Parte da patronal reclama tamén mover os vehículos entre cada concesión en función das súas necesidades en lugar de garantir sempre os mesmos buses en cada servizo como se comprometeran, o que os abocaba a mercar máis
Desde finais de marzo a Xunta vén mantendo varias reunións coas principais federacións de empresas de autobuses de Galicia, que piden máis cartos para as concesións de servizos públicos que se adxudicaron. Parte da patronal do sector reclama tamén poder mover os vehículos entre cada concesión en función das súas necesidades en lugar de garantir sempre os mesmos autobuses en cada servizo, como se comprometeran, o que os abocaba a mercar máis.
Na primeira desas reunións, ningunha delas feitas públicas pola Xunta, participou o propio presidente, Alfonso Rueda, que así o recoñeceu este xoves a preguntas de Praza.gal. Rueda di comprender “as dificultades lóxicas” das empresas ante a inflación pero asegura que a Xunta fará cumprir “estritamente o que estaba nos contratos”.
O sector dos autobuses con concesións públicas leva semanas de convulsións en Galicia. O 21 de marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo pública unha sentenza na que estableceu que a principal empresa, Monbus, pactou cunha competidora, Alsa, repartirse parte das concesións que a Xunta sacou a concurso en 2020. E o 6 de abril Praza.gal revelaba que un xulgado viña de abrir dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta por supostamente non facer cumprir as condicións dos contratos ás empresas que os están a incumprir, nomeadamente Monbus.
Rueda di comprender “as dificultades lóxicas” das empresas ante a inflación pero asegura que a Xunta fará cumprir “estritamente o que estaba nos contratos”
Unha das cuestións que a asociación Galibus, denunciante do director de Mobilidade, argumentou na súa demanda -tamén a vén criticando o BNG- foi que Monbus estaría a empregar os mesmos autobuses en varias concesións distintas malia que o concurso público da Xunta establecía que as empresas tiñan que comprometer uns vehículos determinados, identificados coas súas matrículas, a cada contrato. Esa medida permitiría garantir que sempre houbese autobuses dispoñibles para cada liña, facilitar a supervisión das características dos vehículos esixidas para cada servizo e incentivar as empresas a renovar a súa flota e mercar máis vehículos.
Pero parte das empresas de autobuses queren que en lugar dunha lista de vehículos adscritos a cada concesión haxa unha lista única a nivel de toda Galicia dos autocares que cada empresa pode empregar nunha ou outra concesión -hai máis dun cento en toda Galicia- segundo as súas necesidades. Unha mudanza na que están especialmente interesadas as empresas con varias concesións, non as que só se fixeron con unha, pero que non é o que se esixiu nos pregos de condicións e nos contratos asinados.
Ese cambio do modelo actual de adscrición de vehículos a cada contrato por outro de ‘lista única’ de ‘vehículos activos’ é unha das reclamacións que fan á Xunta parte das empresas de autobuses, que formulan a posibilidade de que cada concesionaria elixa un ou outro modelo. Outra das peticións é que a Xunta dedique máis cartos públicos a esas concesións de liñas regulares e escolares polo incremento da inflación, uns 6 millóns máis este 2023 e uns 8 millóns en 2024, segundo un primeiro documento empregado polas empresas nas súas reunións co Goberno galego. Como comparación, a Xunta xa destina uns 84 millóns de euros ao ano a financiar o sistema de transporte público.
Este xoves o presidente Rueda xustificou, a preguntas de Praza.gal, que non se divulgase aínda nada das “varias reunións” mantidas entre a Xunta e as empresas porque “hai moitísimas reunións ao longo da semana”. El mesmo, admitiu, estivo presente no primeiro encontro a finais de marzo e nel as empresas “manifestaron as dificultades lóxicas que eu podo entender respecto a unhas concesións que se acordaron no seu momento cando a inflación estaba practicamente a cero e a situación que teñen neste momento cuns custos moi diferentes que repercuten segundo manifestaron no equilibrio financeiro das concesións”.
"A necesidade de equilibrar as concesións non se pode descoñecer", di Rueda, que aclara que agora a Xunta está nunha fase "técnica" de decidir a contía
Rueda tamén indicou que en seguintes reunións nas que el xa non estivo “se seguiu falando de posibles actuacións para un reequilibrio concesional”, situación contemplada nas leis para incrementar os cartos públicos en todo tipo de concesións cando se producen determinados feitos non previstos inicialmente. Segundo o presidente, “a necesidade de equilibrar as concesións non se pode descoñecer”, pero “cumprindo estritamente o que estaba nos contratos”.
Segundo Rueda, agora hai “conversas máis técnicas” para decidir as contías dese reequilibrio concesional, conversas que lembrou que “existen igual que con outros concesionarios de servizos públicos”. Porén, o presidente incidiu en que o que se acorde será “sen incumprir os compromisos asinados” por parte das empresas nos contratos de concesión.