No proceso de reforma da lei do aborto iniciado polo Goberno de España, un dos aspectos manexados polo Ministerio de Igualdade é a abordaxe do concepto de violencia obstétrica e a súa prevención nas prácticas clínicas. A cuestión suscitou un rexeitamento frontal por parte do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos que, na liña do manifestado dende o sector noutras ocasións, negou a súa existencia. "Este concepto non se axusta á realidade" e supón "criminalizar as actuacións profesionais", manteñen.
O Consello Xeral de Colexios Médicos, ante o manexo do termo "violencia obstétrica" por parte do Ministerio de Igualde, afirmou que "non se axusta á realidade" e "criminaliza" o persoal médico
A posición da entidade colexial suscitou o aplauso en parte do persoal médico, pero tamén rexeitamentos tanto no seo da profesión como noutros grupos profesionais do eido sanitario intimamente ligados á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres e á asistencia ao embarazo e ao parto. É o caso das matronas que, a través da asociación que as agrupa en Galicia (AGAM) afirmaron esta semana verse na obriga de retrucar formalmente ás afirmacións dos colexios médicos. "A violencia obstétrica existe", advirten.
Sinala AGAM que "a violencia obstétrica" non só "está recoñecida por organismos e entidades como a ONU ou a OMS", senón tamén por "sociedades científicas como a Federación de Matronas", os "colexios de enfermaría" ou tamén colectivos de mulleres usuarias da sanidade pública. "Negala é non recoñecela e quen a nega, faise cómplice de quen a exerce", coidan.
A Asociación Galega de Matronas cita "o incumprimento de recomendacións das taxas recomendadas de cesáreas ou de indución ao parto" como exemplos de violencia obstétrica
Neste sentido, as matronas galegas coidan que a reflexión non debera centrarse en rexeitar o termo, senón en que "os profesionais sanitarios que traballamos na saúde sexual e reprodutiva das mulleres garantamos que se cumpra a lei de saúde sexual e reprodutiva" e mais a lei de autonomía do paciente". Tamén a "implantación da a Estratexia de Atención ao Parto Normal que, din, leva publicada unha década.
Así, advirten que "a violencia obstétrica se pon de manifesto no sistema sanitario tanto público como privado" mediante "actuacións hiperintervencionistas e afastadas da evidencia científica actual", consideran. "Recoñecela e sabela identificar -abondan- implica un cambio de perspectiva, poñer a muller e o bebé no centro do proceso". Só así, manteñen, se evitarán práticas como "o incumprimento das recomendacións das taxas recomendadas de cesáreas ou inducións do traballo de parto", a "infantilización da muller", ou "negativa ao acompañamento", entre outras. As propias matronas, subliñan, son "testemuñas de prácticas abusivas" fomentadas, coidan, por unha "xerarquía vertical".
"A realidade que viven miles de mulleres non se pode negar cun comunicado", coida AGAM
Neste contexto, as matronas conclúen que o camiño é que as autoridades sanitarias cumpran as recomendacións das Nacións Unidas para evitar a violencia obstétrica, especialmente as dirixidas especificamente ao Estado español, promovan formación continua nesta liña e "acaben coa falta de matronas e de infraestruturas adecuadas". O Consello de Colexios Médicos debera, consideran, animar o persoal a "traballar en equipo" con outras profesionais que atenden ás mulleres e "respectar" ás que denuncian este tipo de prácticas. "A realidade que viven miles de mulleres non se pode negar cun comunicado; é moito máis complexo e require de todo o persoal que realizamos asistencia na área de xinecoloxía e obstetricia". O comezo, resaltan, é "tomar en serio" o problema.