O decreto foi aprobado o 4 de agosto pero ocultado aos medios na listaxe de decisións do Consello da Xunta daquel día e obvia a condena do Supremo ao organismo por nin investigar o reparto do mercado de Monbus e Alsa
O 4 de agosto, no último Consello da Xunta do verán, o Goberno galego aprobou un decreto polo que renovou outros seis anos máis ao popular Ignacio López-Chaves como presidente da Comisión Galega da Competencia, cargo que ocupa desde 2019. Malia a relevancia da decisión, con rango de decreto, só por detrás das leis, o presidente Rueda nada dixo do asunto e a Xunta ocultou esa aprobación na listaxe de decisións que traslada aos medios de comunicación, na que figuraban outros dous decretos sobre formación de profesorado e rexistro sanitario de empresas de alimentación.
É o Diario Oficial de Galicia (DOG) o que agora revela a renovación de López-Chaves, veterano cargo do PP que ocupa un posto que segundo a normativa debe ser para "xuristas, economistas e outros profesionais de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito de actuación da comisión".

A renovación en secreto de López-Chaves chega despois de que hai ano e medio o Tribunal Supremo ratificase e fixese firme unha condena da Comisión Galega da Competencia por nin sequera investigar o reparto do mercado das liñas de autobús da Xunta entre Monbus e Alsa. A Xustiza censurou que Competencia arquivara o caso tras recibir unha denuncia e mantela baixo "información reservada" durante "un ano e nove meses, sen practicar ningunha dilixencia". E cualificou de "ineficiente" o traballo do órgano que debe velar polo libre mercado en Galicia "ao deixar de investigar as cuestións postas de relevo polas denuncias, sen comprobar as mesmas".
A Xustiza cualificou como "ineficiente" o traballo de Competencia por non "practicar ningunha dilixencia" para investigar o reparto do mercado dos buses entre Monbus e Alsa
A Comisión Galega da Competencia que arquivou ese caso sen sequera investigalo tiña un Pleno composto por tres membros: o seu presidente, Ignacio López-Chaves, e dúas vogalías ocupadas pola tamén ex-deputada do PP e profesora da USC María Teresa Cancelo e o igualmente profesor da USC Daniel Neira.
López-Chaves foi elixido concelleiro do PP en Vigo en 2003 e despois foi un duro deputado da oposición ao goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta entre 2005 e 2009, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo entre 2011 e 2015 e delegado da Xunta en Vigo entre 2015 e 2019, cando foi nomeado presidente da Comisión Galega da Competencia.

Tras a condena de Competencia, ese organismo rexeitou facer valoracións da mesma e o presidente Rueda fixo o mesmo argumentando que é "un órgano independente". Agora é o propio Rueda o que asina o decreto de nomeamento de López-Chaves por outros seis anos máis á fronte do organismo.