O Goberno galego condiciona mudanzas nos contratos que reclaman as empresas a que o Goberno de España o habilite legalmente
Como o pasado 31 de marzo, estes xoves 27 e venres 28 de abril haberá folga no sector do transporte de viaxeiros en autobús, unha protesta que a partir do 8 de maio pode converterse en indefinida se patronal e sindicatos non chegan a un acordo para mellorar as condicións laborais. Unha patronal que, no caso das concesións de servizos públicos, sexa transporte regular ou escolar, reclama máis cartos ás administracións e mesmo mudanzas nos contratos xa asinados.
Ante esta situación, este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a folga é un conflito laboral que afecta a todo o sector, non só aos servizos públicos, e que debe arranxarse no sector. E lembrou que nos últimos tres anos a Xunta, no atinxe ás concesións públicas, xa achegou ás empresas uns 60 millóns de euros máis do que contemplaban os contratos asinados.
A pasada semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou a preguntas de Praza.gal que o seu Goberno vén mantendo reunións co sector nas que este non só lle pediu máis cartos para compensar a inflación xeral senón tamén mudanzas nas condicións das concesións asinadas na gran reestruturación de liñas de 2019 e 2020. Sobre a cuestión dos cartos o presidente dixo entender “as dificultades lóxicas” das empresas e indicou que se estaba nunha fase “técnica” de decidir a contía. Porén, sobre os posibles cambios das condicións das concesións, Rueda dixo que o que se faga será “cumprindo estritamente o que estaba nos contratos”.
A conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, fala de "aposta sen precedentes por axudar ao sector" e asegura que "desde a Xunta fixemos todo o que estivo nas nosas mans"
Este luns, preguntada pola folga, a conselleira dixo que por parte da Xunta é o Consello Galego de Relacións Laborais quen está a mediar entre patronal e sindicatos, pero ela mesma salientou deseguido que o Goberno galego destina “120 millóns ao ano” aos servizos públicos de transporte por estrada no que cualificou como “unha aposta sen precedentes por axudar ao sector”. E engadiu que só nos dous últimos anos, “como consecuencia da pandemia e da guerra de Ucraína”, destinou a maiores ao sector 45 millóns de euros “para garantir a viabilidade e tamén axudar á relación laboral dos traballadores”, aos que sumou que “recentemente temos ofrecido 16,5 millóns de euros a maiores”.
Vázquez asegurou que “desde a Xunta fixemos todo o que estivo nas nosas mans” e reclamou que agora sexa o Goberno de España quen autorice unha “habilitación legal” para unha “revisión extraordinaria” das concesións como a que xa permitiu revisar á alza os prezos dos contratos de obras públicas polo encarecemento dos materiais. Nese eido a Xunta optou por impulsar a finais de 2021 unha reforma legal en Galicia que uns meses despois tivo que rectificar por invadir competencias estatais. Agora, di, é necesaria esa habilitación por parte do Goberno de España.
E ante a pregunta de se esa habilitación estatal permitiría só revisar á alza os custos ou tamén as características técnicas dos contratos, que o xoves o presidente apelaba a cumprir “estritamente” fronte as peticións das empresas de poder desprazar vehículos entre distintas concesións, a resposta de Vázquez foi que “toda achega a maiores para revisar os contratos, benvida sexa”.
A nova folga e as peticións de máis cartos e mudanzas nas concesións por parte das empresas chegan despois de semanas de convulsión no sector. O 21 de marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo pública unha sentenza na que estableceu que a principal empresa, Monbus, pactou cunha competidora, Alsa, repartirse parte das concesións que a Xunta sacou a concurso en 2020. E o 6 de abril Praza.gal revelaba que un xulgado viña de abrir dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta por supostamente non facer cumprir as condicións dos contratos ás empresas que os están a incumprir, nomeadamente Monbus.