O Sergas reduce a espera cirúrxica media ata 56 días antes do novo 'apagón' informativo de verán

Operación cirúrxica nun hospital público galego © Sergas

O tempo medio de demora en Galicia para someterse a unha operación cirúrxica dende o momento en que o paciente entra en lista de espera finalizou o primeiro semestre do ano en 56,4 días. Son case cinco días menos de media que no semestre final do ano pasado e unha redución de 1,4 días con relación ao mesmo semestre de 2018, o que converte este dato medio no menor da serie histórica co actual sistema de difusión da información, iniciada en 2015, que trae consigo un apagón informativo ata despois do verán.

Estes 56,4 días de media na lista de espera cirúrxica, composta por 34.468 persoas, son tamén inferiores a todos os datos rexistrados ata finais de 2014, cando aínda se empregaba o anterior método. No que atinxe ás consultas especializadas as 168.540 persoas que agardaban a finais de xuño facíano unha media de 37,6 días, atendendo aos datos divulgados este 19 de xullo polo Servizo Galego de Saúde.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, ve nestes datos unha mostra da boa xestión do seu departamento porque se trata da "mellor cifra dende que existe rexistro de listas de espera", isto é, o valor medio máis baixo dende que o Goberno de Fraga comezou a divulgar estes datos, antes das eleccións galegas do ano 2005. Campa pon tamén o foco en que en que esta cifra media está case catro días por baixo do limiar legal dos 60 días fixados na lei de garantías de prestacións sanitarias  do ano 2014, regulado por decreto e 2018.

O dato de demora media cirúrxica é o máis baixo da serie histórica e a Xunta mantén que non o está a lograr mediante derivacións a centros privados-concertados

Concretamente, segundo o comunicado divulgado polo Servizo Galego de Saúde -estes datos non son abertos-, dende xaneiro de 2018  "un total de 65.883 persoas se beneficiaron" do "dereito" desa garantía de espera máxima, 16.548 en cirurxía (60 días) e 24.829 en consultas (45 días). Sempre segundo esta nota oficial, "todos os pacientes foron atendidos en centros do Servizo Galego de Saúde e non se derivou ningún a centros concertados", di en referencia ao precepto da propia lei segundo o cal a Xunta pode derivar poboación á sanidade privada para axustarse a eses tempos máximos. Así e todo, nos últimos anos existiron diversos testemuños de pacientes segundo cuxa versión o Sergas os puña na disxuntiva de seren operados na sanidade privada ou atrasados na lista de espera.

Diferenzas entre hospitais

O dato global de espera cirúrxica, como valor medio, é o resultado de comportamentos moi dispares en función das áreas sanitarias e mesmo dos hospitais. Así, os apenas 34 días de espera media por unha operación nas áreas de Ferrol ou Pontevedra-Salnés contrastan cos máis de 60 días da Coruña e, sobre todo, cos 74,4 días de espera media en Vigo. Na área sanitaria o hospital concertado Povisa segue a ser o gran lastre do sistema, cunha demora media de 78,6 días que incrementa en máis de 2 días e medio o valor medio galego.

Hai catro anos a información das listas de espera pasou de ser trimestral a semestral, evitando divulgar os que adoitaban ser os dous peores datos de cada ano

Estes datos de espera media cirúrxica, bos na medida en que reducen as cifras de anos previos, son divulgados pola Consellería de Sanidade antes de que, por cuarto ano consecutivo, os indicadores de demora sanitaria non reflictan o efecto da redución de actividade durante o verán. A devandita lei de garantías, en vigor dende 2014, incluíu unha redución da información das listas de espera que a Xunta comezou a aplicar en 2015: os datos pasaron de ser trimestrais a ser semestrais.

Esta mudanza na periodicidade da información supuxo que Sanidade suprimise dúas vagas de datos, as do 31 de marzo e as do 30 de setembro. Deste xeito, o Goberno galego evita ter que dar conta dos que adoitaban ser os dous peores indicadores de demora cirúrxica cada ano, os que reflectían os efectos do verán -por peches de camas e menos actividade cirúrxica por mor das vacacións- e mais as saturacións hospitalarias do inverno por episodios como os picos da gripe.

Estes datos rexístranse nun contexto no que as devanditas 34.468 persoas anotadas nas listas de espera cirúrxica do Sergas a 30 de xuño son 904 menos que a finais de 2018 e 1.893 menos que no mesmo semestre do pasado ano. Está, non obstante, aínda por riba do valor máis baixo da serie, acadado a finais de 2008 con algo máis de 32.000 persoas a esperar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.