O Supremo tomba un novo recurso da Valedora que evidencia que a súa renuncia ao cargo non foi tal

Providencia do Tribunal Supremo rexeitando por segunda vez as pretensións da Valedora do Pobo, Milagros Otero CC-BY-SA Praza Pública

O alto tribunal rexeita por segunda vez revisar a sentenza que anulou o nomeamento da sobriña de Fraga por interferir nel Milagros Otero e pon o foco no seu “deber de abstención”

O Tribunal Supremo vén de rexeitar, por segunda vez, un recurso da Valedora do Pobo contra a sentenza que anulou por “desvío de poder” e “arbitrariedade” o nomeamento para un posto “á medida” na institución de María Puy Fraga, irmá do portavoz do portavoz do PP no Parlamento de Galicia, sobriña de Manuel Fraga e filla dun catedrático de Dereito do que foi discípula a propia Valedora, Milagros Otero. A nova providencia emitida polo Supremo rexeitando por segunda vez as pretensións da Valedora evidencia novamente que a renuncia ao cargo que esta presentou a principios de abril tras coñecerse a primeira decisión do alto tribunal non foi tal xa que ao tempo seguiu recorrendo contra a decisión xudicial.

Tras coñecerse en xuño do pasado ano a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que constataba a intervención de Otero para que Puy Fraga obtivese o posto, o PP condicionou o seu futuro ao resultado do recurso que a Valedora interpuxo ante o Tribunal Supremo. O pasado 28 de marzo o alto tribunal emitiu unha providencia coa que rexeitou tramitar ese recurso por entender que non tiña interese casacional, o que levou a Otero a poñer o seu cargo a disposición do Parlamento, pero adiando a súa marcha a que a Cámara elixa un substituto. Fíxoo cun escrito que modificou ás poucas horas para garantir a súa continuidade o máximo posible á fronte da institución e mentres o PP eloxiaba e presentaba como unha renuncia algo que non era tal e que lle permitía manexar os tempos fronte á oposición.

O Supremo inadmite a trámite un incidente de nulidade presentado pola Valedora por considerar que a súa providencia previa rexeitando o recurso “axústase integramente ás esixencias” legais

Agora coñécese que ao tempo que a Valedora escenificaba aquela dimisión en diferido seguiu intentando que a xustiza lle dese a razón. A Valedora presentou un incidente de nulidade contra a providencia do Supremo do 28 de marzo que inadmitía a trámite o seu recurso e agora o alto tribunal vén de rexeitar novamente as súas pretensións. Nunha nova providencia con data do pasado xoves 16 de maio o Supremo inadmite a trámite o incidente de nulidade da Valedora por considerar que a súa providencia previa rexeitando o recurso “axústase integramente ás esixencias” legais. 

Feijóo e Milagros Otero na toma de posesión desta como Valedora do Pobo Dominio Público Xunta de Galicia

O Supremo insiste en que a sentenza orixinal do TSXG anulando o proceso que lle deu a praza a Puy Fraga “examina con detalle” a xurisprudencia existente sobre ese tipo de procedementos e non ten sentido que o alto tribunal volva a analizar o caso xa que “non é posible anoar o interese casacional a infraccións normativas determinadas, como o deber de abstención, cando o certo é que as mesmas se circunscriben ás concretas vicisitudes do asunto litixioso”. O Supremo volve poñer así o foco no “deber de abstención” da propia Otero no proceso de adxudicación da praza, no que seguiu intervindo malia afastarse formalmente do mesmo e ao tempo que ocultaba a súa relación con Puy Fraga.

A nova providencia do Supremo engade que a Valedora non acredita que o alto tribunal rexeitase o seu recurso previo de xeito irrazonable, arbitrario ou sen xustificación e insiste na “falta de motivación na designación” de Puy Fraga como elemento fundamental da sentenza orixinal do TSXG. 

Esta nova providencia do Supremo contraria aos intereses de Otero chega mentres o PP segue demorando as necesarias conversas co resto de grupos parlamentarios para nomear un novo valedor ou valedora, que require dunha maioría reforzada do Parlamento de Galicia. Mentres, Otero segue a exercer como Valedora do Pobo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.