O órgano presidido polo popular López-Chaves non aclara se xa iniciou un expediente sancionador ás empresas como ordenou hai mes e medio o TSXG
O 10 de marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha sentenza na que ordenou á Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, sancionar a Monbus e Alsa por repartirse o concurso que a Xunta convocou en 2020 para renovar liñas de bus. Mes e medio despois a comisión non aclara se xa iniciou ese expediente sancionador ou recorreu a sentenza, entre outras preguntas que lle trasladou Praza.gal despois de que o Goberno galego se desentendese da cuestión argumentando que ese ente é independente.
Tras facerse pública a sentenza do TSXG o propio presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, argumentou que a Comisión Galega da Competencia, adscrita ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dependente da vicepresidencia económica da Xunta, é un “órgano independente”. Así o asegurou malia que foi o Goberno galego quen nomeou en 2019 o seu presidente, López-Chaves, así como os dous vogais de que consta o seu pleno, entre eles a tamén ex-deputada do PPdeG María Teresa Cancelo.
Tras ese distanciamento do Goberno galego do órgano cuxa actuación vén de ser condenada pola xustiza este diario púxose en contacto directamente coa Comisión Galega da Competencia para tentar obter a súa valoración da sentenza. Desde a comisión indicaron verbalmente primeiro que debera ser o gabinete de prensa do vicepresidente económico quen xestionase as consultas dos medios de comunicación.
Despois abriu a posibilidade de formulalas directamente á propia comisión por correo electrónico xa que “se son preguntas relacionadas coa comisión podería respondelas o presidente”. “Sempre que sexan temas de competencia, o presidente podería contestalas perfectamente”, incidiron desde a comisión.
Ante ese ofrecemento este diario preguntou se a comisión vai recorrer ou xa recorreu a sentenza do TSXG, ou se pola contra xa iniciou o expediente sancionador contra Monbus e Alsa. Tamén se preguntou se o presidente e o pleno da comisión se consideran independentes malia ser nomeados polo Consello da Xunta. Mesmo se pediu unha valoración sobre se o tempo que tarda en resolver moitos expedientes, como sucedeu no caso agora condenado, se debe a unha falta de persoal. Unha semana despois ningunha das cuestións obtivo aínda resposta.