Carta de amor e de protesta

Consultorio de Baio (Zas) © Xarda

No mes de xuño pasei unha semana no Centro de saúde vital Zuhaizpe, en Navarra. Teño moi presente un aforismo que aprendín alí. "Gratitude: cando bebas auga, lembra a fonte", dicía. Dende hai meses, veñen a min relampos de memoria, algunhas imaxes de acontecementos que marcaron o meu camiño cara á Medicina de Familia.

Non lembro ben a primeira vez que sentín que quería ser médica, pero sei que vén de lonxe. Si recordo algúns momentos determinantes: aquel día, nunha aula da facultade, ao lado dunha das miñas boas amigas, no que reflexionamos sobre se tiñamos ou non tiñamos vocación, e sobre os motivos que nos levaran a estar alí xuntas. Tamén as primeiras veces que fixen prácticas en Atención Primaria, sendo estudante, en Negreira e Rianxo, ou os primeiros días sentada nun taburete branco con rodas, pegadiña ao médico de Atención Primaria que foi o meu titor cando eu era médica residente, con quen falei aínda o luns pasado. Despois, Senegal e todas as profesionais coas que compartín aquelas viaxes. Máis recentemente, encontros cun amigo médico co que comparto pensamentos arredor do que significa todo isto. Son momentos que me conectan con sensacións bonitas respecto á profesión. 

A Atención Primaria leva anos ferida de gravidade. A pandemia deixouna na UCI. E se non morre é pola carraxe e polo amor das profesionais que a sosteñen

Pregúntome por que rematei en Atención Primaria e sei a resposta: pola visión global da saúde-enfermidade e pola cercanía á xente. Logo de facer a miña elección, tiven a sorte de poder formarme cun profesional do que aprendín moito. Sobre todo, o importante: a actitude de axuda, máis alá da forma, das crenzas, mesmo dos coñecementos científicos; e o amor e o orgullo pola especialidade que me ensinaba. Por moitas idas e voltas que houbese na formación fóra de alí, sempre me bastou con visitalo para conectar con aquilo que me levou a facer a elección que fixen.

Ultimamente, nos seus ollos vexo o cansazo, a fatiga por non poder exercer a profesión como querería, como quereriamos. Iso entristéceme, e faime reflexionar. A mente dime: xa falastes moitas veces, servirá de algo volver facelo? E non o sei, pero sei que teño que facelo, sobre todo despois de escoitar o testemuño de Berta e Clara, dúas médicas de Familia de Madrid, nun episodio especial do podcast De eso no se habla, titulado El eco de los aplausos –o título é esclarecedor– que pode escoitarse en Spotify. Elas dúas falan sen ambaxes da situación que vivimos as sanitarias e das consecuencias que ten para as nosas vidas. Recomendo escoitalas.

Asumimos entre cincuenta e sesenta atencións por día e agora, como novidade, tamén somos 'rastreators' ao mesmo prezo. Precisamos tempo para poder escoitar á xente, abranguendo todas as esferas de cada paciente: o síntoma físico, o psíquico, a soidade, a parte social... Somos médicas de persoas, non de partes illadas de persoas

A Atención Primaria leva anos ferida de gravidade. A pandemia deixouna na UCI. E se non morre é pola carraxe e polo amor das profesionais que a sosteñen. As persoas que traballamos en Atención Primaria estamos sobrecargadas. Asumimos listaxes de entre cincuenta e sesenta atencións por día: consultas presenciais (programadas, forzadas, urxentes), traslados en ambulancia, consultas telefónicas, receitas, burocracia variada (informes, petición de probas, transporte non urxente... que moitas veces nin nos corresponden), revisións da historia de doentes que derivamos ao hospital, e atención en domicilios (programada, urxente, de final de vida). Agora, como novidade, tamén somos rastreators ao mesmo prezo. 

Precisamos tempo para poder escoitar á xente, abranguendo todas as esferas de cada paciente que cómpre abranguer: o síntoma físico, o psíquico, a soidade, a parte social… para iso somos médicas de persoas e non de partes illadas das persoas. Precisamos tempo para planificar domicilios, tempo para sesións conxuntas coa enfermería, tempo para facer o noso traballo e para facelo ben, porque dese traballo depende o benestar de moita xente e tamén o noso propio, que ás veces é esquecido.

Ademais da sobrecarga, levamos na mochila, con frecuencia, a sensación de que o noso labor é pouco coñecido, e de que, seguramente como consecuencia do pouco que se sabe sobre o que se vive a diario nun centro de saúde, tamén é pouco recoñecido.

Cargamos cos ouvidos sordos das Xerencias e do SERGAS ante as nosas denuncias da situación e ante as peticións de mellora das condicións de traballo. Sentimos que somos de segunda,que se lle concede máis importancia a abordaxes súperespecializadas no ámbito hospitalario, xunto con probas complementarias novidosas, do que se lle outorga, por exemplo, a unha boa educación sanitaria e unha Medicina Preventiva que evite que os pacientes teñan que cruzar a porta dun hospital.

Levamos tempo reclamando instalacións e material axeitado: as paredes das consultas non acadan un correcto illamento sonoro e non podemos respectar a intimidade da persoa antendida, o acceso ao centro é deficitario, a sala COVID é unha improvisación grazas á veciñanza e ao concello....

Hai tempo que os recursos son deficitarios. Falarei do meu caso concreto, o consultorio de Baio. Levamos tempo reclamando instalacións e material axeitado. Temos un centro con habitáculos pequenos, que non posibilitan unha correcta separación en espazo e tempo das persoas, acorde á atención dun cupo de mil catrocentos vinte pacientes; o tamaño das portas das consultas non permite un cómodo intercambio do paciente desde a padiola da consulta á da ambulancia; as paredes das consultas non acadan un correcto illamento sonoro e, como consecuencia, non podemos respectar a intimidade e a confidencialidade na información clínica da persoa atendida; o acceso ao centro é deficitario, sobre todo para persoas con dificultades de mobilidade; carecemos dunha sala para atención de demandas urxentes, tendo colapsada en ocasións a consulta de enfermería esperando evolución; a sala COVID-19 da que dispoñemos é unha improvisación grazas a colaboración da veciñanza e do concello; carecemos dun monitor electrocardiográfico, imprescindible na atención de cadros como un infarto agudo de miocardio.

Son consciente, como profesional, da miña necesidade continua de mellora, pero non teño por que asumir unhas condicións de traballo que non son dignas nin deixar de dar a atención axeitada por falta de recursos humanos e materiais. Non podo atender do mesmo xeito a trinta que a sesenta, nin na dimensión humana, nin na técnica. Se a miña capacidade técnica de atención é superada, cometerei erros que antes ou despois terán consecuencias para as persoas que atendo, sexa consciente da relación causal ou non.

Tampouco quero ver ás profesionais que exercen con dedicación esta nosa especialidade cheas de fastío, cansazo e falta de motivación. Sen esas profesionais toda esta atención “de cabeceira” morrerá. E cando morra, botarémola en falta, non teño dúbidas. 

As profesionais que reivindicamos hoxe unha Atención Primaria de calidade, facémolo porque queremos dignidade para o noso traballo e o que significa. O tamaño da nosa protesta é tamén o tamaño do amor co que exercemos. Cada día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.