Sen chegar ao extremo de declarar “hostil” a ningunha administración, o que non fai desde 2007, a defensora da cidadanía remitiu o ano pasado ao Goberno galego un cento de advertencias desa posibilidade
Para realizar o seu traballo de intermediación entre a cidadanía e as administracións a Valedora do Pobo adoita ter que pedir informes ou preguntar cuestións concretas a esas últimas que non sempre están pola labor de colaborar. Ante esas situacións a institución pode declarar “hostil e entorpecedora das súas funcións” a administración concreta que non atenda de xeito reiterado as súas peticións. Esa situación non se dá desde 2007 (daquela co Concello de Boiro), pero sen chegar a ese extremo existe a posibilidade de que a Valedora do Pobo advirta ou ameace con esa posibilidade, situación que se disparou nos últimos tempos na Xunta ata chegar a un cento de ocasións durante o ano pasado.
As crecentes reticencias da Xunta a colaborar co Valedor do Pobo aparecen reflectidas no informe anual sobre as actividades desa institución correspondente a 2018 que este martes presentou a nova titular do cargo, Dolores Fernández Galiño, no posto desde hai apenas dous meses tras a dimisión en diferido da súa antecesora, Milagros Otero, por facilitar un cargo a unha sobriña de Manuel Fraga. O informe presentado este martes reflicte polo tanto, e así o salientou a propia Valedora, a actividade na institución durante o mandato á fronte dela de Otero.
As áreas autonómicas de Educación e Cultura e Economía encabezan nos últimos anos o entorpecemento ás actuacións do Valedor do Pobo, que antes se concentraban en Sanidade
Segundo o informe, o pasado ano o Valedor do Pobo tivo que chegar ao extremo de ameazar coa posibilidade de considerar hostil á administración por non atender as súas peticións nun total de cen veces no caso da Xunta de Galicia, coa Consellería de Economía á cabeza (38 ocasións), seguida da de Educación e Cultura (34 veces, sumadas as dúas áreas que foron divididas en dúas consellerías distintas en setembro de 2018). As cifras de 2018 permiten comprobar un aumento da falta de colaboración da Xunta nos últimos dous anos, situación que veñen encabezando as áreas de Educación e Cultura.
Educación e Cultura tamén destacan no seguinte nivel de entorpecemento ás actuacións da Valedora, o de que a institución teña que reiterar as súas peticións ata en dúas ocasións antes de que a administración as atenda. Iso sucedeu o pasado ano en 52 ocasións nesas áreas e en 49 veces na de Economía. As cifras están lonxe das 131 reiteracións de peticións que chegou a facer o Valedor en 2015 á Consellería de Sanidade pero percíbese un aumento xeral na falta de colaboración do conxunto das consellerías.
Os concellos de Triacastela, O Porriño e Mondariz foron ameazados en cinco ocasións cunha declaración de hostilidade por non colaborar coa Valedora
A nivel municipal, en 2018 a ameaza de declarar hostil foi formulada polo Valedor do Pobo a tres concellos reiteradamente incumpridores nun total de 5 ocasións: Triacastela, O Porriño e Mondariz.
Por outra banda, a nivel xeral o informe anual da institución reflicte un aumento do número de asuntos distintos tramitados polo Valedor ao tempo que un descenso do número de reclamantes ou expedientes distintos, o que pode deberse a un descenso no número de queixas formuladas de xeito idéntico e repetido en anos anteriores por integrantes duns mesmos colectivos afectados por un mesmo problema.
A Valedora salienta "a necesidade de habilitar medios para a execución forzosa" das resolucións da Comisión de Transparencia de Galicia cando estas non son atendidas polas administracións
No informe a Valedora tamén deixa constancia dos obstáculos das administracións non só ás súas xestións directas senón tamén á aplicación da Lei de Transparencia, coa negativa reiterada dalgunhas entidades a facilitar as informacións solicitadas pola cidadanía. Nese eido a institución salienta "a necesidade de habilitar medios para a execución forzosa" das resolucións da Comisión de Transparencia de Galicia cando estas reclaman que se facilite ao solicitante de transparencia a información pedida pero as administracións aínda así se negan a facelo.