0 Gardados para despois

Sanidade evita por segunda vez informar o Valedor sobre os infartos en Lugo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Este mércores celebrábase no Parlamento sesión de control ao presidente e os tres grupos que puideron preguntar -toda a oposición agás o BNG, cuxos membros se amordazaron para protestar pola súa exclusión, provocada polo novo reparto de iniciativas- cuestionaron a Alberto Núñez Feijóo polo estado da sanidade pública e polos efectos nela dos recortes orzamentarios. Como adoito, o titular da Xunta deu en sacar peito pola súa xestión sanitaria e, un mes despois de facelo por primeira vez, volveu enxalzar o sistema sanitario galego comparándoo co de Venezuela mentres acusa a posición de "denigrar" os profesionais do Sergas. O debate foi seguido con xesto de contrariedade pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, en cuxa xestión se multiplican as frontes abertas. Nunha delas, a da falta no Hospital Lucus Augusti dos servizos prometidos polo propio Feijóo hai máis de catro anos, o Sergas segue optando por reter información.

Como informou este diario, a plataforma veciñal que reclama a instalación dos servizos de medicina nuclear e radioterapia e mais o funcionamento da hemodinámica durante as vinte e catro horas reclama dende hai meses os datos completos sobre os infartos na provincia lucense, toda vez que as restricións da Xunta fan que esta doenza só sexa atendida no HULA en horas de oficina, de 8 a 3. "Queremos saber cantas persoas morreron, cantas foron desprazadas e cantas morreron nos desprazamentos" á Coruña, onde son atendidos os doentes cando a hemodinámica de Lugo está pechada, resumen dende a plataforma.

Feijóo gábase da súa xestión sanitaria e contrapona coa de Venezuela

Dado que a Xerencia da Área de Xestión Integrada do Sergas en Lugo se resistiu sistematicamente a ofrecer esta información a plataforma recorreu ao Valedor do Pobo, que a finais de 2014 lle pediu a Sanidade un informes "sobre os aspectos denunciados polos cidadáns" como paso previo a observar se "existe ou non mala praxe" e iniciar, no seu caso, as accións que correspondan. Ante o mutismo oficial o Valedor reiterou a súa reclamación o pasado 2 de febreiro e o resultado foi o mesmo. Así, segundo confirman fontes do alto comisionado consultadas por Praza Pública, vén de ser formulado un "segundo requerimento" ao departamento de Rocío Mosquera.

"Que ten que ocorrer para que Feijóo destitúa a conselleira?", pregúntase a plataforma veciñal

"A Consellería de Sanidade persiste na súa actitude de non enviar a información requirida (...) a pesar de que a demandamos en dúas ocasións", explícoulles o Valedor aos membros da plataforma veciñal. Esta foi a razón polo que a oficina que dirixe en funcións José Julio Fernández se viu "obrigada" a "recordarlle de novo á Consellería o seu deber de colaborar". "No caso de persistir esta actitude -informa na mesma comunicación- procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais", detalla.

Esta negativa veu caldear aínda máis os ánimos da plataforma veciñal. "O da consellería é unha vergoña, non entendemos como Feijóo mantén esa señora no posto", di o seu coordinador, José Manuel Carballo, en conversa con Praza. Ao seu xuízo Mosquera "non ten categoría para manterse nin un minuto máis" no seu posto, toda vez que "o mínimo que se pode facer cando un ente como o Valedor do Pobo pide información é remitila". "Que ten que ocorrer para que Feijóo a destitúa?", pregúntase.

Os datos máis recentes indican que a mortalidade por infarto en Lugo triplica a media estatal

A retención dos datos por parte do Goberno galego prodúcese nun contexto no que a información estatística máis recente indica que no ano 2013, o último antes da apertura do servizo de hemodinámica do HULA co seu horario de oficina, a taxa de mortalidade por infarto de miocardio na provincia lucense superaba en trinta puntos a media de Galicia e triplicaba a media estatal. Nomeadamente, nese ano producíronse en Lugo 76 infartos por cada 100.000 habitantes mentres que a media galega non chegaba a 47 e a española ficou en 35,5.

Vence fará a "ruta do cancro"

Mentres a plataforma desenvolve novas accións de protesta que, advirten, seguirán "arreciando" durante o período electoral un  líder político máis, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, vén de acceder a vivir a que xa se coñece como "ruta do cancro", isto é, a viaxe que deben facer os doentes oncolóxicos lucenses que son trasladados a diario tamén á Coruña pola devandita ausencia de radioterapia en Lugo. Como xa fixera o socialista José Ramón Gómez Besteiro a finais de 2014 o líder do Bloque aceptou o convite lanzado polo colectivo veciñal a dirixentes de todos os signos políticos, tamén do PP, para compartiren a experiencia duns traslados que duran ata 10 horas.

O líder do BNG atende a petición da plataforma veciñal para "visibilizar esta dolorosa peregrinaxe"

Nesta ocasión a viaxe partirá de Fonsagrada ás 7 da mañá do vindeiro venres. Alí unha ambulancia recollerá unha paciente para desprazala ata o hospital de Lugo, onde recollerá o resto de doentes. Contra as 8 a comitiva partirá cara á Coruña, onde prevén chegar arredor das dez e cuarto. Cando todos os doentes reciban o seu tratamento, que dura uns dez minutos por persoa, realizarase a viaxe de volta a Lugo e, dende alí, de novo a Monterroso, onde a paciente non chegará antes das dúas da tarde. En total, unhas sete horas e máis de 300 quilómetros. A intención de Vence, que viaxará acompañado polo candidato do Bloque á alcaldía lucense, Rubén Arroxo, o deputado Cosme Pombo e o titular de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, é "contribuír a facer visible esta dolorosa peregrinaxe" para esixir que o HULA conte "de inmediato" cos servizos pendentes.

Mortes por infarto agudo de miocardio

CC BY-SA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.