Un aluvión de informes negativos de técnicos da Xunta oponse á reapertura da mina de Touro

Terreos da antiga explotación mineira en Touro © Adega

A Xunta insiste cada vez que se lle pregunta en que non aprobará o polémico proxecto mineiro en Touro de houber "informes desfavorables" e se a declaración de impacto ambiental (DIA) non o recomenda. Así o dixo o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, na última intervención no Parlamento sobre o tema. Polo momento, os informes que se coñecen da Administración non son nada favorables para Cobre San Rafael, senón todo o contrario: supoñen un importante atranco ás intencións da multinacional Atalaya e máis esperanza para os opositores á megamina. 

Todos os informes sectoriais da Xunta advirten de deficiencias, falta de concreción ou afectacións do proxecto mineiro

Aínda que non son vinculantes, todos estes informes sectoriais da Xunta son claves para a aprobación ou non da DIA. Polo momento, non hai un que non advirta das numerosas eivas do megaproxecto que é fortemente rexeitado por veciñanza, plataformas sociais, ecoloxismo, oposición parlamentaria e ducias de concellos. Así o destaca a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non: "Deixan constancia dos numerosos aspectos negativos e deficiencias que presenta o proxecto de Cobre San Rafael". 

Así, a Consellería de Medio Ambiente deixa claro na avaliación do proxecto de Touro as súas incongruencias, así como a súa escasa definición. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural advirte de que non se detallan as repercusións que a vella mina tivo no terreo e aclara que a información que se achega é "parcial", sen "cifras cuantitativas, nin cronoloxías". "Non hai unha descrición das repercusións que esta mina tivo sobre o medio ambiente", di o texto, que alerta tamén de que a empresa non contempla a acidificación provocada polo desvío dos regos, nin prevé que as augas perimetrais se analicen antes das verteduras, puidendo estar estas contaminadas.

Medio Ambiente advirte da falta de "fiabilidade" da impermeabilización das balsas ou de que son "inevitábeis" as infiltracións

Tamén advirte, tal e como alerta Adega nun informe, de que non se contempla que os residuos perigosos entrarán en contacto coa auga, polo que o nivel freático pode mudar co cambio climático, e que non se "estima práctico" compensar o risco moi alto dos depósitos de entullos. Ao tempo, asúmese que a depuración de todas as augas é inviable, polo que son "inevitábeis" as infiltracións e a Xunta pon en dúbida que sexa "fiable" o sistema de impermeabilización das balsas, que ten o risco das roturas ou dos movementos sísmicos. Ademais, advírtese tamén das "incongruencias" das medidas de restauración achegadas pola compañía. 

Conservación da Natureza cre "salientable" o proxecto "pola súa magnitude, polas dimensións dos ocos e polos volumes de residuos a tratar"

Alén diso, o Servizo de Conservación de Natureza da Coruña avisa de que o proxecto non cuantifica correctamente os tipos de estériles e provoca que non se "acredite" que os lixiviados non se transfiran ás augas superficiais e soterradas. Tamén contradí a teoría da empresa de que os espazos protexidos non serían afectados no caso de fallaras previsións e fai unha contundente sentenza, ao destacar que a iniciativa é "salientable pola súa magnitude, polas dimensións dos ocos e polos volumes de residuos a tratar".

En canto ás conclusións do informe da Consellería de Sanidade, as eivas apuntadas son tamén abundantes. Así, advirte de que "non se identifica o tamaño e as características da poboación potencialmente afectada", non se avalían os impactos sobre esta nin os usos da auga, nin a contaminación por materiais radioactivos como o radón que poden liberarse e concentrarse nos residuos mineiros, nin os contaminantes no aire. A Dirección Xeral de Saúde Pública avisa de que tampouco se achega información sobre a posible liberación de químicos, algúns canceríxenos, nin unha "estimación da presión sonora", nin do impacto das "voaduras sobre a poboación", nin hai unha "avaliación de posibles impactos acumulativos". 

Sanidade alerta de que non se avalían os posibles impactos da contaminación por radón, no aire, por químicos ou por presión sonora

As conclusións son semellantes desde a Consellería de Medio Rural. A Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias asegura  nun breve pero contundente informe que a localización do proxecto nunha zona "eminentemente gandeira" pode provocar a destrución de acuíferos, a contaminación das augas e do aire, a intoxicación por cobre do gando ou o aumento dos custos nas explotacións, o que dificultaría a súa viabilidade. En canto ao Servizo de Montes, advirte do "evidente prexuízo, de carácter permanente" e das dificultades de que as actividades agrícolas e gandeiras sexan "devoltas", tal e como di a empresa, polo que non cre que se recupere esa actividade unha vez rematada a explotación. Conclúe, en definitiva, a incompatibilidae da megamina co aproveitamento sustentable da terra e coa "protección dos seus valores forestais". 

Medio Rural cre que a mina suporá un "evidente prexuízo, de carácter permanente"

Ademais, o informe de Augas de Galicia tamén cuestiona unha manchea de aspectos do proxecto, ao advertir dos desvíos de canles propostos ou pasos sobre os regos ou a anulación das cabeceiras das canles. Tamén advirte dos cambios na morfoloxía das bacías ou da ausencia de avaliación das afeccións ás zonas inundables. Xa nunha contestación a Adega, o mesmo organismo confirmaba a contaminación de todos os ríos arredor da zona mineira antiga. O propio Estado, a través do Instituto Geológico y Minero de España, sementou dúbidas sobre a viabilidade económica do proxecto de Touro, alertando do excesivo "optimismo" da firma. 

Mentres os informes oficiais supoñen máis atrancos para a iniciativa empresarial en Touro e O Pino, sucédense as mostras de rexeitamento. Neste pasado sábado, o buque insignia de Ecoloxistas en Acción, Deusa Maat, atracou  no porto de Ribeira para coordinarse coas distintas organizacións que loitan contra a posible instalación do proxecto e que "podería afectar moi gravemente a ría de Arousa e ao xeito de vida sustentábel de miles de familias que dependen da calidade das augas desta ría para o seu sustento".

As persoas activistas do veleiro anuncian que se coordinarán on distintas organizacións galegas que "loitar contra a minaría contaminante para abordar estratexias conxuntas para poñer fin a estes perigosos proxectos". "O caso da mina de Touro forma parte dun fenómeno maior que se está a dar en diversos puntos de España, como son as balsas de Ríotinto ou a mina de Santander", advirten. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.