O barrio da Residencia de Lugo debe o seu nome a que en 1957 abriu alí as súas portas a Residencia Sanitaria Hermanos Pedrosa, xermolo do que os seguintes 54 anos foi o principal centro sanitario lucense, o núcleo do complexo hospitalario Xeral-Calde. O vello Xeral despediu os seus derradeiros pacientes o 31 de xaneiro de 2011 e no barrio estendeuse o temor do abandono mentres os negocios que durante décadas estiveran ligados ao centro hospitalario ollaban cara ao novo e afastado Hospital Lucus Augusti.
O vello Xeral pechou o 31 de xaneiro de 2011 e durante anos estivo a degradarse mentres algunhas das súas partes comezaban a caer
Mentres isto sucedía, dende a Xunta asegurábase que a Residencia non ía quedar esquecida. O complexo, anunciara daquela, ía seguir tendo uso sociosanitario -como estipulaba a normativa urbanística e na liña das condicións polas que o Estado cedera o edificio principal á Xunta no marco das transferencias sanitarias- e ademais o PP local propuña que o módulo de hospitalización se convertese na nova comisaría da Policía Nacional na cidade.
Os anos foron pasando e tamén fixeron o propio as propostas para a vella Residencia, literalmente a caer mentres dende a Xunta se admitía que o antigo Xeral era xa un "edificio enfermo" que habería que derrubar. Esa derruba foi inaugurada, na súa parte mecánica, polo propio presidente da Xunta. No marco do aluvión de visitas e inauguracións que Alberto Núñez Feijóo emprendeu dende poucos días despois das eleccións municipais, este martes acudiu á capital lucense para presenciar os primeiros traballos da maquinaria na demolición e "destacar os avances" do plan para a residencia que o seu Goberno presentou dúas veces o pasado 2017.
Segundo o proxecto presentado como definitivo cando o vello hospital levaba seis anos pechado, o primeiro que se instalará na vella residencia será un centro de saúde no antigo edificio do Materno Infantil
Segundo o proxecto presentado como definitivo, o primeiro que se instalará na vella residencia será un centro de saúde no antigo edificio do Materno Infantil, menos deteriorado que o do Xeral. Alí tamén se instalará o Punto de Atención Continuada que Implicará o peche do que funciona actualmente no barrio de Fingoi. O Goberno galego, avanza Feijóo, disponse a contratar a construción dese centro esta semana mentres comeza o derrubamento do vello Xeral, que se estenderá ata o outono. "Boa parte do espazo" que fique baleiro "será ocupado pola residencia de maiores" que a Xunta "prevé" comezar a construír "na primeira metade" de 2020.
Os bosquexos amosados pola Xunta en anteriores presentacións deste mesmo proxecto contemplan tamén construír un "centro de emprendemento" e a devandita comisaría que, en última instancia, dependería de que o Ministerio do Interior a considerase oportuna. O acto deste 25 de xuño, ao que tamén asistiu a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, chega despois de que o pasado setembro o Concello lucense revelase que a Xunta anulara un dos acordos clave para a prometida remodelación do vello Xeral e optara por non facelo público. O Goberno galego asegurara que esa anulación fora unha cuestión estritamente burocrática e acusara o Concello de "entorpecer" o proxecto