O 31 de xaneiro de 2011 o vetusto Hospital Xeral de Lugo botaba definitivamente o peche. Tras trinta e nove días de traslado ao novo Hospital Universitario Lucus Augusti e despois de case trinta e sete anos de servizo ininterrompido o antigo e deteriorado complexo pasaba á historia e no seu entorno aumentaba a inquedanza que comezara moito antes, cando a veciñanza soubo que o centro sanitario non continuaría alí. Ao redor dos edificios agora pechados e valados medrou durante catro décadas un dos barrios con máis actividade da cidade, que tomou ata o seu nome da instalacións dedicadas á saúde: A Residencia. Ao carón do hospital naceron todo tipo de negocios: bares, restaurantes, florarías, farmacias, funerarias... cuxos propietarios, xa antes do peche, comezaron a reclamar que a zona non ficase "abandonada" cando a última padiola saíse cara ao novo complexo. A coincidencia no tempo coa precampaña e a campaña das eleccións municipais abonou o terreo e os comerciantes, xa convertidos en plataforma á que se sumaran múltiples veciños, recibiron promesas múltiples que foron esvaendo, especialmente a comezos do presente mes de xuño.
En 2011 dende a Xunta prometeuse con rapidez que nin o edificio nin a zona serían esquecidas e o daquela candidato do PP á alcaldía, Jaime Castiñeira, atopou na coincidencia partidaria co Goberno galego unha veta para tentar erosionar o rexedor socialista, José López Orozco, e tamén ao BNG local. Así, mentres, por exemplo, os nacionalistas lanzaban a proposta de converter o antigo centro -previa rehabilitación- nun hospital para persoas maiores e instalar ademais no complexo un punto de antención continuada (PAC) e un laboratorio de saúde pública os conservadores garantían o uso sociosanitario dos edificios -obrigatorio, polo PXOM da cidade e porque a parcela foi cedida con esas condicións- e, ademais, acrecentaban a idea, propoñendo que o módulo de hospitalización pasase a ser a nova comisaría da Polícia nacional na cidade.
O PP opúxose en campaña a transformar o edificio nun hospital para maiores e propuxo convertelo en comisaría de policía
A dous meses da cita coas urnas o propio Castiñeira, acompañado polo presidente provincial do PP e actual voceiro no Senado, José Manuel Barreiro, sinalaban ademais que a súa iniciativa tería validez tanto "se os informes que encargou a Xunta indican que é válida a estrutura do edificio" como se non. "De seren negativas as análises dos técnicos", na parcela ergueríase "un novo inmoble para albergar a comisaría", unha infraestrutura "moi positiva para manter a actividade socioeconómica" e darlle "seguridade á zona". Ademais, aseguraba, a veciñanza era contraria á conversión do hospital en centro para maiores, cousa que tamén rexeitaba o PP "por non ser o lugar máis idóneo".
O tempo e as eleccións pasaron e os informes non chegaron ata hai pouco máis dunha semana, cando a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, confirmaba nunha visita a Lugo que os edificios, de cuxa saúde construtiva dubidaron moitos lugueses durante décadas, terán que ser derrubados. "Son inmobles enfermos", resumía Mosquera, ao tempo que lembraba que a demolición lle corresponde á Tesourería Xeral da Seguridade Social, por ser a propietaria dos edificios. Da comisaría, nin rastro, pero tampouco doutro dos equipamentos previstos polo Goberno galego, o Laboratorio de Saúde Pública. Proxectado polo bipartito e asumido pola ex conselleira Pilar Farjas, finalmente será desbotado e só se efectuará unha ampliación do laboratorio xa existente, noutro punto da cidade.
A conselleira de Sanidade confirmou que boa parte do complexo ten que ser derrubado por estar "enfermo"
Neste contexto, dos augurios de manter a actividade socieconómica da zona pasouse a un obxectivo moito menos ambicioso. Segundo detallou a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, tras recibir na sede oficial do Executivo a Castiñeira e a Barreiro, ao que fora edificio de administración do vello hospital trasladaranse tres unidades de saúde mental o que, traducido en pacientes, se traduce nun movemento de apenas 200 persoas ao día. Sen horizonte temporal definido están outras das promesas que aínda persisten, como a instalación de "diversos servizos da área de atención primaria", que van dende o devandito PAC a un centro de saúde ou unha unidade de atención á muller, todas elas sen proxectar nin orzamentar, ao contrario que o Laboratorio de Saúde Pública, que si se orzamentou nas contas da Xunta para 2012 por máis dun millón de euros, pero que non se fará.