"Vai ao médico"

© MGSM

Medrei nunha familia marcada por problemas de saúde mental. A expresión de "está para ingresar en Conxo" para min tiña outro significado, porque era un segredo familiar que a miña avoa estivera alí internada un tempo

Medrei nunha familia marcada por problemas de saúde mental. A expresión de "está para ingresar en Conxo" para min tiña outro significado, porque era un segredo familiar que a miña avoa estivera alí internada un tempo. Sabía que podía falar dun ictus sen problema, por exemplo. Pero sabía que das tentativas de suicidio non se fala: seino desde moi pequena. Porque a xente entende un ictus, pero non entende os problemas de saúde mental: teño escoitado comentarios que me ocasionaron unha dor inmensas, cargados de desprezo, incapacitantes, referidas a algunhas das persoas que máis aprecio, invalidándoas por ter algún problema psiquiátrico. 

Hoxe, volvín sentir esa carraxe cando un deputado do Partido Popular, Carmelo Romero, vociferou no Congreso un "vete al médico" tras a intervención do deputado Íñigo Errejón advertindo da falta de recursos da saúde mental no conxunto do Estado, alertando dunha media de 10 suicidios diarios e incidindo é que é unha inxustiza que só teña acceso a atención psicolóxica quen poida pagala porque na sanidade pública está infradotada. 

Ese "vai ao médico" está cargado do estigma e o prexuízo que rodea a todo o que ten que ver coa saúde mental, aínda que ben sei que hai quen sentiría alivio se estivese menos visible, escondido e sen dar a lata

Ese "vai ao médico" está cargado do estigma e o prexuízo que rodea a todo o que ten que ver coa saúde mental, aínda que ben sei que hai quen sentiría alivio se estivese menos visible, escondido e sen dar a lata. En Galicia suicídase practicamente unha persoa ao día, de media. E de media, por cada unha delas, hai unhas 20 tentativas que supoñen un arrase, unha devastación, para a persoa e tamén para o seu círculo máis próximo. Sei do que falo. 

Entre 2011 e 2014 a incidencia da enfermidade mental medrou case un 11% en Galicia. Lideramos o consumo de ansiolíticos a nivel estatal, os segundos en antidepresivos, practicamente duplicando a media das autonomías. Esta mesma semana, Praza publicaba unha recomendable reportaxe que demostraba o complicado que era acceder a atención especializada neste ámbito

Entre 2011 e 2014 a incidencia da enfermidade mental medrou case un 11% en Galicia. Lideramos o consumo de ansiolíticos a nivel estatal

Podería seguir tirando de números, pero esas cifras para min teñen rostros. Rostros das persoas que máis quero, sobre todo das mulleres que máis me importan. Nalgún momento, o meu propio tamén. Así que me sinto profundamente insultada por ese "vai ao médico", tan atravesado pola clase e polo xénero. Ocórrenseme moitos sitios onde mandar a ese deputado, pero o máis nobre que podo recomendarlle é á casa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.