O xornalista, politólogo e doutor en Historia Contemporánea Anxo Lugilde (Lugo, 1970) é un dos cronistas políticos galegos de referencia dende hai máis de dúas décadas. No outono de 2020 decidiu "saír do armario" da depresión para contar que levaba "máis de dous terzos" da súa vida sufrindo os efectos da "vella compañeira", alcume que Xosé Manuel Beiras puxo á enfermidade cando a padeceu. Lugilde agradece que o veterano político lle prestase a expresión para titular A vella compañeira ao libro que este 22 de setembro chegou ás librarías en galego (Luzes), castelán (Península) e catalán (Columna Edicions).
A vella compañeira sae do prelo tras recaídas depresivas que, ilustra Lugilde, comparativamente converteron as súas depresións da adolescencia en episodios "case de xoguete". O "becho invisible" exerce un "poder absoluto" que deriva en "cadros de auténtico terror" aos que se engade a "estigmatización social", o "círculo vicioso" no que a culpa, explica, semella acabar sendo do propio doente ata conducilo ao "desastre".
Anxo Lugilde tira do prelo en galego, castelán e catalán 'A vella compañeira', un libro asentado na loita contra o estigma no que o relato de episodios de enorme sufrimento provocados pola depresión se entrelaza co ritmo dunha novela de viaxes e os detalles máis íntimos e duros da batalla, con doses esenciais de retranca
A loita contra o estigma é, precisamente, un dos piares dun libro inzado de referencias políticas e históricas, unha obra que é tamén unha viaxe entre Galicia e Catalunya, as dúas patrias de Lugilde. No texto, o relato descarnado de episodios de enorme sufrimento entrelázase co ritmo dunha novela de viaxes e os detalles máis íntimos e duros da batalla contra a vella compañeira combínanse con doses esenciais de retranca: "Cando estaba no psiquiátrico dicíalles que se me fora a man co traballo de campo" para escribir un libro, lembra.
Lugilde sinala tres influencias fundamentais para A vella compañeira: Se isto é un home, de Primo Levi -"non porque eu aspire a compararme con el", matiza decontado-, o enfoque bélico e retranqueiro de El mejor peor momento de mi vida, do "inesquecible compañeiro" Nacho Mirás, e a técnica da escrita de Stefan Zweig n'O mundo de onte. Todo, para construír un libro que chega no que semella recta final da pandemia da COVID-19, "unha proba tremenda para a saúde mental" cuxos efectos, advirte, aínda "aparecen agora", pero moitas persoas, coma el mesmo, xa os sufrisen. As máis das veces, en silencio.
Durante a pandemia acostumámonos a preguntarnos máis habitualmente como está a xente. Dis no libro que, se cadra, “no planeta infectado” hai máis sensibilidade, cando menos nalgures. Así que a primeira pregunta é xustamente esa, que tal estás?
Para contestar politoloxicamente, en transición. Dende a idea de que esta é unha enfermidade totalitaria, tratando de pasar a un estado democrático no que non exista ou estea acantoada. Hai os que din que o máximo que podo conseguir é unha transición á española, de tela metida como un verme ata que volva saír, pero eu loito por deixala atrás. A transición é un proceso complicado, con días de disturbios, mortes e destrucións e outros de conquistas de parcelas de liberdade e avances. Estes días, coa saída do libro, estou máis en avances que en retrocesos.
Dis que a depresión é unha enfermidade totalitaria e dilo nun libro no que abondan as metáforas bélicas e políticas. Por que escolliches ese recurso?
É unha mestura de xornalismo, politoloxía e historia porque o autor son eu [ri]. Se o fixese outro, se cadra as metáforas serían do ¡Hola!... É totalitaria porque cando chega esa fase na que a somatización te ataca ao cerebro, o dominio sobre ti é total. É como na Guerra das Galaxias, cando chega ao punto de que a Estrela da Morte é vulnerable. Ataca o centro de control do corpo. Na diferenza clásica entre autoritario e totalitario, o autoritario sería un estadio inferior de réxime ditatorial, terriblemente lamentable, pero cun mínimo espazo para a diferenza, polo menos dentro do grupo dominante. No totalitario, como nalgunhas fases do franquismo, na Alemaña nazi ou en Camboxa, por exemplo, non hai nada máis. E iso é o que fai a depresión cando se desprega totalmente, anúlate. Son réximes exterminadores e a depresión en si mesma, nos estadios avanzados, ten vocación asasina, téntate conducir a unha morte provocada por ti mesmo.
Presentas o libro como un “exorcismo xornalístico” pero tamén cunha intención, a de bater nun “muro de censura” a respecto da saúde mental en xeral e da depresión en particular. Por que?
"En certo sentido, este libro é unha vergoña individual e colectiva. É tempo de bater na porta e dicir que xa abonda de estigmatización"
Si. Hai xente que di que falo demasiado pouco da saúde mental en xeral e teñen razón. Pero obedece a que non sei moito. Falo da depresión como usuario e nunca quixen ter moitos coñecementos teóricos sobre a cuestión. É algo que condicionou tanto a miña vida... Como para dedicarlle máis tempo. Estas son enfermidades de partes do corpo humano, que teñen unhas características especiais porque afectan ao cerebro, pero non deixan de ser como a cabeza o xeonllo ou o corazón. E esa é unha das razóns polas que este libro é unha vergoña individual e colectiva. Individual, no sentido de que un tipo pasa máis de trinta anos con esta enfermidade, comete erros que están contados no libro pero que en xeral é un paciente disciplinado e que aínda así se lle agrava o mal porque entre outras cousas, se sabe moi pouco del. E no plano colectivo é unha vergoña que sexa noticia ou teña interese que alguén saia do armario e explique como é unha depresión dende dentro. Porque hai xente que descoñece, por exemplo, que a depresión non é que esteas triste ou que ten efectos físicos... E de aí á estigmatización, que é un círculo vicioso moi negativo: o doente, pechado na escuridade do armario no que cre que se meteu el cando en realidade o meteron, vaise sentindo cada vez máis culpable e autodestrúese mentalmente. É tempo de bater na porta e dicir que xa abonda.
É moi gráfica a expresión da “mente que se volve contra ti”, que empregas no libro, ata pensar recorrentemente na morte. Será esa a última fronteira para falarmos de depresión con naturalidade? Ata hai ben pouco, era algo do que directamente non se falaba, cando menos na esfera pública...
"Débese falar do suicidio dun punto de vista preventivo. Claro que se pode previr, prevense freando á vella compañeira"
Recordo un tempo dun conselleiro de Fraga que, para xustificar a censura da informacións sobre os incendios, dicía que eran como os suicidios: canto menos se falase deles, menos habería. Eu creo que si hai un paralelismo cos incendios, pero ao revés: a cuestión non é que se fale, é como se fala. E o problema é que antes se falaba moi mal. Eu conto no libro que, nos anos 90, lin publicado un texto sobre os mellores sitios para suicidarse en Lugo que chegaba a dicir que o grao de efectividade nunha ponte era altísimo. Iso é unha barbaridade, un exemplo da información sobre o suicidio que non se debe publicar. Pero si creo que se debe falar do suicidio dun punto de vista preventivo. En Galicia hai instancias que consideran que non se poden previr. Como adoitamos ter a maior taxa do Estado, é a forma de dicir: "a min, que me rexistren". Pero claro que se poden previr e prevense freando á vella compañeira.
Na lectura do libro un queda coa sensación de estar a medio camiño entre un libro de aventuras e un diario moi íntimo. É, se cadra, ir un paso máis alá da saída do armario depresivo do outono de 2020? Achegas moito contexto da depresión, antecedentes... E con isto, detalles moi persoais.
"No fondo, é unha parvada ocultalo: os que te queren amolar son os que máis o saben e o utilizan; ocultándoo faslles o xogo e ao tempo, impides que quen te pode axudar poida facelo"
O do libro de aventuras gústame moito que mo digas [ri], porque non estaba entre as miñas influencias, cando menos non conscientemente. Cando fixen a saída do armario e estaba preparando o libro, houbo xente que coñecía ou non, relacionada coa vella compañeira... Camaradas, digamos, que me demandaban que explicase os antecedentes. Non é que atendese ás peticións do público, pero considerei que eran lóxicas. Eu non podo dar consellos, pero si digo como foi a miña experiencia. E hai unha cousa que no libro non acabei de contar ben pero pesa moito: os que te queren amolar son os que máis saben o que che pasa e os que máis o utilizan. No fondo, é unha parvada ocultalo, porque lles estás facendo o xogo e ao tempo, impedindo que quen non o sabe e te pode axudar, poida facelo. Para min, houbo un día decisivo, en xuño de 2018 no hotel Palacio do Carme [Santiago], no que o presidente da Xunta chorou porque no podía ir a Madrid. Cando estaba colocando as miñas cousas -eu debín ser o primeiro en chegar-, escoitei algo como “ahí está Lugilde, a ver si se toma la pastilla”. A min sentoume como unha auténtica patada; tamén tiven unha agresión verbal dunha persoa que despois se desculpou, pero esta parte que só escoitei eu, pareceume terrible. Iso son cousas que te van empurrando a saír do armario e isto é completar o proceso.
Cres que pode servir tamén, ata certo punto, como manual de instrucións ante a enfermidade? Falas de síntomas, de sentimentos, de recaídas, de esperanza e desesperanza... Pero tamén de cuestións máis pragmáticas... Dende o encaixe cos profesionais médicos ata a burocracia, por exemplo.
Non teño nin idea, pero oxalá lle sirva á xente. Creo moito na teoría do lector modelo de Umberto Eco, iso de que cadaquén entende un libro ou unha película dunha maneira e que se a volve ver, pode parecerlle algo totalmente diferente en función das súas circunstancias. Hai moitos libros de testemuñas de doentes, pero a particularidade que pode ter o meu é a amplitude das experiencias, dende as depresións xuvenís e ás somatizacións musculares ás recaídas, as recuperacións, as somatizacións fortes de lagoas cerebrais, intentos de suicidio, experiencias na psiquiatría psicodélica -que é algo moi recente e pouco habitual-, ingresos psiquiátricos... Afortunadamente, non pasei polo electroshock.
Escribes de tratamentos médicos, pero tamén persoas. Ti falas de “activistas” que xogaron da túa parte na batalla contra a vella compañeira. Que peso ten esa contorna máis cercana?
Creo que iso de activistas está tomado de Nacho [Mirás], que tivo unha influencia moi importante no libro, aínda que o del foi moito máis duro, un cancro cerebral no que os procesos polos que tiña que pasar eran moi duros... Eses activistas tiveron un peso fundamental, son os que te manteñen vivo. Sobre todo, os máis próximos, que fan que cando a vella compañeira che di que deas o saltiño, non o deas.
Aínda que no propio libro evidencias o teu afastamento da actualidade política por prescrición facultativa, a política atravésao. Como obxecto de estudo, como traballo, e tamén como pano de fondo da enfermidade...
"Ningún político ten a culpa de que eu teña depresión, aínda que estar na lista negra de xornalistas da Xunta é moi duro"
Si, e ademais o proceso está relacionado con ela. Non hai ningún político que teña a culpa de que eu teña depresión, aínda que estar na lista negra de xornalistas da Xunta e saber que tes o Goberno do teu país en contra cando ti ademais cres firmemente no autogoberno é moi duro. Despois están os dous mundos das empresas ante a depresión: o mundo de La Vanguardia, que é prodixioso como me axuda e me axudou; nas sucesivas recaídas eu pensaba que non poderían aguantar máis e eles, todo o contrario, cada vez me axudaban e axudan máis. E despois está o modelo TVG, onde quedei en branco por primeira vez na miña vida durante un programa, o 5 de decembro de 2016, non houbo ningún cargo que me ofrecese axuda e a única que me chamou a posteriori foi unha amiga miña que traballaba de perruqueira. Utilizaron o estigma social para liquidarme, porque sendo a depresión, sabían que eu non ía dicir que a tiña. Tamén é público e notorio que todos os líderes dos partidos se solidarizaron comigo cando saín do armario agás o presidente da Xunta; recibín moitos apoios do PP en privado, que agradezo, pero que sexan en privado xa é unha excusatio non petita. Pero non é un libro de política, non vai dirixido a un colectivo concreto nin me gustaría que se utilizase politicamente. Tentei darlle o menor peso posible, pero ten un peso, no sentido do difícil que se me foron poñendo as cousas.
Non facemos spoilers se adiantamos que, contra o final, deixas tamén unha reflexión sobre a necesidade de coidarse, a un mesmo e aos demais. Que importancia ten?
Si, moita. Sobre todo, que o faga eu [ri]. Vouno ter que repasar a ver se me queda claro. Na pandemia vese a importancia da saúde en todos os aspectos. Eu son algo escéptico, tamén algo condicionado polo meu psiquiatra, que é un doutor de referencia no Estado na depresión maior e cando o leu, díxome: "vas vender moitísimo, o que me preocupa é que vai ser durante moitos anos", no sentido da vergoña. Non sigo a actualidade, pero si me comentaron que algunha atleta ou algunha alcaldesa tamén saíron do armario da depresión. Son pouquísimas; e todas mulleres, por certo. É moi rechamante que sexa unha noticia e por iso non creo que se estea producindo un cambio, pero si abrindo un camiño.
Todo isto podémolo ler nun libro que sae en tres linguas e en seis formatos: tres libros de papel en tres linguas [galego, castelán e catalán], dous e-books [castelán e catalán] e un audiolibro [castelán]...
As ausencias [do galego] non son achacables nin ao autor nin á editorial da versión galega, Luzes, un selo indepenente que fixo un gran esforzo. O problema co e-book é que non hai un desenvolvemento en galego, paréceme escandaloso. Por exemplo, o Sempre en Galiza non está dispoñible en e-book! E co audio-libro, o mesmo, nótase o desleixo do tecido institucional da cultura galega e a redución de orzamentos nun eido fundamental. Esa é a situación hoxe, pero nada impide que saia o e-book nun futuro.