A finais do pasado marzo coñeciamos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu por acreditado que dúas grandes empresas do sector dos autobuses, Monbús e Alsa, se repartiron o concurso da Xunta para renovar as liñas do sector. Respondía así á denuncia dunha consultora que asesorara outras compañías que se sentiran prexudicadas nese concurso e ordenaba á Comisión Galega da Competencia, que depende da Xunta, que as sancionase.
Este ditame xudicial coñeciamolo poucos días antes dunha folga no sector, que os principais sindicatos levaron adiante o pasado 31 de marzo. E tamén poucos días antes de que Praza.gal adiantase en exclusiva que un xulgado abriu dilixencias por prevaricación administrativa contra o director xeral de Mobilidade da Xunta. Fíxoo en resposta a unha denuncia da Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia, que se sente prexudicada polo dominio de Monbus nesas concesións.
Explicamos as diversas fontes de conflito abertas no sector dos autobuses, marcado nas últimas semanas polos pronunciamentos xudiciais
Con todo este pano de fondo, no novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, imos tentar poñer en orde todos estes feitos en torno ao sector dos autobuses, o principal transporte público do día a día para moitas persoas e o principal que depende do Goberno galego. Coma sempre, para acompañar os feitos con contexto e memoria.
Coa axuda de David Reinero, xornalista de Praza, comezamos lembrando que estas adxudicacións de autobuses non responderon a unha decisión voluntaria da Xunta para, por exemplo, reformular a súa política de mobilidade A súa orixe hai que buscala en 2016, nun pronunciamento do Tribunal Supremo que confirmou o que denunciara a Comisión Nacional da Competencia: a prórroga de ducias de concesións de autobuses por toda Galicia que decidira o goberno de Feijóo fora ilegal por contravir a normativa europea.
Esa sentenza obrigou a convocar un novo concurso e aí é onde entran en xogo os pactos entre Monbús e Alsa. Pactos que non foron ocultos, senón públicos: ambas empresas concorreron xuntas a diversos lotes dos 130 convocados polo Goberno galego e, ao tempo, non competiron no resto. É neste punto onde xorden os diversos conflitos no sector cuxas repercusións analizamos neste episodio.
A despedida de Leilía
No segundo tramo do Fálase detémonos nun tema ben diferente e en máis agradable. Despois de que, o pasado marzo, as Leilía aproveitasen o seu concerto na Festa do Queixo de Arzúa para anunciaren a súa despedida dos escenarios, a xornalista de Praza.gal Ana G. Liste puido entrevistar unha das integrantes do grupo, Ana Rodríguez, para falar desa despedida, pero tamén -e sobre todo- destas tres décadas de traballo clave para a recuperación da tradición oral da música galega.
No Fálase escoitamos como Ana Rodríguez explica ata que punto foi clave chegaren "cando as informantes (...) tiñan aínda memoria viva do que elas puideran vivir e aprender de primeira man" para conservar todo ese inmenso patrimonio musical e cultural. Con ese labor, evoca, "dáste conta de que estás facendo un traballo etnográfico, de recuperación de país. Chegamos a tempo para ser ponte directa entre as aldeas e o presente".
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.