Cando, no verán de 2015, Milagros Otero foi elixida como Valedora do Pobo, tiña ante si unha misión principal: devolver o acougo á unha institución que levaba tres anos cun responsable en funcións, José Julio Fernández, a quen tocara asumir provisionalmente o posto tras a dimisión do titular do cargo, Benigno López, pola súa polémica defensa pública dos recortes sociais en plena crise económica. Otero, catedrática de Filosofía do Dereito que nas súas diversas intervencións públicas nunca ocultara a súa afinidade ideolóxica co PP, fora a proposta dos de Alberto Núñez Feijóo para liderar unha institución que ten como principal misión velar polos dereitos fundamentais da cidadanía.
A principal misión de Milagros Otero ao ser nomeada Valedora era acougar, tras tres anos de interinidade, a institución que ten como principal misión velar polos dereitos fundamentais da cidadanía
Os dereitos fundamentais, precisamente, estiveron no centro de varias das polémicas nas que Otero foi protagonista durante o cuadrienio no que ocupou un dos principais postos da autonomía galega, catro anos que veñen de rematar coa súa dimisión polo caso do posto "á medida" para unha sobriña de Manuel Fraga. A primeira e politicamente máis sonora, sobre o tratamento a persoas sen fogar no Concello de Santiago. A alta comisionada asegurara, ao presentar o informe do seu primeiro ano completo como Valedora, que recibira "moitísimas" queixas ao respecto.
Realmente eran dúas queixas das máis de 65.000 recibidas ese ano, o que non impediu que o tirapuxa co goberno local da capital galega, na altura dirixido por Compostela Aberta, se estendese durante case dous anos. Nese tempo Otero non aforrara críticas ao consistorio e mesmo dera en revelar no Parlamento datos persoais de tres persoas sen fogar para, acto seguido, cargar contra as asociacións sanitarias e colectivos sociais que lle reprocharan esta conduta. As "moitísimas" queixas que eran dúas acabarían sendo arquivadas.
No marco da súa polémica pola atención ás persoas sen fogar en Santiago, Otero dera en revelar datos persoais de tres persoas nesta situación durante unha comparecencia no Parlamento
Cos dereitos cidadáns, concretamente co dereito á liberdade de expresión, tivo que ver outra das polémicas de Otero, neste caso posterior ao estourido do caso que acabaría propiciando a súa dimisión. No outono de 2018 a Plataforma Mina Touro-O Pino Non colocou, co permiso da Praza de Abastos de Santiago, dúas pancartas contrarias á reapertura desta explotación mineira co permiso do mercado compostelán. Persoas próximas ás promotoras da mina dirixíronse á Valedora para protestar polas faixas asegurando que pediran ao Concello e á propia Praza que fosen retiradas, pero a resposta fora "negativa".
O Tribunal viu "patente" a "infracción dos principios de mérito e capacidade" na asignación do posto á sobriña de Fraga
Tras esa comunicación, Otero deu en abrir un expediente e en pedir aclaracións ao Concello. Deste xeito, dera en interceder de facto ante o goberno local para retirar as pancartas colocadas no mercado, o que causara gran estupor entre a plataforma contraria á mina. O pasado xuño esta plataforma veciñal volveu recibir o apoio da Praza de Abastos de Santiago coa colocación de novas pancartas.
E sobre dereitos, ao cabo, versou tamén o caso que acabou por custarlle o posto á xa ex-valedora. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentenciou que Milagros Otero interveu de xeito "arbitrario" e con "desviación de poder", deixando "patente a infracción dos principios de mérito e capacidade" para adxudicar un posto de xefa de servizo na institución "á medida" dunha sobriña do ex-presidente Manuel Fraga, irmá do voceiro parlamentario do PP, Pedro Puy, e filla dun profesor da USC de quen Otero fora "discípula" académica. Otero tentou por dúas veces recorrer a sentenza ante o Supremo, que rexeitou tal trámite.
O PP cre que a dimisión de Otero "a honra" e eloxia o "intenso traballo" de quen, ao seu xuízo, conseguiu "dar un pulo importante" á institución
Este é o pano de fondo, coa solicitude de suba de salario como acto final, da dimisión -esta vez, real- de MIlagors Otero. Tras facerse pública, o PP saíu ao paso a través da súa vicevoceira parlamentaria, Paula Prado, con eloxios polo "intenso traballo" de quen, ao seu xuízo, "conseguiu dar un pulo importante" e "achegar a institución a toda a sociedade galega". "A renuncia presentada por Milagros Otero é unha decisión que a honra, porque deixa o seu cargo despois dunha sentenza estritamente administrativa que nin sequera invalidou o proceso na súa totalidade", di Prado, quen asegura esperar que os grupos do Parlamento "acertemos na elección da persoa" que vaia ocupar o cargo para que a Valedoría galega "continúe realizando un frutífero labor na defensa dos dereitos e liberdades de todos os galegos".