0 Gardados para despois

O Sergas limita a información das listas de espera tras subilas a niveis da década pasada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A Xunta recorta pola metade a información das listas das súas listas de espera. Faino, como informou este diario, en aplicación da denominada lei de garantías de prestacións sanitarias, a norma que lle facilita ao Servizo Galego de Saúde traspasar pacientes á sanidade privada para, precisamente, axustarse a un máximo de 60 días de espera. Esa norma, que habilita o Goberno para difundir os datos de agarda só dúas veces ao ano e non cada trimestre, como facía ata agora, leva en vigor dende marzo de 2014 pero comeza a aplicarse agora no que atinxe á limitación da información. O Sergas toma esta decisión tras anos de recortes e convulsión entre o seu persoal, uns anos nos que as listas de espera volveron a niveis semellantes aos de hai dez anos, xusto cando estes datos comezaron a ser públicos.

Cando a Xunta iniciou a publicación trimestral das listas de espera, xusto no remate do fraguismo, a espera media para acceder a unha operación cirúrxica no Sergas superaba os 100 días. Ese foi escenario no que comezou a xestionar a sanidade pública o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que durante os anos seguintes logrou encamiñar o sistema nunha senda de descenso da demora que culminou nos últimos trimestres que o xestionou. Así, no segundo trimestre de 2009, o derradeiro con socialistas e nacionalistas en San Caetano, logrouse o valor máis baixo da serie histórica, cunha espera cirúrxica media de 67 días.

O dato máis baixo da serie rexistrouse no segundo trimestre de 2009, cunha espera media de 67 días

Tras o retorno do PP ao poder as listas de espera seguiron oscilando en función dos trimestres e aumentando especialmente durante o verán -dato que coa nova regulamentación non será público-. Se ben o debuxo de cada ano non variou si o fixo a tendencia, que pasou de descendente a ascendente ata tocar teito no remate do terceiro trimestre de 2012, cunha espera media de case 99 días, valor que fixo retroceder o sistema ata a década pasada, cando en 2007, co bipartito no poder, se acadaron os 106 días de espera media, máximo que foi inicio da senda de descenso que rematou cos devanditos 67 días de comezos de 2009.

Isto sucede nun contexto no que a evolución dos últimos anos tampouco foi a mellor das posibles noutro dos valores fundamentais do sistema, aínda que menos comentado que o tempo de espera media: o número de persoas que están a agardar por unha intervención cirúrxica. O dato máis recente dispoñible, o do cuarto trimestre de 2014, indica que estaban a agardar 36.469 pacientes, uns 200 máis que a finais de 2009 e 4.000 máis que no remate de 2008, cando se acadou o menor valor dos rexistros con pouco máis de 32.000 persoas esperando.

Dos dez trimestres con menos doentes en lista de espera un corresponde ao actual Goberno da Xunta e nove, ao mandato do bipartito

Se, no canto de observar este indicador de maneira liñal se ordenan os trimestres polo número de persoas a agardar en cada un deles cabe concluír que, dos 39 trimestres nos que hai datos, o que presentou un maior número de doentes a agardar para seren operados foi o terceiro de 2005, xusto cando o bipartito colleu o relevo do gabinete Fraga. Dos dez trimestres con máis persoas a agardar dous corresponden á xestión do bipartito, outros dous ao Goberno de Manuel Fraga e os seis restantes, ao de Alberto Núñez Feijoo, que a comezos de 2012 acadou o terceiro valor máis alto da serie con 39.614 pacientes.

Pola banda baixa, nove dos dez trimestres con menos pacientes agardando correspóndense coa lexislatura da coalición de PSdeG e BNG e un, co Goberno de Feijóo, que no cuarto trimestre de 2010 acadou o seu mellor resultado neste ámbito ao situar a lista na contorna dos 34.300 pacientes pendentes dunha operación. No entanto, dende ese mínimo a lista de espera estructural sempre veu incluíndo máis de 35.000 persoas e a maior parte do tempo superou as 36.000, segundo datos do propio Sergas.

O empeoramento das listas de espera nos últimos anos prodúcese nun contexto no que a mensaxe política do Goberno galego en materia sanitaria está centrada, precisamente, en asegurar que mingua as listas de espera. Deste xeito, o Sergas adoita presentar os datos non globalmente, senón centrándose a redución de tempos nas patoloxías graves. Ademais, a propia lei de garantías permite amortecer as listas de espera mediante o traspaso á sanidade privada de todas as persoas que superen os 60 días de agarda, precepto que, cando menos polo momento, non impediu que a agarda global baixe dos 80 días.

Espera cirúrxica no Sergas 2005-2014

O total non está dispoñible no segundo e terceiro trimestre de 2014 porque o SERGAS decidiu non publicalo

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.