Contra as dúas da tarde deste 14 de novembro, minutos despois de que concluíse na praza da Quintana de Santiago a lectura do manifesto final da multitudinaria manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública baixo o lema Salvemos a Atención Primaria, o Goberno galego fixo chegar aos medios un comunicado coa súa resposta implícita á mobilización. Sen citala, a Xunta retruca á concorrida protesta afirmando que o Sergas "supera a media do 60% de presencialidade" e que o fai, ademais, un mes e medio antes do que calculara.
Mentres os colectivos na defensa da sanidade pública clamaban nas rúas compostelás pola necesidade de melloras nuns centros de saúde e cadros de persoal que, advirten, saen aínda máis resentidos da pandemia, Sanidade afirma que "o Sergas continúa a avanzar no proceso de recuperar a normalidade asistencial". Nesa liña, xa dá por logrado o "primeiro obxectivo" de superar o 60% de atención presencial que, di, inicialmente prevía acadar no remate do ano.
Asegura tamén Sanidade nesa comunicación que "o 87% das consultas solicitadas" en Atención Primaria son "atendidas en menos de catro días". Neste sentido, agrega que na área sanitaria da Coruña e Cee "o 85% das solicitudes son atendidas antes dos dous días" e na de Lugo, "o 92% das citas médicas tamén teñen lugar antes deste prazo".
Mentres a Xunta responde á mobilización afirmando a demora se reduce nunha Atención Primaria que gaña persoal, Pontón (BNG) reclama máis medios para que non haxa "centros de saúde con semanas de espera" e Formoso (PSdeG) resalta que "non é posible que xa poidamos ir a grandes eventos pero se negue acudir ao centro de saúde con normalidade"
Na súa resposta política á mobilización, o Goberno galego tamén resalta incorporacións "ás súas prazas" de persoal en Atención Primaria de "254 médicos de familia, 93 pediatras de atención primaria, 30 enfermeiras
especialistas en medicina familiar e comunitaria, 126 PSX e 7 odontólogos". Reitera ademais as súas peticións ao Goberno de España neste eido e repasa as obras de construción e reforma en centros e saúde que rematou recentemente ou prevé iniciar proximamente.
Mentres a Xunta remitía esta resposta, ao pé da manifestación representantes da oposición galega esixíanlle mudanzas na súa política sanitaria. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama a Alberto Núñez Feijóo "unha estratexia que dea forza ao corazón do sistema, a Atención Primaria" e evidencie que "aprendeu as leccións da pandemia" fornecendo os centros de saúde dos medios necesarios para que, por exemplo, "non se dificulte o acceso" aos pacientes ou "haxa algúns onde hai semanas de espera para poder acudir ao médico ou médica de cabeceira".
Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral electo, Valentín González Formoso, reclamou tamén na mobilización "garantía de atención presencial" para todas as persoas que a precisen. "O PP é sinónimo de lista de espera, menos persoal e Atención Primaria desatendida", sinalou o novo líder socialista, de cuxo punto de vista "non é posible" que, co levantamento do groso das restricións pola COVID-19, "xa poidamos ir a grandes eventos" e ao tempo, se "negue á cidadanía acudir ao centro de saúde con normalidade".