O Estado sementa dúbidas sobre a viabilidade económica do proxecto mineiro de Touro

Balsa mineira en Touro © Adega

O Estado advirte das eivas do megaproxecto mineiro que Cobre San Rafael prevé coa reapertura da antiga mina de Touro. O Instituto Geológico y Minero de España (IGME), dependente do antigo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, remitiu un dos informes sectoriais que figuran no expediente da iniciativa e sementa dúbidas sobre a súa viabilidade económica

O Instituto Geológico y Minero de España, dependente do Ministerio de Economía, sementa dúbidas sobre a viabilidade económica do proxecto

Así o advirte Adega, que analizou a avaliación que o IGME fai tanto da memoria do proxecto como o plano de restauración e o estudo de impacto ambiental. O informe deste ente estatal leva a cabo as consideracións xeolóxico-técnicas sobre o xacemento (características xeolóxicas, hidroloxía, recursos e reservas de mineral, etc.), "na súa maior parte xa coñecidos despois de décadas de exploración e aproveitamento", asegura a entidade ecoloxista galega, que advirte no entanto das "interesantes consideracións respecto da viabilidade económica do proxecto". 

Así, o IGME alerta do "optimismo" da empresa nos seus cálculos económicos, ao supoñer un tipo de troco medio para o dólar/euro de 1,07, cando na última década oscilou entre 1,03 e 1,60. Ademais, a entidade estatal avisa tamén no informe que "os efectos deste tipo de troco tan baixo só se teñen en conta para os beneficios do cobre vendido" (máis euros por menos dólares), e non para os custos de produción, no que o efecto podería ser o contrario (máis euros gastados). 

O IGME alerta do "optimismo" nos cálculos económicos, ao supoñer un tipo de troco medio para o dólar/euro de 1,07, cando na última década oscilou entre 1,03 e 1,60

Así, asegura que o cálculo que Cobre San Rafael fai sobre os custos anuais, duns 700.000 euros, é "un tanto confuso" e dá unha cifra "sen fundamentar" e que, "sen ser desproporcionada, cómpre xustificar". 

Adega, ademais, advirte como, na súa análise, a empresa contempla "no peor escenario económico para o proxecto, un troco de 1,23 dólar/euro, xustamente o tipo vixente no momento no que o IGME emitiu o seu informe, en xaneiro de 2018". "Este feito colocaría a rendibilidade no límite do agardado polos accionistas... E sen ter comezado a explotación!", sorpréndese. 

Alén disto, o Estado sinala outra eiva máis no seu informe, no que ten que ver cos custos de enerxía que presenta Cobre San Rafael. Así, asume que o prezo do kilovatio vai permanecer estable, o que o IGME considera "pouco realista, dada a tendencia alcista dos prezos da enerxía primaria, o cru e a electricidade"

O Estado considera "pouco realista" que a empresa considera que o prezo do kilovatio vai permanecer estable

Con todo isto, o IGME advirte de que o informe de viabilidade da compañía non estuda a interrelación entre os parámetros chave: o tipo de troco dólar/euro e os custos da enerxía, e recomendalle "realizar unha análise máis achegada á realidade". Con esta análise, Adega "recomenda aos accionistas e posíbeis investidores, que terían que achegar 58 millóns de euros para sufragar o proxecto, que atendan ás recomendacions" do ente estatal e "non se deixen embaucar polos cálculos pouco realistas da empresa". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.