A renuncia de Milagros Otero como Valedora do Pobo non foi legalmente tal, pero contribuíu a bloquear a institución. É a conclusión que cabe tirar do informe elaborado polos servizos xurídicos do Parlamento a instancias do seu presidente, Miguel Santalices. O xefe do lexislativo reclamou ese asesoramento aos letrados despois de que Otero presentase a pasada semana dúas cartas de "renuncia" en menos de vinte e catro horas nas que, en rigor, non dimitiu.
Ambas misivas foron remitidas tras rexeitar o Tribunal Supremo o recurso de Otero contra a sentenza na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia apreciou "desvío de poder" e "arbitrariedade" no nomeamento "á medida" dunha xefa de servizo na institución. O posto fora outorgado a María Puy, sobriña do falecido presidente Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PPdeG e filla do catedrático Francisco Puy, de quen Otero foi discípula. Unha apelaba a unha vía máis rápida que a outra para a remuda, pero ningunha cumpre os "requisitos" para activala.
O informe emitido polos letrados do Parlamento conclúe que a renuncia escenificada por Otero nas súas cartas realmente non foi tal e, daquela, "non se produce a vacante" formalmente necesaria para substituíla
Segundo o informe dos servizos xurídicos, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, a segunda carta da Valedora -a primeira, segundo Otero, contiña un "erro formal" ao apelar o artigo que regula a renuncia en caso de "delito"- "non cumpre os requisitos" que, atendendo á xurisprudencia do Tribunal Consitucional, "deben darse para que a declaración de vontade que constitúa a renuncia produza os seus efectos". Otero di que marchará cando haxa acordo para a súa remuda, pero non marcha decontado.
Deste xeito, interpretan os letrados, "non se produce a vacante" formalmente e, daquela, non é posible que Santalices a declare. Este é un requisito imprescindible para poñer en marcha un novo nomeamento, segundo a lei do Valedor.
Petición de explicacións por escrito
A Valedora ten cinco días para aclarar a situación por escrito; En Marea, PSdeG e BNG avanzan que tentarán forzar un pleno extraordinario para destituíla a vindeira semana, pero a decisión depende en última instancia do PP
Foi o propio presidente da Cámara quen expuxo este martes aos grupos o contido do informe xurídico sobre as cartas da Valedora. Fíxoo na Xunta de Portavoces extraordinaria convocada a instancias de PSdeG e En Marea para coñecer o sucedido. Pero, ao tempo, En Marea e BNG reclamaron activar xa o procedemento de remuda por "incumprimento das obrigas e deberes do cargo". Esta vía acaba nunha votación como a xa celebrada en xullo de 2018 pero require audiencia previa da afectada, trámite que o presidente resolveu substanciar pedindo explicacións por escrito a Otero nun prazo de cinco días.
Tanto En Marea como BNG tentaron, sen éxito, acelerar os tempos introducindo esta votación no pleno que comezou no Pazo do Hórreo este mesmo mércores. Pero Santalices advertiu de que non era posible facelo porque "non estaríamos cumprindo co trámite regulamentario". En calquera caso, para introducir un asunto non previsto na orde do día cómpre o apoio da maioría absoluta e o PP xa advertira, a través de Paula Prado, que non estaba disposto.
Neste escenario, o seguinte paso é agardar a que transcorran os cinco días de audiencia. Os tres grupos da oposición xa advertiron da súa vontade de solicitar un pleno extraordinario inmediatamente despois para que xa a vindeira semana sexa posible votar a destitución. A anterior vez que isto aconteceu, no verán de 2018, o PP salvou a Otero argumentando que a sentenza non era firme, pero agora xa o é. Milagros Otero segue, en calquera caso, sendo a Valedora do Pobo a todos os efectos.