese mesmo 25 de xaneiro de 2016, ás 13.00 horas, a axenda oficial de Otero consigna a existencia dunha “xuntanza de traballo entre a Valedora do Pobo e a directora xeral de Avaliación da Xunta de Galicia sobre cuestións de transparencia”. Un encontro que se producía no marco da posta en marcha a comezos daquel ano do Comisionado da Transparencia de Galicia, figura que a Lei de Transparencia aprobada xusto unha semana antes fixera recaer na propia Valedora. Otero non recoñecería ante o xulgado os motivos de interese persoal no caso que había por tras da resolución que asinara aquel mesmo día ata o 6 de setembro daquel ano, máis de sete meses máis tarde.

A oposición forzou a celebración este luns dun pleno extraordinario no que se debaterá e votará o cesamento de Otero

Cando hai un mes o Supremo ratificou a sentenza do TSXG que censura a súa intervención no proceso e a ocultación dos seus motivos, Otero presentou un escrito ante o Parlamento, do que depende o seu cargo, diferindo a súa dimisión e a do seu adxunto, na que pon o foco o PP, ata que a Cámara acorde un substituto. Tras intentar demorar o os populares calquera decisión ao respecto, a oposición forzou a celebración este luns dun pleno extraordinario no que se debaterá e votará o cesamento de Otero sen que haxa aínda un nome de consenso para substituíla, o que require do acordo de tres quintas partes da Cámara.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.