"Son edificios enfermos". En xuño de 2012, pouco máis dun ano despois de que o antigo Hospital Xeral de Lugo pechase definitivamente por mor da entrada en funcionamento do novo Hospital Lucus Augusti (HULA), a daquela conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, resumía deste xeito o estado do vello complexo, cuxo deterioro avanzara diante dos ollos de varias xeracións de pacientes lucenses durante moitos lustros. A responsable autonómica indicaba deste xeito que os diversos usos prometidos para os inmobles estaban en serias dúbidas e avanzaba, ao tempo, diversos proxectos dos que catro anos despois nada se sabe. Mentres, o edificio xa está, literalmente, a caer.
Foi neste contexto no que o pasado ano se constituíu unha comisión municipal "para a revitalización do barrio da residencia", na que están presentes os grupos con representación municipal e representantes das asociacións veciñais e comerciais da contorna do recinto sanitario agora pechado. Este mércores membros desa comisión, acompañados polo xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, citáronse para visitar o antigo hospital e comprobar sobre o terreo o seu grao de deterioro, que é mesmo maior do agardado.
A comisión non puido acceder ao antigo edificio do Xeral por risco de derrubamento
Ao rematar a visita o goberno local deu por constatado o "evidente e importante deterioro" da área que puideron visitar, o edificio do Materno-Infantil, toda vez que os técnicos recomendaron non acceder ao edificio Xeral por, en verbas do edil de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, estar "en moi mal estado, con paredes e teitos caídos" e mesmo riscos de derrubamento. No caso do Materno hai tamén "danos considerables no tellado na estrutura" agravados polas chuvias no terceiro piso. Mentres, o resto do edificio "está tal cal o deixaron cando quedou baleiro, mesmo cun exceso de material que quedou alí tirado e que é difícil de entender que non fose aproveitado ou doado", di o concelleiro.
"A Xunta aínda non ten ningún plan para utilizar estes edificios", lamenta o Concello
Entre buracos no teito, filtracións de auga e pequenos asolagamentos a comisión lamenta que, media década despois da estrea do HULA, a Xunta "non teña aínda ningún plan para utilizar estes edificios". "Non nos ofrecen ningunha resposta", subliña Piñeiro, quen detalla que o Sergas di agora valorar que "algún dos andares da antiga escola de enfermaría" pasen a ser utilizados como centro de saúde e unidade de saúde mental, a cal xa fora anunciado, na etapa de Mosquera, que sería instalada na que fora área administrativa do hospital agora pechado.
Esta nova opción para o barrio da Residencia, que implicaría manter "baleiras e sen ningunha función as instalacións do Xeral e do Materno", chega despois de que, nos últimos anos, Xunta e PP formulasen diversas alternativas que non chegaron a concretarse. Así, Sanidade desbotou a instalación nos edificios dun laboratorio de Saúde Pública despois de anuncialo, e despois asegurou que parte do complexo sería aproveitado para os servizos que agora se anuncian para a Escola de Enfermaría. O PP lucense, pola súa banda, veu apostando por converter o vello xeral nunha comisaría, proxecto para o que polo momento se descoñecen avances.
Denuncia en vídeo do peche de camas
Mentres a Xunta segue sen saber cal será o destino definitivo do Hospital Xeral, a plataforma Pola Saúde de Lugo, que agrupa a diversas entidades da cidade, devolve á actualidade o vello centro sanitario para denunciar que, cos peches que o Sergas mantén no HULA, o novo hospital ofrece menos camas á cidadanía que as que estaban dispoñibles mentres funcionaba o Xeral, ao que se engadían os hospitais de Calde e San Xosé, agora tamén pechados.
A plataforma cidadá denuncia que, por mor dos peches, o HULA ofrece menos camas das dispoñibles cando funcionaban o Xeral, San Xosé e Calde
A través do vídeo que se amosa baixo estas liñas, que comeza cun framento da montaxe empregada pola Xunta para promocionar o HULA na súa apertura, a plataforma salienta que, ao restarse as 174 camas pechadas ás 869 das que dispón o hospital, o novo centro ofrece un total de 696. Mentres, cando estaban abertos Xeral, Calde e San Xosé, as camas dispoñibles eran 739.
"Existe algún motivo para abrir un novo hospital e pechar camas?", pregúntanse, mentres lembran que os servizos afectados son tan diversos como xeriatría, coidados paliativos, pediatría ou "dúas unidades polivalentes que non chegaron a abrir". O propio programa informático co que o Sergas controla as camas, amosado no vídeo, amosa o "bloqueo" dunhas prazas que, salientan, se produce mentres "aumentan a lista de espera" e tamén as "derivacións" de operacións cirúrxicas a centros privados como POLUSA ou Virxe dos Ollos Grandes, traspaso que se realiza ao abeiro da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias.