Dolores Fernández Galiño, elixida polos populares co apoio dos socialistas, recibe 51 votos a favor por 18 en branco e 2 nulos tras criticar o resto de grupos que non se contase con eles
A maxistrada María Dolores Fernandez Galiño foi elixida este mércores polo Pleno do Parlamento de Galicia como nova Valedora do Pobo, cargo do que tomará posesión o próximo venres tras a dimisión da súa anterior titular, Milagros Otero. Na votación, secreta e en urna, Fernández Galiño obtivo 51 votos a favor por 18 en branco e 2 nulos despois de que o PP, que propuxo o seu nome, pactase novamente co PSdeG, como en 2015, que ese grupo elixa á súa adxunta, a socialista María Xosé Porteiro, que será avaliada o próximo luns.
Tras a dimisión da anterior Valedora por interferir nun proceso de selección de persoal para favorecer a unha irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, e sobriña de Manuel Fraga, o PP propuxo para o cargo, co visto bo do PSdeG, a Fernández Galiño, que o pasado luns defendeu a súa candidatura na Comisión de Peticións do Parlamento fixando como prioridade que o feminismo torne en “sinal de identidade da institución”.
A súa intervención non foi mal acollida por En Marea, BNG e Grupo Mixto, que pola contra si amosaron o seu rexeitamento a que o seu nome fose froito dun novo pacto entre PP e PSdeG. Porén, na votación secreta deste mércores o resultado de 18 votos en branco e 2 nulos, contía superior á dos deputados de En Marea, BNG e Grupo Mixto presentes na Cámara, revelaría que algún membro de PP ou PSdeG tampouco votou a favor da nova Valedora.
Porteiro, proposta polo PSdeG como adxunta da Valedora, ten un marcado perfil político de militante socialista, e o partido presenta a súa elección como “recoñecemento á súa traxectoria galeguista, feminista e progresista"
Tras a elección de Fernández Galiño polo Pleno, a proposta socialista de que Porteiro sexa a súa adxunta deberá ser formulada oficialmente pola Comisión de Peticións da Cámara, que analizará a súa candidatura o próximo luns. Porteiro, xornalista de profesión, ten un marcado perfil político de militante socialista (o cargo de adxunta esixe deixar a militancia en calquera partido, entre outras incompatibilidades profesionais). Foi concelleira en Vigo, deputada no Parlamento de Galicia e no Congreso, delegada da Xunta en Bos Aires co bipartito e formou parte da dirección do PSdeG. Nos últimos anos, afastada da primeira liña política, centrouse novamente nas colaboracións xornalísticas, a literatura e na súa participación no Consello da Cultura Galega.
O PSdeG presentou a proposta de Porteiro como “recoñecemento á súa traxectoria galeguista, feminista e progresista". Substitirá no posto adxunto á Valedora a Pablo Cameselle, nomeado en 2015 canda Milagros Otero tamén a proposta dos socialistas. Cameselle, home de confianza de Abel Caballero, tamén desempeñara cargos ligados a administracións controladas polos socialistas, pero de carácter técnico e con menos significación política.