A Valedora intercede nunha petición para retirar pancartas contra a mina de Touro da praza de abastos de Santiago

Membros da plataforma contra a mina de Touro-O Pino, na xornada en que quedaron instaladas as pancartas Dominio Público Plataforma Mina Touro-O Pino Non

A finais do pasado setembro a Plataforma Mina Touro O Pino Non colocaron dúas pancartas permanentes no mercado de abastos de Santiago co co lema Mina Touro-O Pino non. Vida si. As faixas, instaladas co permiso dos responsables da praza compostelá, permanecen dende aquela nas súas instalacións como mostra da mobilización contra a reapertura desa instalación mineira, que ten especial incidencia entre produtores agropecuarios da comarca. No entanto, no camiño do colectivo contrario ao proxecto da multinacional Atalaya Mining vén de se interpoñer un elemento inesperado: a Valedora do Pobo.

A Valedora vén de comunicar ao alcalde de Santiago a apertura dun expediente baseado nunha "reclamación" de persoas próximas ás empresas promotoras da mina

O Concello de Santiago vén de recibir un escrito asinado pola titular da institución, Milagros Otero, na que informa o alcalde da cidade da apertura dun expediente pola colocación das pancartas contra a mina. Segundo puido saber Praza.gal, o expediente ten a súa orixe nunha "reclamación" formulada por varias persoas próximas ás empresas promotoras da reapertura da mina. Nela sinalan á Valedora que "se dixiron á xerencia" da Praza de Abastos e mais ao Concello para "a retirada das pancartas" pero "a resposta foi negativa".

Unha das pancartas contra a mina de Touro, na praza de abastos de Santiago CC-BY-SA Plataforma Mina Touro-O Pino Non

Os autores da queixa aluden a un suposto incumprimento da normativa de colocación de carteis no casco histórico compostelán, ao que a Valedora engade unha alusión ao "principio de neutralidade informativa dos espazos públicos"

Sempre segundo o expediente tramitado pola Valedora, estas persoas partidarias da mina "fundamentan" a súa petición no que consideran un "incumprimento" da normativa en materia de colocación de carteis e propaganda no casco vello compostelán e mais da ordenanza que rexe a exhibición de publicidade en Santiago. A Valedora "considera" que a queixa "reúne os requisitos formais" que debe e por iso admitiuna a trámite e "promoveu" unha investigación ao respecto para o seu "esclarecemento".

De todo isto dá conta Otero a Martiño Noriega nunha carta datada no pasado 27 de novembro e na que reclama ao rexedor compostelán que "facilite información sobre o problema que motivou a queixa" e, "de xeito concreto, sobre as actuacións practicadas para garantir a observancia dos citados preceptos". A Valedora engade, ademais, "o principio de neutralidade informativa dos espazos públicos municipais".

Fontes do Concello de Santiago consultadas por Praza.gal confirman a recepción deste escrito da Valedora, que será respondido proximamente. Aclaran, ademais, que a colocación das pancartas contra a mina foron comunicadas verbalmente pola xerencia da praza de abastos ao Concello, que as avalou. O goberno local, especifican as mesmas fontes, comparte o rexeitamento á mina de Touro e que se faga visible precisamente no mercado de abastos, onde venden alimentos "moitos produtores da zona" afectada pola eventual reapertura da explotación mineira que veñen sinalando riscos na súa actividade se a actividade extractiva volve á zona.

O Concello confirma a recepción da carta, que se dispón a responder, e ratifica o seu apoio á faixa contra a mina

Este novo expediente da Valedora ao consistorio compostelán chega na recta final dun mandato municipal no que a relación da alta comisionada co goberno da capital galega estivo marcada polos desencontros. Tiveran especial impacto político os expedientes impulsados por Otero sobre a atención a persoas sen fogar en Santiago; a Valedora mantivera inicialmente que recibira "moitísimas" queixas ao respecto, se ben realmente eran só dúas que acabaron arquivadas no verán de 2017, tras case dous anos. Mentres as tivo abertas Otero protagonizara varios episodios controvertidos, como unha comparecencia parlamentaria na que dera en revelar datos privados de tres persoas sen fogar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.