O fito ten a súa orixe na mobilizacións das nais que, nos últimos tempos, comezaron a rebelarse contra as prácticas obstetricias establecidas e a organizarse para cambiaren as cousas
Aylen converteuse nesta semana na primeira bebé da vitoria da revolución das nais en Santiago. O fito tivo lugar no paridoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago, o mércores pola mañá. No parto, que foi a través dunha cesárea programada, a nai puido estar acompañada en todo momento por quen ela decidiu, que foi o pai da nena. Ademais, tras o parto, non se separou a bebé da nai, como se adoitaba facer neste tipo de nacementos.
Este feito, que xa é histórico, ten a súa orixe nas mobilizacións das nais que nos últimos tempos, e tras moitas experiencias negativas, comezaron a rebelarse contra as prácticas obstetricias establecidas e organizarse para cambiaren as cousas.
Moitas desas nais xuntáronse na plataforma Loita, que xa obtivera a súa gran primeira vitoria na área sanitaria de Pontevedra este verán. Alí cambiaron os protocolos para permitir o acompañamento da nai tamén en cesáreas e facilitar o contacto pel con pel. Así, Ruth Abonjo, veciña de Sanxenxo, xa puido parir os seus xemelgos acompañada nunha cesárea e facer o pel con pel en xullo no Hospital Provincial de Pontevedra.
O pasado 6 de setembro a plataforma Loita mantivo unha reunión cos responsables da área sanitaria de Santiago para pedir partos máis humanizados e que non se vulnerasen os dereitos de nais e bebés. E saíron moi satisfeitas, xa que obtiveron o compromiso dun cambio no protocolo.
Deste xeito ponse fin a un protocolo que non respondía á legalidade do propio Plan de Parto do Goberno galego de 2017, no que se indica que a muller ten que poder decidir e manter o control sobre o proceso do parto.
Nese plan de hai máis dun lustro tamén se aclaraba que no caso dun parto por cesárea ou instrumental “promoverase, ao igual que no parto eutócico, o acompañamento continuado, a intimidade, e o contacto inmediato pel con pel tras o nacemento”. Pero a realidade era que ata o de agora moi poucos hospitais respectaban estas indicacións.
Logo da reunión do 6 de setembro a Xunta informou dun cambio no protocolo de acompañamento ao nacemento mediante cesárea no hospital Clínico mediante o que se posibilita o acompañamento á nai de quen ela decida durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado.
A presenza do acompañante non interfire no traballo, pois está á cabeceira da cama ao carón da nai
Tanto Alba como Fabio, nai e pai da bebé, de Santa Comba, mostráronse “felices e emocionados de poder estar os dous coa súa filla dende o primeiro momento e durante a recuperación despois do parto” e agradeceron “o labor de todo o equipo que asistiu ao nacemento”, facultativos do servizo de obstetricia, matronas, anestesista e neonatólogo.
Patricia Peñas e Mariña Sánchez Andrade, obstetras que realizaron a cesárea,explicaron que foi un día gratificante e satisfactorio “pois é o broche a un traballo de moita xente, dun equipo multidisciplinar”. Destacan que esta medida trae consigo “beneficios para o apego, a lactación e permite á paciente estar máis tranquila e máis contenta” e aseguraron que a presenza do acompañante “non interferiu pois o pai estivo na cabeceira da cama, ao carón da nai da súa filla”.