0 Gardados para despois

O Valedor pedía en 2009 máis velocidade na Dependencia, que agora propón "suspender"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Vicevaledora do Pobo marcha. Dolores Galovart, encargada das área social da institución, decidiu este venres presentar a súa dimisión despois de que o Valedor incendiase este xoves parte da opinión pública e irritase os grupos da oposición parlamentaria ao propoñer un curioso camiño para pór fin aos problemas de aplicación da Lei de Dependencia: deixar de aplicala. Durante a súa intervención ante a Comisión de Peticións do Parlamento Benigno López considerou un "erro" a posta en marcha a normativa para asistir as persoas dependentes sen "respaldo orzamentario" pero, ao ver "difícil, por non dicir imposible" que che acheguen "máis cartos" a esta materia, "ao mellor conviría deixar en suspenso a aplicación da lei ata que teñamos a sorte de vir a mellor fortuna".

"En ningún momento reclamou a suspensión da Lei de Dependencia", asegura o servizo de comunicación do Valedor

Co incendio político e mediático xa provocado e coa vicevaledora fóra da institución López tentou este venres emendar ou, cando menos, matizar as súas propias palabras. A través dunha nota elaborada "coa fin de que respecten a literalidade das súas declaracións", o servizo de comunicación do Valedor remitiulles aos medios a transcrición da exposición de López e, ademais, unha engádega aclaratoria. "En ningún momento o titular da institución reclamou a suspensión da Lei de Dependencia", senón que, "aludindo ás súas disfuncionalidades, enumerou unha serie de hipóteses de futuro co que podería ocorrer de manterse a actual conxuntura económica". "Neste senso, insistiu en que non está na man da defensoría, senón dos lexisladores, facer que esa lei xenerosa continúe sendo aplicada", sinala.

Aínda que dende o alto comisionado se atribúe a polémica a "interpretacións libres que en nada coinciden co espírito da defensoría", o certo é que entre as "hipóteses" de Benigno López figurou a posible suspensión da lei ata que amaine a crise, vía á que engadiu que el "non fai máis que apuntar unha problemática puntual neste tema".Ademais de supoñer toda unha toma de posición política a súa exposición, na que tamén considerou "imprescindibles, xustos e necesarios", constitúe unha significativa mudanza nas posicións que o alto comisionado viña mantendo neste ámbito, especialmente a respecto do anterior Goberno da Xunta.

López consideraba hai dous anos que os prazos da lei eran demasiado "xenerosos"

Dende o inicio da aplicación da lei, en 2007, o Valedor comezou a recibir queixas cidadás relacionadas coa súa aplicación. Ao existir un novo dereito, os potenciais beneficiarios reclamaban que a súa posta en marcha efectiva amosase toda a celeridade posible e non sempre era así. Por este motivo, a comezos de 2009 o Valedor dirixiuse ao departamento daquela encargado dos asuntos sociais na Xunta, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, reclamando máis velocidade no recoñemento das prestacións. Nomeadamente, López facíase eco de varias reclamacións para instar o Goberno de PSdeG e BNG a valorar e asistir as persoas dependentes nos prazos "legal e regulamentariamente previstos", sen demoras "inxustificadas". Os prazos que a Xunta se daba para aplicar a lei eran "moi xenerosos" e cumpría acurtalos, sinalaba o Valedor, que ademais formulaba outra petición moi concreta: a Vicepresidencia debía abonarlles de maneira retroactiva aos coidadores as prestacións que lles correspondían aos dependentes que faleceran durante a tramitación.

Entre acusacións de "irresponsabilidade" cara a área do Goberno na altura dirixida por Anxo Quintana celebráronse as eleccións autonómicas e o PP regresou á Xunta. Neste contexto o Valedor trasladáballe á nova titular de Benestar, Beatriz Mato, as reclamacións que, aseguraba, o bipartito non resolvera satisfactoriamente. Do mesmo xeito, poucos meses despois, a comezos de 2010, Benigno López aseguraba, no marco dunha xuntanza con Mato, que seguiría "vixiante" na aplicación da Lei da Dependencia se ben aseguraba que o decreto que neses días aprobaba o gabinete de Alberto Núñez Feijóo supoñía "unha porta de esperanza para a cidadanía". O Executivo de socialistas e nacionalistas "desoíra" as súas recomendacións e o do PP asumíraas "nun 99%".

Aínda en 2011 o alto comisionado vía "perentorio" resolver "con máis dilixencia as reclamacións de dependencia"

Malia ao evidente cambio de ton ata hai poucos meses o Valedor do Pobo seguía apostando por manter a asistencia aos dependentes no medio da crise. Así, por exemplo, o pasado verán dirixía un artigo á revista Entremayores, especializada en servizos sociais para a terceira idade advertindo de que, malia ás "limitacións orzamentarias provocadas pola crise", as "necesidades colectivas neste terreo non fan máis que crecer". Por este motivo, consideraba, "unha política pública orientada á protección integral da vellez resulta unha esixencia no Estado Social e Democrático de Dereito" que, lembraba, define a Constitución. "Por iso, resulta perentorio resolver con máis dilixencia as reclamacións de dependencia e ampliar o insuficiente catálogo de servizos postos á disposición da súa atención", dicía.

O feito de que Benigno López realizase as súas controvertidas valoracións na súa derradeira quenda de palabra, cando xa non había lugar a réplica da oposición, motivou que nin PSdeG e BNG puidesen valorar ante López a súa mudanza de criterio. Non obstante, pouco despois o Bloque remitía aos medios un comunicado no que consideraba "totalmente improcedentes" as declaracións do alto comisionado e lamentaba que López "confunda o seu papel e converta a súa comparecencia no Parlamento nunha toma de partido político". "A función de Benigno López é garantir dereitos que están amparados por lei, non pedir que se derroguen", lembraban os nacionalistas.

Declaracións íntegras do Valedor do Pobo

© Valedor do Pobo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Vázquez e Jorquera esixen a dimisión de Benigno López

Os dous grupos da oposición parlamentaria coincidiron este xoves en observar a necesidade de que Benigno López cese nas súas funcións como Valedor do Pobo despois de poñer en cuestión a Lei de Dependencia e ver "xustos e necesarios" os recortes sociais do Goberno central. Tras felicitar á vicevaledora a través dunha carta por decidir dimitir o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reclamou o "cesamento fulminante" de López porque "se erixiu en Valedor do Goberno e do PP" ao "propugnar uns recortes en sanidade e educación cos que deixa desasistidos precisamente aos que ten que defender". Nesta liña, Vázquez coida que o Valedor infrinxiu o artigo 5 da lei que regula o alto comisionado, no que se estipula que este "cesará por notorio incumprimento das obrigas e deberes do seu cargo". Ademais, o socialista engade que, antes de "recortar en sanidade", habería que comezar por recortar na propia institución do Valedor.

Tamén o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, demandou a dimisión de Benigno López tras unhas declaracións que "fan que moitos galegos e galegas sintamos vergoña de ter este Valedor, indigno do pobo galego". Na súa opinión, o alto comisionado "preocúpase de todo menos de defender o pobo" algo que, di, fica claro tras unhas "valoracións políticas que a el non lle corresponden", coas que se fai "altofalante das políticas que ditan os grandes poderes económicos e da dereita".  "O pobo galego non pode ser defendido por este señor" e, por iso, anuncia, "o BNG vai esixir a súa dimisión no Parlamento e en todas as institucións nas que temos presenza".

Tamén dende fóra da Cámara galega chegaron peticións de cesamento. Así, por exemplo, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, considera que non pode permanecer no cargo quen "xustifica a sistemática agresión social" dos gobernos e "chaman á desmontaxe da feble andamiaxe social que resta no noso país". "O que necesitamos son contrapoderes que fiscalicen as agresións do goberno Feijóo en lugar dunha institución que está representada por unha persoa que semella ter maneiras de conselleiro", "provisto de tesoiras ou dunha motoserra" para "continuar o labor de devastación social".