Durante o ano 2020 rexistráronse en Galicia 305 mortes por suicidio, segundo as estatísticas oficiais elaboradas a partir dos certificados de defunción. É a principal causa de morte por circunstancias externas entre a poboación galega menor de 70 anos -por riba desa franxa, sono as caídas accidentais- e supera, con moito, o impacto dos accidentes de tráfico (113 falecementos no mesmo ano).
Atendendo aos datos divulgados recentemente polo INE, Galicia rexistrou o pasado ano 11,3 suicidios por cada cen mil habitantes. A media estatal situouse no mesmo ano nuns 8,32. Esta maior incidencia das mortes autoinflixidas en territorio galego vén propiciando que nos últimos anos profesionais de atención á saúde mental reclamen maiores recursos destinados á prevención destas condutas.
A necesidade de prevención, sinalan, é especialmente urxente entre os grupos de idade máis mozos. Non en van, o retrato robot da persoa que se suicida en Galicia fala de alguén menor de 60 anos, cun impacto que se agudiza canto máis moza é a persoa: practicamente unha de cada cinco mortes entre a poboación menor de 40 anos, segundo indican os datos máis recentes.
A desagregación dos datos por sexo amosa tamén ás claras outro trazo característico. As condutas suicidas concéntranse nos grupos de idade máis mozos e prodúcense moito máis entre homes que entre mulleres. Dende que hai datos comparables dispoñibles (a serie comeza en 1980), a proporción mantense practicamente inalterable na contorna do 70% de homes entre o total de mortes por esta causa en Galicia.
En vésperas do último Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que se conmemora cada ano polo 10 de setembro, o Movemento Galego da Saúde Mental puña o foco na necesidade de reforzar a atención ás patoloxías mentais no eido da Atención Primaria como primeiro paso para abordar a prevención de xeito "real". A "asfixia e desmantelamento vertixinoso" deste primeiro elo da sanidade pública, advertían, xa está a traducirse en "efectos negativos na detección precoz e intervención en primeira liña ás persoas en risco".
"Previr os suicidios é posible e para iso é importante falar desa realidade, desterrar os falsos mitos e eliminar os tabús para que as persoas en risco poidan buscar axuda"
Nun sentido semellante, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) reclamaba "unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos", comezando polo seu recoñecemento como un verdadeiro problema de saúde pública. "Previr os suicidios é posible" e "para iso é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda", resaltaba FEAFES.
Neste sentido, a entidade considera "clave" o papel dos medios de comunicación "para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención". "o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia", manteñen.