CIG-Saúde denuncia o "desmantelamento" do arquivo de historias clínicas no Hospital da Costa

Transporte das historias clínicas © CIG-Saúde

CIG-Saúde denuncia que o arquivo de historias clínicas do Hospital da Costa, en Burela, foi trasladado coa escusa de levar a cabo unhas obras. Alerta de que isto se une a unha longa lista de servizos perdidos no centro sanitario da Mariña: “Á perda de servizos que se viñan asumindo no noso hospital, como o departamento de contabilidade, as operacións de fimose, a implantación de marcapasos, as operacións de xeonllos e demais derivacións cirúrxicas, agora asistimos ao desmantelamento do arquivo de historias clínicas".

Alerta de que isto se une a unha longa lista de servizos perdidos no centro sanitario da Mariña

"É cando menos contraditorio, que atopándonos en plena ampliación de espazos, desapareza un servizo que non vai volver e que naceu con este Hospital polo feito de que agora, non temos espazo para a súa reubicación, ou iso alegan dende a Dirección”, destaca o sindicato, que lembra que "xa no ano 2014 comprometeranse a ter todo dixitalizado antes de 2018 -algo que non aconteceu- e o que fixeron foi destruír parte das historias como xa  denunciaron en maio de 2014 no Valedor do Pobo, queimando radiografías que estaban sen informatizar".

Para CIG-Saúde o traslado do arquivo forma parte dun proceso planificado de privatización do arquivo de historias clínicas "poñendo as obras como desculpa". “Que o espazo onde se atopa o arquivo ía ser utilizado para outros fins por mor das obras, era algo planificado dende que estas se iniciaron”, di a CIG, que critica que “non se buscaron alternativas de espazo para a súa reubicación, xa que a intención perseguida sempre foi utilizar as obras como desculpa para acadar un fin desexado, a privatización do servizo do arquivo das historias clínicas”.

"A historia clínica dos pacientes non pode ser obxecto de negocio e externalizarse e nunca debe saír do ámbito público que é o que garante a confidencialidade"

O sindicato tamén amosa a súa preocupación pola "confidencialidade dos datos que se atopan recollidos nas historias clínicas". "Estes datos dan unha especial sensibilidade, recollen información que non pode ser utilizada máis que nos casos e nos supostos para o que os usuarios deron consentimento", destaca. "A historia clínica dos pacientes non pode ser obxecto de negocio e externalizarse e nunca, en ningún caso, debe saír do ámbito público que é o que, de verdade, garante a confidencialidade e protexe os datos persoais relacionados coa saúde e o estado sanitario da cidadanía", conclúe CIG-Saúde.

 

Transporte das historias clínicas © CIG-Saúde

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.