O cuñado e o resto da casta: 'De Beiras a Podemos' viaxa por Galicia

Capa do libro CC-BY-SA Praza&Meubook

Galicia vive un durísimo temporal, deses que agora se chaman cicloxéneses explosivas. Ao cuarto día, don Domingo García Sabell, fundador da Editorial Galaxia, senador por designación real en 1977 e delegado do Goberno central en Galicia ata os 86 anos resucita e vai dar á sede do Parlamento de Galicia. Alí topa cun bedel ao que interroga sobre os principais dirixentes políticos do país neste 2014. É o exercicio de "realismo máxico", adaptación "dun chiste que circulou nos tempos dos gobernos de José María Aznar sobre unha resurrección de Franco", co que comeza o terceiro capítulo de De Beiras a Podemos. A política galega nos tempos da troika (2012-2014), o libro do xornalista Anxo Lugilde editado por Praza Pública en colaboración con Meubook que, tras o seu lanzamento en Compostela o pasado outubro e as presentacións xa celebradas en localidades como A Coruña, Ferrol, Lugo ou Pontevedra, seguirá a percorrer o país seguindo o seguinte calendario:

  • Ourense: Venres, 6 de marzo ás 20:00 na Libraría Aldova, no centro comercial Ponte Vella.
  • O Carballiño, en data aínda por confirmar.

Como agasallo previo a estas presentacións o público de Praza Pública pode dispoñer dun adianto do terceiro capítulo da obra, na que Lugilde ilustra con esa resurrección política un dos conceptos máis manexados polo partido que encabeza Pablo Iglesias: a "casta". N'O cuñado e o resto da casta o autor transita polas sagas familiares e políticas que marcaron, dun xeito ou doutro, a vida política do país das últimas décadas ofrecendo, ademais, un exemplo concreto de cada un dos grupos que actualmente forman o Parlamento de Galicia. Velaquí vai un petisco do libro, que tamén é posible adquirir a través de Meubook.

O cuñado e o resto da casta

Á oitava cicloxénese explosiva en catro días don Domingo resucitou. Foi cando o Atlántico decidiu poñer Galicia a tremer de verdade, para estar á altura das informacións do tempo dos xornais, empeñados en chamar «cicloxéneses explosivas» os temporais de toda a vida. Nesa cuarta xornada de alerta supervermella reforzada, na muralla de Lugo apareceron varias fervenzas e o Miño tragou de vez o restaurante da beira e mais o balneario. Os construtores choraban pensando no que encherían os seus petos se a Administración tivese cartos para volvelos tirar na reconstrución das moreas de paseos marítimos desaparecidos durante os trebóns. Era unha oportunidade estragada para volver aos tempos do «Pepe Cuiña, paviméntame», que cantaba Pinto de Herbón. Os lóstregos caían como mísiles. Un foi dar ao camposanto de Boisaca, apuntando moi ben na tumba de don Domingo. Seica foi pola maldición do político galego perpetuo, ese que se aparafusa á cadeira de por vida. Coma Franco, que na década de 1940 lle dixo a un emisario de don Juan de Borbón aquilo de «de aquí ao cemiterio». Ou coma Pablo Iglesias Posse, a quen chamaban no PSOE o avó cando xa non saía da casa e a executiva socialista algunha vez ía reunirse ao seu piso.

O alporizado océano non tiña Franco ao seu alcance, pois o Val dos Caídos está moi dentro da meseta e o cadaleito do militar de Ferrol atópase ben blindado. Así que desbotou a idea de resucitar o noxento ditador, o político galego que estivo máis anos nun posto de máxima responsabilidade. Unha segunda opción era a de Fraga, de quen é o récord de máis anos subido a un coche oficial en diferentes destinos. Mais o de Vilalba levaba moi pouco tempo no camposanto e non era cousa de ilo molestar. Así foi escollido para a resurrección o doutor don Domingo García Sabell, por ser o que estivera nun cargo executivo de primeira liña ata a idade máis elevada. Saíu aos 86 anos da Delegación do Goberno en Galicia, onde foi o xefe durante tres lustros, coa UCD e mais co PSOE.

Os fortes ventos sacaron de Boisaca don Domingo, fundador da editorial Galaxia e senador por designación real en 1977. Atravesando Salgueiriños, sobrevoando o complexo administrativo de San Caetano e pasando por Basquiños, San Pedro e Belvís, os refachos semellaban levar don Domingo cara ao seu chalé da Rosaleda. Mais un pouco antes de chegar alí, penetrando os grosos muros do antigo cuartel do Hórreo, foi dar a un dos corredores do Parlamento de Galicia. A aparición espertou de vez un bedel de cellas moi poboadas que durmía sobre a súa mesa, logo dun copioso cocido acompañado con varias botellas de mencía, pois xa que chegara a fin do mundo, había que despedilo ben. O funcionario ficou tan estarrecido ao acordar que pensou que estivera bebendo tamén mentres durmía. Só cun ollo medio aberto, foi intentando atender as moi educadas e concretas demandas do resucitado, quen precisaba dispor de inmediato dun «who is who» da Galicia de 2014. Sen reporse do susto, o conserxe non lembraba nada nos primeiros intentos. Remexía nos moitos papeis das súas gabetas para intentar poder contarlle algo ao lázaro que tiña en fronte. No Parlamento non había ninguén. Santiago todo estaba baleiro. A xente refuxiárase en sitios altos. A luz cortárase ao segundo día da tempestade. Galicia intentaba sobrevivir sen Internet. Despois dun bo anaco, por fin o bedel puido darlle algún dato a don Domingo, que coas súas preguntas conseguía provocar luminarias de breve lucidez nos miolos do seu interlocutor, aínda que ao pouco se lle volvía pechar o único ollo que tiña medio aberto.

Bedel: No PP seica hai un Fraga de portavoz.

Don Domingo: Manolo vive aínda?

B: Non, morreu en 2012. Trátase do sobriño, Pedro Puy Fraga. Atopei tamén algo dun Rueda de Pontevedra, na vicepresidencia da Xunta.

D.D: O senador José Antonio Rueda? Non é que o coñeza moito, mais si sei quen é.

B: Engánase, don Domingo, debe ser un fillo, pois naceu en 1968. Alfonso, chámase. De presidenta do Parlamento está Pilar Rojo e na Xunta goberna Núñez Feijóo, aos que vostede non debe coñecer. Aquí hai unha foto dun xornal de ambos os dous nunha procesión en Pontevedra por se lle quere botar unha ollada.

D.D: Vexo que no pé se fala dun Mon. Terá algo que ver con Gonzalo Fernández de la Mora y Mon, o ministro de Obras Públicas de Franco, o do plan de accesos a Galicia?

B: Se cadra si é un parente de don Gonzalo, coido eu. Ummmm. Un momento que creo que... É o eurodeputado Paco Millán Mon, que tamén é cuñado de Mariano Rajoy, que agora é presidente do Goberno. Mire, aquí ten unhas notas miñas sobre a composición das mesas do Parlamento das dúas últimas lexislaturas. A ver se atopa algo máis que sexa do seu interese, mentres eu trato de organizar estes papeis. Sorte que eu gardo cousas, pois os meus compañeiros máis novos xa o miran todo nas tabletas esas.

D.D: Moitas grazas. Mariano, o fillo do xuíz Rajoy, preside o Goberno? Que o demo me leve outra vez! En fin. E este Jacinto do PSOE de Lugo que figura aquí como vicepresidente segundo do Parlamento? Ten algo que ver co histórico Jacinto Calvo, o da pastelaría? E que pasou con Baltar? Pois segundo vexo nestes papeliños volveu á Deputación. Veu para Santiago como Victorino Núñez e logo marchou outra vez para Ourense? Non entendo moi ben.

B: As cousas cambiáronlle moito, don Domingo, desde que vostede deixou a Delegación. O do PSOE é un sobriño dese Jacinto Calvo do que fala, Ricardo Jacinto Varela, que lle fixo unha fundación ao seu tío que agora investiga unha xuíza de Lugo desas que andan remexendo en todo. Onde imos parar! E o Baltar que deixou a vicepresidencia do Parlamento era o fillo, que foi suceder na Deputación o seu pai, que agora tamén está imputado.

D.D: Agradézolle o que por fin me vai contando. Imos ver os grupos parlamentarios, aínda que coa súa letra me vai ser imposible ler máis sen que vostede estea un pouco máis espelido. Debería darse unha ducha. Vexo aquí que hai algo que se chama Alternativa de Esquerda de non sei que. Ten algo que ver con Esquerda Unida? E ese Díaz que está de vice-voceiro, debe ser Suso Díaz, o de Astano, o secretario xeral de Comisións Obreiras de Galicia que tiña un xemelgo nacionalista, non é?

Descarga un fragmento máis amplo do terceiro capítulo do libro

 

Capa do libro CC-BY-SA Praza&Meubook

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.