O pasado xoves, 16 de setembro, o Servizo Galego de Saúde reactivou a posibilidade de solicitar cita médica presencial en Atención Primaria a través de internet ou por teléfono, isto é, o sistema de citas que viñera sendo o ordinario e que a Xunta suspendeu dende o estourido da pandemia da COVID. Tras as primeiras vinte e catro horas de reactivación do servizo, o Goberno galego dá en concluír que a consulta telefónica "segue a ser a modalidade de preferencia dos cidadáns galegos" que piden cita por "vía telemática", isto é, a través do sitio web do Sergas, da súa aplicación móbil ou telefonicamente.
"A consulta telefónica segue a ser a modalidade de preferencia da cidadanía galega que pide cita co seu médico de atención primaria por vía telemática", afirma un comunicado feito público polo Goberno galego contra o mediodía deste venres. "Así o reflicten os datos", afirma, antes de expoñer as cifras de citas de Atención Primaria solicitadas que, indica, se rexistraron durante a xornada do xoves.
Indica Sanidade que no transcurso do 16 de setembro foron solicitadas 15.313 citas por teléfono ou internet, "o que representa un 14% da petición de citas totais". Dentro delas, o 47% (7.197) "escolleron a atención presencial", isto é, practicamente a metade. "Polo tanto, a modalidade de atención telefónica segue a ser a preferencia", subliña a Consellería. [A cita presencial ordinaria volve á Atención Primaria, que segue "saturada" e co persoal "desbordado"]
A Xunta conclúe que "a modalidade de atención telefónica segue a ser a preferencia" de quen pide cita médica por internet ou teléfono porque no primeiro día co servizo reactivado, o 47% "escolleron a atención presencial" e o total de citas concertadas por esta vía "se incrementou moi pouco" a respecto do día anterior
A Xunta apoia tamén o seu argumento en que "no día anterior", cando aínda non era posible solicitar cita presencial por internet ou teléfono, foron 12.377 as citas concertadas por esta vía, un 12% das tramitadas nesa xornada. Sanidade cre preciso "sinalar" que "as citas telemáticas se incrementaron moi pouco ao día seguinte da apertura por parte do Sergas, ao pasar do 12% ao 14%". O Goberno galego non ofrece máis datos ao respecto, cinguíndose unicamente a ese dous días.
Sanidade encadra estas cifras nas "reformas previstas e prometidas pola Xunta para a Atención Primaria" que, agrega, se "están a poñer en marcha tal e como o Executivo galego anunciou" mentres "traballa en novas cuestións". "O novo modelo -engade- permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles".
O retorno da posibilidade de solicitar cita presencial de maneira ordinaria é visto, en xeral, con bos ollos entre pacientes e persoal sanitario. Non obstante, profesionais de diversos centros consultados por Praza.gal, así como colectivos de defensa da sanidade pública ou sindicatos de persoal do Sergas reiteran que persisten "consultas saturadas, a acumulación de cupos ou a falta de medios e investimentos".