Sanidade convértese na consellería que máis entorpece o traballo do Valedor do Pobo

A valedora, Milagros Otero, entrega o informe anual ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices Dominio Público Parlamento de Galicia

Un total 39.394 galegos, practicamente tantas mulleres coma homes, presentaron en 2015 unha queixa ante o Valedor do Pobo, unha cifra que supón case duplicar as 24.000 rexistradas o ano anterior. Malia que boa parte delas foron queixas colectivas, a cifra supón que o 1,5% dos galegos amosou formalmente a súa desconformidade coas administracións galegas (Xunta, concellos ou universidades), segundo o balance anual presentado este luns pola actual valedora, Milagros Otero, no cargo desde setembro tras substituír o anterior, José Julio Fernández. Un balance no que a Consellería de Sanidade convértese con moita diferenza no departamento máis entorpecedor do traballo do Valedor.

40.000 galegos, o 1,5% da poboación, queixáronse ao Valedor do Pobo en 2015, o dobre que o ano anterior

Dos preto de 40.000 galegos que se queixaron ao Valedor, a metade fixérono a través de dúas queixas en grupo. Máis de 11.000 subscribiron unha iniciativa contra a obriga que a Lei de Dependencia impón de que os grandes dependentes teñan que cambiar de residencia se na que estaban non reúne os requisitos necesarios para a súa atención no momento en que vén recoñecida a súa situación. Do mesmo xeito, outras 8.000 queixas apoiaron a petición das familias dos mariñeiros desaparecidos no afundimento do Paquito Dos en Corrubedo en decembro de 2014 de que o buque fose reflotado.

Agrupando esas e outras queixas colectivas, en 2015 o Valedor tratou un total de 2.287 asuntos distintos, unha cifra que se estabiliza logo dos 2.310 do ano anterior e tras os récords de 2011 e 2013 na contorna dos 2.750 asuntos distintos. Ao analizalas, as queixas polos servizos sociais son as máis abundantes, 300 distintas, o 13,12% do total, seguidas polas queixas pola sanidade, 256, o 11,19% do total.

É xusto a Consellería de Sanidade a que se revelou en 2015 como a máis entorpecedora do traballo da valedora, que evitou verbalizalo na súa intervención malia que se lle preguntou pola cuestión. Segundo o informe anual, en 2015 o Valedor tivo que advertir en 11 ocasións a Sanidade da súa obriga de responder aos seus requirimentos baixo apercibimento de declarala “hostil” (a institución non chega ao extremo de emitir ningunha declaración de hostilidade desde 2007). Pero é no seguinte nivel de entorpecemento ao da ameaza con declarar “hostil”, o de que o Valedor teña que requirir información por dúas veces antes de obtela, onde Sanidade despunta en 2015 con un total de 131 peticións reiteradas, moi por diante das 33 de Traballo e Benestar no mesmo ano ou das 34 reiteracións do ano anterior a Educación e Cultura. Durante a maior parte do ano 2015 a conselleira de Sanidade foi Rocío Mosquera, ata a súa substitución en outubro por Jesús Vázquez Almuiña.

O informe anual di que a Xunta non está a cumprir a lei de garantías sanitarias, o que fai que os cidadáns acudan ao Valedor para que este axilice cada caso particular

Malia evitar criticar a Sanidade polo seu entorpecemento, a valedora si salientou a necesidade de que as lisas de espera sanitarias sexan “absolutamente transparentes” e “áxiles”, de xeito “que o cidadán saiba en cada momento a que aterse, canto ten que agardar”, con independencia de que esa espera sexa maior ou menor. Novamente, no informe anual a crítica a Sanidade é máis dura que nas verbas da valedora. Alí asegúrase que o das listas de espera é un “problema estrutural que debe ser corrixido pola administración”, algo que non logrou a lei de garantías sanitarias, en vigor desde comezos de 2014. O Valedor di no seu informe que “a interpretación da norma non deixa lugar a dúbidas en canto aos tempos máximos de espera que deben esixirse, pero a aplicación práctica da mesma non alcanzou a súa plena eficacia xa que, o número de pacientes e os recursos existentes dificultan o pleno alcance deste dereito”.

A ineficacia da lei tamén está facendo que os cidadáns acudan ao Valedor para instar, e lograr, o seu cumprimento nos seus casos particulares. “Nunha porcentaxe moi elevada deste tipo de reclamacións o Valedor do Pobo recibe por parte da administración sanitaria un informe confirmatorio da resolución positiva do expediente ao indicarnos o adianto na data da consulta ou intervención prefixada, ou a concreción dunha cita para aquelas que non tiñan día establecido”, admite a institución.

A valedora di que o problema das persoas sen fogar en Santiago "aínda non está resolto pero mellorou" e alerta contra a discriminación LGTBI e o acoso escolar 

Na súa intervención a valedora non foi tan dura coa Consellería de Sanidade como o é por escrito no informe anual da institución. Pola contra, Milagros Otero si mencionou no seu discurso inicial as dúas queixas de veciños e comerciantes de Santiago sobre a “situación de varias persoas sen fogar e o seu comportamento contrario á ordenanza de convivencia”. “O problema aínda non está resolto pero se aprecian mellorías na súa manifestación”, dixo a valedora. Porén, non é Santiago o concello co que o Valedor do Pobo ten máis problemas. Entre os municipios máis reticentes a atender as súas peticións seguen a estar, ano tras ano, Ourense, Vigo e Sarria.

Por outra banda, a valedora tamén quixo mencionar especialmente a súa preocupación polas situacións de discriminacións que sofre o colectivo de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais así como o acoso escolar, que estendeu a calquera ocasión na que “un grupo de nenos faga sentirse mal a outro porque é diferente”.

A valedora durante a rolda de prensa de presentación do informe anual Dominio Público Valedor do Pobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.